Opinión | Segunda feira

Barriga Verde

Arredor da figura de Xosé Silvent Martínez

Barraca «Melodías de España» de Xosé Silvent.

Barraca «Melodías de España» de Xosé Silvent. / barrigaverde.eu

Cando eu coñecín a súa barraca de festa, esta levaba o nome de «Melodías de España» e anunciaba o espectáculo de Barriga Verde. Tratábase dun teatriño de monicreques tipo marioneta e guiñol alternado o simultáneo con técnicas diversas. O personaxe central chamábase Barriga Verde e tamén, ás veces, Traga Estopa. Empresario, autor e executor do Barriga Verde era Xosé Silvent Martínez, que nacera arredor de 1885 nun punto que se sitúa en Extremadura, Portugal e Francia. O espectáculo Barriga Verde falaba nun galego correcto e modificado por palletas que o mesmo Silvent fabricaba igual ca os bonecos e o texto teatral. A todos efectos, é considerado galego de Leres e todos o tiñan por moinante. O teatro de Barriga Verde floriu nas grandes e pequenas festas de Galicia nos anos 50 e 60 do século XX aínda que hai referencias a el moi anteriores. Os diálogos son unha sorte de entremeses mínimos con Barriga Verde como figura protagonista. Así: O cura, O toureiro, O soldado... Silvent viviu en Leres, onde casara con Emerenciana Fernández e tivo fillos. Recentemente, a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística que dirixe Xosé González Martínez acaba de lle render homenaxe ao creador de Barriga Verde. Instaláronse novas laudas sepulcrais con textos laicos e en galego. Por parte, chegaron a min dous libros eruditísimos e clarificadores sobre Silvent, da autoría de Xaime Iglesias González: O mítico Barriga Verde (Urco, Compostela, 213) e Barriga Verde na prensa. Unha escolma de cen textos (Concello de Lugo, 2019). Un poema de Luís Pimentel de 1929 certifica o inicio da fama do ilustre moinante. Mesmo Vicente Risco tomou moi en serio o cadro escénico de A morte do demo nun artigo no que el, coma especialista satánico, ben acreditaba. O grupo literario do Ateneo do Ullán, (Borobó, Faustino Rei Romero, Máximo Sar, Piñeiro Ares) escribiu moito sobre Barriga Verde. Na miña xeración tocoulle a Manuel María o labor de louvanza de Barriga Verde, que o chairego incorporou ao seu propio teatro. E no novo reino dos monicreques de Galicia todo o mundo considera Barriga Verde unha guía e un inspirador colectivo. Urbano Lugrís, quen traballou con Bartolozzi e Lorca nas marionetas e guiñol de La Barraca, comentoume que el tardara moito en saber de Barriga Verde e non puido un achegamento ao seu creador Xosé Silvent, e foi pena.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents