Opinión
De re lexicographica (IX)
A voz meluria
Abrir un dicionario e lelo ofrécenos un océano de posibilidades: podemos navegar polas definicións breves e concisas a maneira de aforismos ou disfrutar da variedade inabarcable que nos ofrece aberto ao chou: palabras comúns, insólitas, eufónicas ou malsoantes, milenarias, populares, históricas, pedantes, multilingües, dialectais, pudorosas etc.
Pero nada comparable ao pracer de escoitalas como encontro inesperado despois de moitos anos de ausencia. Sucedeunos hai poucos días cando Cándido e Rosamari regresaron despois dunha fin de semana nas Rías Baixas. Como antes de saír mostraran o seu termor polo tempo que lle depararía a súa estancia no Grove, o primeiro polo que lle preguntei ao regreso foi o parte meteorolóxico e a resposta segue aínda a rebulir no meu maxín: «Moi ben, cando chegamos a Vilagarcía meluriaba e estivo así, meluriando, ata as cinco da tarde....despois sol e temperatura boa ata a volta».
Deilles un abrazo, non polo esperado regreso, deillo porque me proporcionaron o pracer de escoitar unha palabra con sabor a infancia, a mar, a vida... meluria (sustantivo), meluriar (verbo impersoal), ese chover doce e bretemoso que, máis que mollar, enchoupa. Ao escoitala foi como atoparse cun amigo que un cría morto e de repente está a sorrir diante de un coma unha aparición milagreira.
É unha palabra moi mariñeira que proporcionaba valiosísima información en tempos nos que escaseaba esta; efectivamente a palabra supoñía que o mar estaba calmo, que había pouca visibilidade e que as incomodidades desa chuvia quedaba compensada pola tranquilidade dunha faena con menos riscos a bordo das pequenas embarcacións tradicionais.
Na forma «meluria» é unha voz descoñecida nos dicionarios galegos; non obstante algúns recollen a variante melura, por exemplo Valladares (1884) coas acepcións de «Dulzura, llovizna» e tamén aparece en Eladio Rodríguez (1958) con acepcións máis matizadas.
Semella ser o sustantivo «mel» a súa procedencia, co engadido do sufixo da palabra «dozura» para «melura»; no caso da nosa «meluria» probablemente se cruzase analoxicamente tamén no camiño a palabra «chuvia» para dar a «meluria», ‘chuvia doce». De seu uso frecuente e vivo actualmente dá boa conta o verbo derivado meluriar que se conxuga do mesmo xeito impersonal que «chover».
Obviamente a palabra foi tamén empregada por escritores, tal é o caso dos rianxeiros, xa clásicos, Castelao, Manoel Antonio e Rafael Dieste; nunha carta que se cruzaron os dous últimos datada en maio de 1921 Dieste fala da «meluria y-o vento asubiante», que o editor das cartas, García Sabell (nota 12 da súa edición, Galaxia, 1979), deixa en branco o espazo da voz e dá como explicación da ausencia a «rilladura dos ratos».
O responsable da edición recorre a esta coartada en numerosas ocasións; cando anos despois editamos o epistolario de Manoel Antonio poidemos comprobar o perfecto estado de conservación e lexibilidade das cartas. O que sucedeu foi que cando se atopa cunha dificultade que non lle soluciona o dicionario culpabiliza aos ratos en vez reclamar aos autores dos repertorios léxicos a incorporación de certas voces.
Conste que aínda que quen se responsabiliza da edición das cartas é García Sabell, sempre sospeitei que había mans alleas no traballo e así o deixei expresado na nosa edición posterior das cartas do rianxeiro (Manuel Antonio, Epistolario, Fundación Barrié, 2015).
De calquera xeito a voz «meluria», chantada no media da Ría de Arousa, é un testemuño do arraigo fecundo que acadan as palabras usadas polo pobo e ao mesmo tempo son proba fecunda da súa intuición lingüística capaz de cruzar analoxicamente varias palabras (mel, dozura e chuvia) para que a resultante final se presente dotada de certas connotacións que completan e nivelan o seu significado.
Suscríbete para seguir leyendo
- La calle donde mejor se come en España está en Galicia y tiene 80 bares en 150 metros según la revista Viajar
- Rescatan de un contenedor a una mujer que intentaba recuperar un artículo en Soutomaior
- «Le invitó a cocaína y lo violó»: ratificada la condena por agresión sexual y robo a un joven en un parking de Vigo
- El pueblo gallego que no tiene turismo: playas vírgenes y está declarado Conjunto Histórico-Artístico
- El vigués que apuñaló a su exmujer ya mató al hermano hace dos décadas
- Habla la embarazada que se fugó de Asturias para que no le quiten el bebé: 'Mañana me provocan el parto, volveré para el juicio
- Un coche vuelca en Domaio y el ocupante se muestra agresivo con la Policía tras dar positivo en alcohol y drogas
- Los narcos detenidos almacenaban la droga en el parking del Álvaro Cunqueiro de Vigo