Opinión

Arte, ideoloxía e creatividade

Na lembranza do meu tío Moncho, tamén amigo daquel «Xudío rianxeiro»

O pasado venres o mal tempo impediu a escenificación do Santo Encontro e a posterior procesión polas rúas de Rianxo. Sempre foron cerimonias moi humildes e populares magnificadas unicamente polas voces e cantos que a xente da vila entoaba con afervoado acento.

Desde a miña aldea de Asados, distante catro quilómetros da vila, asistín por primeira vez a esta escenificación por volta de 1953 da man da miña veciña e moi querida Carme ‘a Cartaghena’ que me levara a ver en realidade ao ‘Xudío’. A imaxe que así era denominada, perfilada, pintada dun «verde garda civil», levaba unha especie de tuba, ou instrumento parecido, e estaba caracterizada polos seus ollos grandes e arregalados que semellaban asustar aos asistentes coa súa severidade.

Desde aquel ano a miña cita co Encontro sempre foi en realidade co ‘Xudío’ da miña infancia, até que hai uns anos fundouse unha irmandade nazarena e tiveron os seus integrantes a idea de vestilo de lexionario ou centurión romano, cun pilum na man dereita, armadura escamada e suntuosa capa vermella. Alá se foi co disfrace toda unha tradición relixiosa que conseguiu que «xudío» fose sinónimo de maldade e perversidade aceptando como doutrina ideas que a xerarquía eclesiástica divulgou: que os xudíos eran responsables da crucifixión de Cristo e que a súa propia dispersión era castigo divino etc.

Penso que o meu Xudío de Rianxo cos seus ollos arregalados, retorcido enriba da andia, foi tallado seguindo certas pautas que respondían, naturalmente, ao discurso oficial da igrexa. A anécdota do xudío rianxeiro, convertido en centurión, encerra non obstante toda unha loita ideolóxica que ven de tempo inmemorial: a utilización das imaxes como medio de adoutrinamento e control das conciencias no contexto dos enfrontamentos relixiosos desde a Antigüidade.

A demostración da Verdade, da Lexitimidade e do Poder requerían arquitecturas e artes visuais para facer presentes ideas que, como imaxes mentais, se instalasen na mente do pobo iletrado. O mesmo Concilio de Trento (1563) na súa última sesión promulgou unha serie de normas sobre a forma máis axeitada de representar a Virxe en calidade de madre, a Cristo e o santoral e personaxes bíblicos. Este espírito normativo provocou que no ano 1541 O Greco fose interrogado pola Inquisición como sospeitoso de herexe porque as alas dos anxos que pintaba non gardaban relación cos descritas na Biblia.

A intención destas disposicións era difundir os principios da fe de maneira didáctica e que as imaxes servisen de ensinanza para todos aqueles que non podían ler doutro xeito. A estas prácticas didácticas responde tamén a figura de Xudas Iscariote na pintura e na escultura relixiosa, representado como traidor. Aparece na iconografía co pelo de cor roxa, tal como aparecen os condanados no inferno, por exemplo, na obra de Dante A Divina Comedia: «E respondeume [o Mestre]: O fogo eterno/que dentro as roxa/roxas chas pon diante,/como as enxergas/neste baixo inferno» (Inferno-canto oitavo, vv. 73-75) en versión galega de Darío Xohán Cabana.

Así está na Santa Cea de Murcia (1763), obra de Francisco Salzillo, con semblante pérfido de home malo, bizco, e así será repetido sucesivamente co engadido, en numerosas ocasión da bolsa das moedas da traición. Contrasta esta iconografía negativa coa de carácter positivo, por exemplo de María (a Virxe) que entre numerosas variantes, o modelo básico inclúe os seguintes elementos: coroada de estrelas, con vestido branco, de pé, sobre nubes e un cuarto crecente luar.

O realmente importante foi que a iconografía relixiosa, por unha parte funcionou como estratexia para transmitir contidos e mensaxes pero, por outra, as formas e o estilo foron constituíndose como obras de arte. Porque a norma e a rixidez non foron quen de acoutar o xenio creativo dos artistas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents