Opinión | Crónicas galantes
A Eurovisión das Letras cantareiras
Coincidiu neste sábado de aí atrás o Día das Letras co Festival de Eurovisión no que para algúns será un irrelevante azar do calendario. Se cadra é así, pero non deixa de chamar a atención o dato de que a festa literaria de Galicia honrase precisamente neste 17 de Maio ás cantareiras. Igual non hai tanta casualidade coma seica puidera parecer.
Está recente aínda o caso das Tanxugueiras, que a piques estiveron de concursar por España hai tres anos. Malia contar co voto maioritario do público, o xurado da preselección estimou que un tema adornado de aturuxos e pandeiretas non encaixaba cos requirimentos do festival. Nunca o saberemos.
Poucos han lembrar, sen embargo, que unha cantareira galega xa fora subcampioa de Eurovisión moitos anos antes.
Certo é que Verónica Codesal, filla de lugueses de Guitiriz, representaba na edición de 2003 a Bélxica coma vocalista do grupo Urban Trad; pero ese detalle máis ben anecdótico non fai senón afianzar a súa clara orixe. Os galegos, coma os de Bilbao, nacen onde lles peta: e no caso de Codesal a localidade elixida foi Bruxelas.
A cantareira belgalega formaba parte, ademais, do grupo Ialma, que leva gravados na capital de Bélxica varios discos de foliadas, muiñeiras e desafíos. Nada máis natural que representase hai vinte dous anos a outra nación distinta da dos seus pais, xa que, a fin de contas, o mundo é a vasta patria natural dos galegos.
Por si eses trazos de galeguidade non foran dabondo, a cantareira Codesal competiu naquel xa afastado ano do subcampionato cunha canción composta nunha lingua inexistente. A letra, baixo o título de Sanomi, soaba imparcialmente a galego, a francés, a inglés e a flamenco; pero resultaba inintelixible en calquera deses idiomas ou non importa cal outro. A imaxe dunha belgalega cantando en trampitán nun escenario de Letonia parece unha daquelas maxias narrativas ás que nos tiña afeitos o mestre Cunqueiro. Pero foi real.
O caso é que os turcos, que sempre andan polo medio desde os tempos do magnífico Solimán, arrebatáronlle daquela un triunfo que había ser histórico a unha cantareira do país. Aos belgas e galegos en xeral quedounos canda menos o segundo posto nunha Eurovisión que, case tan expansiva como Galicia, xa abrangue desde Australia a Israel e mesmo á antes amentada Turquía.
Agora que España teima, sen o menor éxito, en presentarse a Europa coma o país cañí que por fortuna xa non é, bótase de menos que RTVE non amplíe un pouco o arco cara outras músicas da Península. O madrileño C. Tangana xa demostrou coa súa «Oliveira dos Cen Anos» que un tema galego con cantareiras incluídas pode acadar millóns de ouvintes no mundo e mesmo formar parte das playlists do The New York Times. España debera telo en conta, por si soa a pandeireta.
Polo de agora só queda conformármonos coa inesperada conxunción do Día das Letras cantareiras e o Festival de Eurovisión na mesma data. Igual é un signo anunciador de que as cousas van mudar de rumbo, aínda que non importe moito. Con ou sen Eurovisión, Galicia segue a ser un mundo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Desaparece la heredera de la histórica discoteca Daniel: «Por aquí hasta vino el rey»
- Ni Tui ni Baiona: este es el pueblo más bonito de la provincia de Pontevedra según la revista Viajar
- La portavoz del PSOE de Mos, Victoria Alonso, renuncia a su acta de concejala
- La playa de arena negra más bonita de España está en Galicia: custodiada por un barco naufragado y en una aldea con solo dos habitantes
- Habla la embarazada que se fugó de Asturias para que no le quiten el bebé: 'Mañana me provocan el parto, volveré para el juicio
- Ni Rodas ni Samil: un portugués en Galicia descubre la playa con el agua más «caliente y cristalina» cerca de Vigo
- Contactos entre las Fuerzas Armadas e ingenieros españoles especialistas en análisis de amenaza electrónica rusa
- El histórico pesquero «Capricorn» desvela su precio