Opinión

A lírica popular no Día das Letras Galegas 2025

A Real Academia Galega (RAG), tal como explica Ana Boullón Agrelo, académica numeraria da RAG, acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2025 á poesía popular oral, personificada en sete mulleres cantareiras: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, de Mens, integrantes estas catro últimas das Pandeireteiras de Mens (Malpica).

Máis alá destas cantareiras concretas, existe en Galicia unha lírica popular de moitísima relevancia que foi transmitida fundamentalmente por vía oral grazas ás cancións que pasaron de xeración en xeración sen un soporte escrito. A finais do século XIX, certas agrupacións tales como o Orfeón Coruñés ou Aires da Terra, de Pontevedra, comezaron a recoller algunhas destas cancións e transcribilas. Esta recollida foi continuada por outros grupos e orfeóns. Máis tarde, investigadores e estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, especialmente Constantino García, catedrático de Filoloxía Románica e primeiro director do Instituto da Lingua Galega, e os seus alumnos, fixeron un grande esforzo neste sentido e ao tempo de recoller cancións, tamén foron buscando palabras usadas no medio rural. Lémbrome de cando a finais dos anos sesenta e primeiros dos setenta do século pasado eu axudaba a algúns destes estudantes a buscar os nomes das partes do carro ou dos muíños preguntando ás xentes dos vales do río Mero e do Sil e mais polo Portádego, en Culleredo.

Así mesmo, ao longo dos anos setenta e oitenta Antón Santamarina, autor do Atlas Lingüístico Galego, compilou unha gran cantidade de cancións populares que foron completadas coa inxente e metódica recollida da musicóloga suíza Dorothé Schubarth. Ambos, despois dun labor conxunto de moitos anos, publicaron, entre 1984 e 1995, os sete tomos do Cancioneiro Popular Galego, no que se inclúen melodías, partituras e letras, que é considerado a biblia dos cancioneiros galegos.

Esta música que naceu nas vilas e aldeas galegas como acompañamento do traballo nas rogas —práctica de axuda mutua entre veciños para realizaren certos traballos, especialmente os agrícolas— e para amenizar comidas, ceas ou festas familiares e populares, así como para os encontros e regueifas entre homes e mulleres, tamén foi recadada por algúns grupos musicais, entre eles Fuxan os Ventos e, algo más tarde, Leilía. Máis recentemente, este labor está a ser continuado por toda unha serie de músicos, en parte investigadores, tales como as Tanxugueiras, Mondra, Fillas de Cassandra, Grande Amore, Baiuca e Aliboria, Caamaño & Ameixeiras, Xabier Díaz, Sés, Samuel Soto e moitos outros.

Segundo o mencionado Antón Santamarina, académico numerario da RAG, «nas cantigas populares hai xoias poéticas extraordinarias e hai ademais un galego enxebre e saboroso. Coa axuda das cantareiras homenaxeadas (que xa non están entre nós) e de tantos intérpretes que por Galicia adiante beben do seu legado, esperamos que no 2025 o Día das Letras Galegas dure todo o ano, aínda que a festa maior sexa o 17 de maio».

Tal como menciona Antón Santamarina, todas esas cantareiras homenaxeadas faleceron xa, pois o Regulamento de Réxime Interno da RAG no seu artigo 7 di: «Na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas [de cada ano] o Plenario da R.A.G. escollerá o persoeiro a quen se lle dedicará esa conmemoración no ano vindeiro. A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. En calquera caso deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día». Así pois, queda explícito que os persoeiros, homes ou mulleres, aos que a RAG dedique o Día das Letras Galegas, deberon falecer polo menos dez anos antes do seu nomeamento ou designación no primeiro pleno seguinte ao Día das Letras Galegas. A RAG ten que facelo así porque así o establece o seu propio Regulamento.

Con este texto quérome unir á celebración da lírica popular promovida pola Real Academia Galega e facer a miña particular homenaxe ás cantareiras, verdadeiras creadoras e transmisoras de arte e beleza, cunha despedida tomada do Cancioneiro Popular Galego: Eí vos vai a despedida, / o que deu o ghalo á pita, / non me podo despedir / destas caras tan bonitas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents