Opinión

Alberto González-Garcés

A educación e o Día do Medio Ambiente

Dedicado ao CEIP Escultor Acuña

As Nacións Unidas celebran cada 5 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente. Este ano centrouse en concienciar e motivar as persoas, organizacións, industrias e gobernos para adoptar medidas prácticas que permitan diminuír, e mesmo poñer fin, á contaminación por plásticos.

Segundo as Nacións Unidas o problema é moi serio, xa que no mundo están a producirse máis de 43 millóns de toneladas de plástico ao ano, das cales dous terzos son produtos efémeros que en pouco tempo se converten en refugallos que invaden os océanos e, a miúdo como microplásticos, chegan á cadea alimentaria humana. É evidente que se o problema lles preocupa ás Nacións Unidas, debe preocuparnos a nós tamén. Saúde do planeta, saúde dos océanos, saúde das persoas. A cuestión é seria.

A gran responsabilidade de buscar solucións correspóndelles aos gobernos e á industria. Pero as persoas individuais xogamos un papel decisivo por medio de dúas vías de actuación. Por unha banda, esixindo aos nosos gobernos que se tomen as medidas adecuadas para resolver o problema e, por outra, a través do noso comportamento individual. Hai múltiples maneiras de evitar ou diminuír drasticamente o uso de plásticos. Axudemos á nosa contorna minimizando o seu uso.

Outra vía fundamental para avanzar no respecto ao medio ambiente, tanto no caso dos plásticos como noutra faceta calquera, é a educación. Neste sentido o 5 de xuño levei unha moi grata sorpresa. Camiñaba pola rúa de regreso á miña casa e polo camiño vin como nos xardíns dun colexio de Educación Infantil e Primaria había un nutrido grupo de alumnos cantando e coreando algunha cousa. Como son curioso por natureza —procedo da investigación— quedei observando. Decateime de que era a despedida por xubilación dun dos profesores, Xosé Antonio o seu nome. Oín os discursos ben medidos de nenos e nenas. Pero, sobre todo, fixeime en que o agasallo-homenaxe que lle facían ao profesor era unha oliveira para que a plantase el mesmo nos xardíns do colexio. A oliveira, símbolo da cidade e da lonxevidade, ao poder vivir máis de mil anos, igualmente é símbolo da resiliencia na natureza. Por certo, como é lóxico, tamén cantaron «Oliveira dos cen anos».

Quedei pensando e díxenme: eses nenos están ben educados. Cando queren homenaxear un profesor pensan no medio ambiente. Os alumnos nos seus discursos, plenamente conscientes, mencionaron que aínda que a xubilación do mestre se produciría a finais de curso, a festa a facían o 5 de xuño por ser o Día Mundial do Medio Ambiente e que tamén por iso elixiran unha oliveira como agasallo. O docente plantouna emocionado. Un orgullo para o profesor e un orgullo para a nosa sociedade.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents