Opinión

A mensaxe do bispo de Tui-Vigo con motivo da elección do novo papa: «¡Bendito o que ven no nome do Señor!»

El nuevo papa, León XIV

El nuevo papa, León XIV / Marijan Murat/dpa

¡Bendito o que ven no nome do Señor!  Podemos facer nosas estas palabras do salmo 118 na ledicia de que a Igrexa xa ten un novo papa, León XIV.

Logo do sentimento de orfandade que nos deixou a morte de Francisco, esperabamos orando por un novo Pastor da Igrexa universal, e ese desexo viuse realizado na tarde de onte co anuncio dun novo papa.

Con emoción e moita ilusión acollemos a este pastor, dando grazas a Deus que non deixa de guiar e acompañar á súa Igrexa. El envíanos un Pastor e Pai que quere facer camiño connosco, sendo en palabras de san Agostiño, un bispo para nós, e un cristián connosco. Esas palabras falan de proximidade e comuñón, fraternidade e servizo. El ven co desexo de tender pontes, mediante o diálogo e o encontro, para sermos un único pobo, sempre en paz.

Ábrese un novo tempo no que seguimos camiñando en esperanza, sen medos, con ilusión e coa confianza que nos dá sabernos nas mans de Deus, acompañados por todo o pobo de Deus peregrino. Un tempo novo, de Igrexa compartida e sinodal, que busca a paz e quere seguir sendo nai acolledora para todos, especialmente para os que máis sofren.

Dámoslle grazas a Deus por este home, o pastor co cheiro a ovella que precisa a Igrexa neste momento.

León, irmán, rezámoste neste intre; rezamos unidos a ti, e manifestamos a nosa comuñón en fe e amor contigo. Toda esta Igrexa diocesana que camiña en Tui-Vigo acompáñate co noso agarimo, a nosa oración e o noso compromiso de proclamar sen medo o Evanxeo do Señor Xesús; xuntos na caridade, na tarefa, na esperanza e na paz.

O voso irmán e amigo.

*Monseñor Antonio Valín Valdés, bispo de Tui-Vigo

Tracking Pixel Contents