Opinión | Voyager

A transfobia de J. K. Rowling

A escritora J. K. Rowling.

A escritora J. K. Rowling. / Neil Hall / Efe

Pola rede circulan biografías que narran que Joanne Rowling, a creadora do universo Harry Potter, unha das sagas literarias mais vendidas da historia (con sete libros que deron pé a oito adaptacións cinematográficas) casou cun maltratador, e que ao ano seguinte, logo do nacemento da súa filla, tomou a decisión de separarse. Naquel momento Rowling xa empezara a construción do universo Harry Potter. A idea xurdira mentres agardaba un tren en Manchester. No ano 1993, coas súas maletas, a súa filla e o manuscrito cos tres primeiros capítulos de Harry Potter e a Pedra Filosofal, armouse de valor e regresou ao Reino Unido, instalándose en Edimburgo. Subsistía cunha axuda de 325 euros mensuais buscando emprego desesperadamente, mentres sacaba unha filla adiante. No tempo libre, nunha cafetaría chamada The Elephant House (que na actualidade cobra entrada para poder pisar o mesmo chan que pisou a autora) remataba de escribir o primeiro volume da saga que mudaría a súa vida, converténdoa na novelista mellor pagada do planeta. En 2017, Forbes clasificaba a J. K. Rowling coma a terceira celebridade mellor pagada do mundo. Mais antes de chegar a este punto, Rowling sufriu o rexeitamento de doce editoriais logo de transcribir todo o libro a man porque non tiña cartos para fotocopias. O editor Barry Cunningham, da entón practicamente descoñecida Bloomsbury Publishing, considerou que sería difícil vender un libro escrito por unha muller. Por iso Joanne Rowling asinou coma J. K. Rowling. O que sucede a partir dese momento é a historia dun dos éxitos literarios máis rotundos da historia. Dispoñible en máis de oitenta e cinco linguas, é imposible calcular o número de exemplares vendidos no mundo a día de hoxe. O que é unha realidade é que J. K. Rowling acabou converténdose nun referente da literatura infantil, con millóns de lectores de todas as idades, mais especialmente nenas e nenos, que lle profesan devoción, tanto á saga coma á autora, mais que pasan de adorala a detestala tan pronto medran e teñen conciencia da ideoloxía que defende. Rowling vive en Escocia, nun castelo. A súa vida actual está moi lonxe da daquela nai separada que vivía dun subsidio que escribiu un manuscrito cunha modesta primeira tirada de mil exemplares. J. K. Rowling, ademáis de ser una autora fantástica, é unha privilexiada. Unha privilexiada que leva anos mostrándolle ao mundo a través das redes sociais a súa transfobia, declarando que as mulleres trans non son mulleres. Unha posición que provocou o descenso da súa popularidade ata convertela en autora non grata. O lazo a este escenario foi a fotografía que publicou hai uns días, fumando un puro, cunha copa na man e co mar de fondo, celebrando a lei antitrans aprobada polo Tribunal Supremio do Reino Unido que deixa fora do termo «muller» as personas transxénero. A decisión establece que cando a lei fai referencia a unha muller, faino en termos de sexo biolóxico. O texto que publicou Rowling acompañando a (noxenta) fotografía foi: «Encántame cando os plans saen ben». Lendo isto parece que o 2018 queda moi lonxe. Naquela altura, Rowling mostraba o seu acordo cun tuit en que se afirmaba que as mulleres trans eran «homes con vestido», e o representante da escritora, ante a repercusión de semellante barbaridade, declarou afirmando que «tivera un momento torpe e que non era a primeira vez que lle sucedía por suxeitar mal o seu móbil». Rowling é unha multimillonaria que se ceba unha e outra vez cun colectivo vulnerable. Como é posible tanta saña, tanta carraxe desde a palestra do privilexio? Hai anos, cando Rowling estaba noutro lugar, pronunciou a frase «Non necesitamos maxia para mudar o mundo, levamos todo o poder que necesitamos dentro de nós». É certo que Rowling ten poder, o poder que lle concede o seu estatus económico. Mais non é verdade que non precisemos a maxia para mudar o mundo mentres existan persoas que defenden as ideas que ela defende.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents