Opinión
Alberto González-Garcés
75º aniversario da Editorial Galaxia
Este ano, o 25 de xullo, fanse 75 anos da asemblea fundacional da Editorial Galaxia, que tivo lugar no Hotel Compostela, en Santiago, baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo e coa presenza dunha trintena de persoas, entre as que se atopaban Manuel Gómez Román, Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Xaime Illa Couto, Mercedes Cela, Cristina Novoa Pedreira, Rosa Rodríguez Pérez, Amparo Sánchez, Xosé María Álvarez Blázquez, Emilio Álvarez Blázquez, Manuel Beiras García, Xesús Ferro Couselo, Xosé Meijide González, Manuel Peña Rey...
Para celebrar este aniversario, a Editorial Galaxia, entre outras cousas, decidiu crear a Biblioteca 75 Anos, que consiste na edición dunha colección de dez libros que abarcan de maneira representativa estes 75 anos de vida da editorial e que traen ao presente obras que renovaron o mundo cultural galego nos tempos da censura e a escuridade.
A semana pasada, un día despois de que eu presentase o meu libro «Somos o que imaxinamos», asistín ao lanzamento en Vigo da «Biblioteca 75 Anos». Falou brevemente o director xeral de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, e inmediatamente fixeron a presentación as directoras desta nova colección, Dolores Vilavedra e Patricia Arias Chachero. Os protagonistas foron os libros. Especialmente dous. O primeiro de título As poetas da colección Salnés e o segundo A cociña galega, de Álvaro Cunqueiro.
Lembrei que, aínda que Galaxia naceu como unha editorial para publicar fundamentalmente ensaios, en 1961 encargou a Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez e Salvador Lorenzana (Francisco Fernández del Riego) a posta en marcha da colección Salnés, dedicada á poesía. Eu lémbroo moi ben xa que nese ano 1961 Fernández del Riego se puxo en contacto co meu pai, Miguel González Garcés, para que lle enviase canto antes o libro que estaba a escribir naquel momento, «Bailada dos anxos». Era un libro moi meditado e escrito desde o íntimo convencemento de estar apostando por unha causa xusta: a dignificación e normalización dun idioma naquel momento proscrito. O meu pai envioulle rapidamente os textos e o libro saíu publicado o 7 de Nadal de 1961 como volume 3 da colección Salnés.
A colección Salnés foi un rotundo éxito. Publicáronse 32 volumes en trece anos, catro deles asinados por mulleres. O libro «As poetas» da colección Salnés recolle unha selección de poemas desas catro mulleres, María do Carme Kruckenberg, Pura Vázquez, María Manuela Couto e Anne Marie Morris, e tamén inclúe poemas de Xohana Torres, quen, aínda que non publicou en Salnés —malia que tivo a intención de facelo—, foi a primeira muller en publicar en Galaxia. Eu debo recoñecer a miña admiración por estas cinco poetas, que se converte en entusiasmo no caso de Pura Vázquez.
O segundo libro, «A cociña galega», de Álvaro Cunqueiro, non por máis coñecido é menos interesante. Na presentación leu un dos seus capítulos, o de título «As empanadas», o seu fillo e gran amigo meu, César Cunqueiro. Oír como lía as primeiras sentenzas, «Hai quen dixo que a empanada é invención do pobo pobre. Que o siga dicindo…», e como ía describindo na lectura todo o mundo e variedades da empanada sorprendeume e apaixonoume como sempre. Ler ou ben oír ler a Cunqueiro é sempre unha marabilla. E ademais, lendo «A cociña galega» apréndese moito de cociña e de cultura galega.
Ao terminar o acto fun consciente de que estaba a participar na celebración da permanencia durante 75 anos dunha editorial galega en galego. Fun consciente do enorme mérito e significado desta celebración e desexei «mil primaveras máis» para Galaxia.
Suscríbete para seguir leyendo
- El trago de agua que casi acaba con la vida de Pablo González: «En segundos noté que me quemaba vivo por dentro»
- Una camarera tras probar de la botella que abrasó al empresario Pablo González: «Esto no es agua»
- ¿Qué había en la consumición de Pablo?
- Belleza perruna: estas son las 10 razas de perro más bonitas que existen
- «Que no se hagan ilusiones; las reformas del papa no tienen vuelta atrás, salvo que quieran una Iglesia de museo»
- Aparece sano y salvo en el monte Aloia Jager, el Husky que había desaparecido en Gondomar
- Un joven de Vilagarcía fallece en una caída de moto en Cádiz
- Este es para muchos el restaurante «más bonito» de Galicia: un molino reformado con una mágica terraza junto al río