Opinión | De bolina

Adversarios e (falsos) paraísos

Comecemos por unha pequena aclaración filolóxica. O vocábulo adversario provén do latín adversarius, cuxo significado vén ser o de «aquel que está en fronte». Á súa vez, adversarius aparece conformado polos elementos ad- (que indica movemento) e mais o verbo versare («xirar», «moverse dun lado ao outro»). En fin, na relixion xudaica, adversario devén un dos nomes que recibe Satanás, «o que conduce os seres humanos cara ao mal».

Desde logo, coido que se fai preciso semellante discermimento toda vez que, nestes pasados días, se viñeron dirixir ao cronista algúns de entre Vdes. a se declararen ao tempo «lectores/as habituais» destas liñas semanais se ben que asemade «adversarios ideolóxicos» do autor das mesmas. E todo iso en relación coas opinións vertidas en dúas recentes columnas da miña man: «De equidistancias e censuras» e aínda «Cinema en 3R». Pois ben; quero aclarar que, pola parte que me toca, en ningún caso considero «adversario» a ninguén que se conduza de xeito democrático e honesto. «Discutidor», «recorrente», «apelante»... si que me parecen vocábulos moito máis axeitados para a cuestión que nos ocupa.

Dito/escrito o cal, acontece que na desputa arredor da pertinencia/impertinencia do libro de Luisgé Martín -El odio, arredor do caso Bretón-, non faltaron aqueles/as que se remeteron, na procura de exemplificacións, a esoutra ben célebre entrega, A sangue frío (1966), confeccionada por Truman Capote. Porén, non deixa de sorprenderme que non houbese -mentres e de que eu coñeza, canto menos- quen fose mencionar esoutro título, O adversario (2000), da autoría de Enmanuel Carrère. E non é que un servidor veña considerar que o feito de acadar un determinado premio, galardón... lle confira, si ou tamén, un certificado de honorabilidade, garantía de respecto e licenza xeral a un determinado creador. Mais, en todo caso, si que sucede que O adversario -velaí a figura do falso médico Jean-Claude Romand quen, por volta de 1993, asasinou a súa muller, os seus fillos e pais e aínda tentou suicidarse logo de semellante desfeita- vén ser un dos volumes máis considerados pola crítica internacional na traxectoria de Carrère, Premio Princesa de Asturias das Letras no ano 2021.

«You better shape up/ ´Cause I need a man/And my heart is sent on you» («Mellor que te poñas en forma/Porque eu necesito un home/E o meu corazón reparou en ti»): tal é o que lle espeta Sandy Olson/Olivia Newton-John a Danny Zuko/John Travolta no penúltimo tema de ‘Grease.’ «You´re a teaser, you turn them or/Leave them burning and then you are gone. (...) You come to look for a king» («Ti es provocadora, prendes lume neles/Déixalos ardendo e despois vaste (...) Vés procurar un rei»): eis, da súa banda, os versos de ‘Dancing Queen’, dos Abba, incluídos en ‘Mamma Mia!’ Xa postos na tarefa de rotularen «Cine de barrio», tamén pensan facer o mesmo cando repoñan -por enésima vez- calquera dos dous moi coñecidos e exitosos musicais calquera tarde destas? Ou é que, acaso, preferirán fiarse da inocencia dos expectadores/as perante o idioma inglés?

Durante os meus anos explicando leccións de literatura galega, procuraba facerlles entender aos meus alumnos e alumnas que unha cousa resulta ser Eduardo Pondal, persoa civil nacida na Ponteceso en 1835, outra diferente Eduardo Pondal «O Bardo» -tal e como o homenaxearon os membros da «Cova Céltica»- e aínda unha terceira o bardo/os bardos que figuran nos seus poemas. Coido, sinceramente, que a maior parte deles e delas acabaron por comprender as particularidades da temática. E non; non vou escribir que o ensino vaia a peor porque con toda probabilidade iso non será así. Pero si que estamos habitar nun nomento no que, xa ignorantes (ignorantes-ignorantes e ignorantes-arrogantes), xa decididos manipuladores das conciencias, non faltan, infelizmente, aqueles e aquelas a venderen ideoloxías de cartón pedra. Compañeiros/as poetas, compañeiros artistas, compañeiros críticos/as non vendamos a liberdade polos novos paraísos. Non existen os tales.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents