Opinión | De bolina

Vivo cantando (e II)

Declarándose os/as tales “convencidos/as defensores/as” (sic) dos labores interpretativos de X.A. Touriñán –en concreto, no que respecta á miniserie televisiva La Canción– e/ou aínda das esplendideces do Festival da Canción de Eurovisión, velaí que se poñen en contacto co responsable destas liñas (que hoxe se despiden deica setembro; moi feliz verán para todos e todas) algúns de entre os, sempre moi amables, lectores e lectoras destas crónicas semanais. Canto aos motivos do requerimento, estes radican en determinados aspectos da temática vertida na columna –“Vivo cantando”– aparecida o pasado sábado neste mesmo lugar. A saber: en primeiro lugar, a miña crítica, segundo eles/elas, verbo das calidades da personaxe encarnada por Touriñán –isto é o, daquela, ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne– e así mesmo canto ao feito de que “Vde. fala moito dos, supostos, erros en materia de ambientación histórica das series españolas pero non di nin unha palabra no tocante a esoutros que presentan as producións norteamericanas”. Pois ben; meus e miñas, imos alá de contado.

A ver: se Vdes. repasan con calma o contido de “Vivo cantando”, comprobarán moi axiña que escribín aí exactamente o seguinte: “Nada que obxectar, desde logo, á feliz interpretación do de Culleredo. Mais si, con todo, ao(s) reponsable(s) dos diálogos”. Xa que logo, o traballo desenvolto por Touriñán –así como o dos demais co-protagonistas da miniserie– paréceme estupendo. Pero non podo constar, porén, o mesmo cando o Fraga televisivo se dirixe a Franco como “caudillo” ou “Don Francisco”, formas imposibles, no lugar de “excelencia”, “vuestra excelencia.” Polo demais, naturalmente que hai erros inasumibles nas series e filmes made in Hollywood. E tanto é así que noutra “de bolina” xa comentamos que unha cousa é aceptar determinadas licenzas, algúns consentimentos en favor dun mellor artello da trama e outra, moi diferente, caer no puro despropósito e eis, sen ir máis lonxe –e nesa crónica foi tratada presisamente a cuestión–, o esperpéntico Napoleón que nos veu presentar hai pouco, nin máis nin menos, que todo un Ridley Scott: o emperador transmutado nunha sorte de monicreque que, dalgún xeito, parece querer redimir o propio Scott cara ao final da fita, situándoo á fronte dunha inaudita carga da cabalería francesa nunha, asemade inconcebible, batalla de Waterloo.

Desde logo, esoutro “Waterloo” dos Abba. Pero tamén “Nel blu dipinto di blu” de Domenico Modugno, “No ho létà” de Gioglia Cinquetti, “Après toi” de Vicky Leandros, “Hold me now” de Johnny Logan ou, xa máis próximos no tempo, “Zitti e Buoni” de Mareskin, “Heroes” de Mans Zelermerlöw, “You are the only one” de Sergey Lazarev, “Soldi” de Mahmood, “Euphoria” de Loreen ou “Amar pelos dois” de Salvador Sobral. Certamente, si que pasaron boas entregas por Eurovisión no transcurso dos anos; as unhas alcanzaron o premio e outras non, pero todas permanecen na mellor memoria. Xa polo que se refire a España, eis “Yo soy aquel” de Rafael, “Eres tú” dos Mocedades, “Bailar pegados” de Sergio Dalma ou as excelentes actuacións –mellor que os temas que presentaron, “Quédate conmigo” e “Vuelve conmigo”, respectivamente– de Pastora Soler e Anabel Conde.Engadáselles, claro é, o “La, la, la” de Massiel: un pop simple, directo e ben construído daquela xeira.

Agora ben; “se é navarro, non é pensamento e se é pensamento, non é navarro”, afirmaba Pío Baroja en relación a un periódico carlista de outrora. Pois ben; tendo en conta as, demasiadas, situacións turbulentas e conxunturas opacas, os televotos de escasa -ou nula- fiabilidade, o “douche/dásme” entre países... vividos polo certame e alleos por completo ao limpo devir de redondas, corcheas e semifusas. Atendendo todo iso, si que coido que cabe sentenciar -e moi a pesar de todos os intérpretes sinalados máis arriba– algo semellante a que “se é Eurovisión, non é música e se é música, non é Eurovisión”. En fin, canto á inefable Melody, e logo dos seus últimos despropósitos, alguén debería explicarlle á rapariga esoutro perigo á vista: que alguén vaia anotar que “se se trata realmente dunha diva poderosa, daquela non é Melody. E se se trata realmente de Melody, daquela...” Pois nada, meus e miñas: que viva María, que viva Victoria, Cleopatra!

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents