Opinión

sara outeiral

A nosa dor é tanxible e verdadeira

O 12 de maio, Día Internacional da Fibromialxia e da Fatiga Crónica, saímos ás rúas sen nada que agochar para deixar ben claro que non sentimos vergoña fronte o que padecemos. Nunha sociedade e nun Estado que nos estigmatiza e que nos xulga polo mero feito de estar enfermas, cómpre dar pasos avante co fin de dar visibilidade e esixir un mesmo trato ca o resto de doentes, ao tempo que reivindicamos máis investigación e unha cobertura sanitaria á altura das nosas necesidades, un dereito, este, que coma cidadás nos corresponde.

Non somos tolas nin depresivas e a nosa dor é tanxible e verdadeira. Sufrimos o descoñecemento do noso entorno e non son poucas as ocasións nas que nos tachan de frouxas ou de vagas, tamén nos nosos centros de traballo. Mais somos guerreiras. Miles de guerreiras e guerreiros, loitando día a día contra a constante dúbida das nosas capacidades. Persoas, que o único que agardamos é xustiza e igualdade no camiño que nos leve acadar as nosas metas. Neste sentido, as mulleres afectadas enfrontámonos a unha dobre traba, pois debemos, ademais, sortear os obstáculos que o patriarcado nos impón. En Galicia e en case ningunha comunidade autónoma existen unidades multidisciplinares, na sanidade pública, cousa que nos facilitaría moito o tratamento e a diagnose. Temos que ser nós mesmas as que rematemos cos tabús asociados á nosa enfermidade, poñendo nun primeiro plano a nosa loita e a autoorganización das afectadas.

*Doente de fibromialxia

Tracking Pixel Contents