Opinión | Campo de Granada

Campo de Caralladas

Preséntase este martes na biblioteca da EMAO o libro de Fernando Ferreira Priegue Entre café, espuma y confidencias. El bar León y su entorno. Memorias de un barrio vigués mediado el siglo XX (Instituto de Estudios Vigueses 2025). Activista vigués das belas artes, con especial dedicación ás musicais, plásticas e literarias, autor de Crónicas de un Vigo yeyé. Historia de los conjuntos músico-vocales vigueses 1958-1975 (IEV 2008), Ferreira ofrece unha memoriosa crónica coral en primeira persoa do que foi o seu barrio de infancia e mocidade nas décadas de 1950 e 1960.

Un territorio entre o rural e o urbano, coñecido como Campo de Caralladas, enorme descampado atravesado pola rúa Urzaiz, camiño dos Choróns e do barrio de Riomao, á altura da finca Coto Modón ou Villa Enriqueta e doutras vivendas na traseira do Tercio de Afora. Espazo comunal referenciado sobre o bloque Concepción Arenal, edificio construído en 1949 polo arquitecto Fernando Gallego, chamado popularmente Casas de Pernas, o primeiro da praza de Fernando o Católico, onde nos seus baixos estaban instalados o Bar León e a tenda bar El Bloque.

Crónica da urbanización dunha terra que foi de labor (campo), propiedade dun home alcumado Caralladas, que para Iván Sestay sería probablemente gaiteiro, pois ese nome foi típico de xente festeira, músicos e bailaríns. Prevista no Plan de Reforma Interior Ensanche e Extensión (1943) de Antonio Cominges Tapias, coa intención de unir a cidade co Calvario, a urbanización do Campo de Caralladas pretendía prolongar o barrio de Casablanca coa construción dun triángulo de vivendas entre Urzaiz, Vázquez Varela e Pizarro.

Recoñecible no voo americano de 1946, no lateral quedaran vestixios da casa de Concepción Arenal, derrubada en 1949, na parte baixa existía unha mina e na superior a fonte de ferro, ademais do quiosco do fielato dos Choróns ou caseta de arbitrios onde ás portas da cidade se cobraban as taxas municipais que gravaban o tráfico de mercadorías e se exercía un certo control sanitario dos alimentos procedentes da bisbarra.

Campo de xogos de toda unha xeración, tamén a do autor, onde en días felices se xogaron interminables partidos de fútbol, desputas de indios e vaqueiros, preparación de foguetes e mesmo algunhas pelexas a pedradas cos mangallóns do barrio de Ribadavia ou de Casablanca. Peripecias relatadas polos protagonistas, nunhas páxinas emocionantes e divertidas.

A cerna do excelente libro de Ferreira, que lembra o ton literario saudoso de La acera volada de Xaime Fandiño, está no relato da peripecia do Bar León, hoxe a cafetaría decana da cidade, entón o corazón do barrio que se transformaba, dende a súa inauguración o 29 de xuño de 1953 até o seu traspaso o 1 de xaneiro de 1988 polos irmáns Elías, Joaquín e Manuel Suárez Valbuena. Familia leonesa chegada a Vigo seguindo ao tío Victorino, camareiro no Café Derby de Urzaiz, quen cos cartos da lotería mercou o Bar Zamora para crear alí o Gran Bar Buenos Aires, no recanto entre Urzaiz e a rúa Pino, onde comezaron a traballar na hostalaría os tres sobriños.

Documentado, en boa medida, coas voces dalgúns protagonistas, ao fío da vida social do Bar León, dende os seus torneos de xadrez até a súa intensa actividade celtista, Ferreira recupera a memoria do Campo de Caralladas onde se instalaban as carpas dos circos familiares, o Kron, Americano, Holanda ou o Atlas dos irmáns Tonetti, ou dos circos de variedades como o Radio Teatro ou o Teatro Circo Chino de Manolita Chen. Outro tanto sucede coa memoria do Jardín Park (antes Club Ford), a sala de festas familiar de Urzaiz 93, fronte a tenda bar El Bloque, a carón do Tercio de Afora, onde vivía o autor. Lembranza dun espazo de lecer de anos difíciles, onde no seu interior había bailes con música en directo (as tardes de xoves, sábados e domingos) e combates de boxeo e loita libre ibérica, e na pista exterior a cancha onde xogaba o Estudiantes de baloncesto.

Con prosa irónica e afiada, Ferreira lembra que no Jardín Park, montado arredor de 1950 polos donos do xardín de recreo Las Cabañas, as rapazas tiñan entrada libre, «só tiñan que bailar», mensaxe que se anunciaba pola megafonía, nun palco polo que pasaban as mellores orquestras do momento. Non esquece o autor a presenza no palco do Maese Villarejo e as súas funcións de marionetas de Gorgorito e a princesa Rosalinda, a bruxa Ciriaca e o ogro Dientes Largos. Pecharía a comezos dos 60 para construír no soar o edificio Park, onde nas galerías comerciais en 1963 abriría as portas o Cine Plata, entón o máis moderno da cidade, que funcionaría durante catro décadas.

Fernando Ferreira cose con zurcido invisible todas estas e moitas outras historias íntimas e colectivas do seu barrio, memorias imprescindibles da vida cotiá de pícaros e maiores. Recomendo este libro emocionante e gozoso. bretemas.gal

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents