Opinión | Segunda feira

Cando o Sol foi roubado

Velaquí un libro que, escrito por Xosé Benito Reza, editouse en Ourense, Rodri Artes Gráficas, 2004. O seu título: «Ciencia e misterio en Celanova». Dúas fotografías de Francisco González Santalices, chócannos na portada e na contraportada. Na primeira, un xorro de Sol faísca nunha fiestra en ferradura da capela de San Miguel anexa ao vello mosteiro, que está considerada miniatura arquitectónica con moito enigma. Na segunda foto, vemos un menhir ou pedrafita chantado no San Cibrán de Monte Calvo que separa o Val de Celanova de Allariz.

Revisamos un anterior libro de Reza (en colaboración connosco) no que se trata o mesmo tema (Celanova, Ir Indo, Vigo, 1999). Alí dáse conta dunha liña imaxinaria equinoccial que vai de San Miguel ao menhir cun trazo xeométrico que forma o raio solar que segue esa rota determinados días do ano. A min, San Miguel nunca me pareceu un lugar de culto, senón de memoria fúnebre, tal como di unha lápida cuxa inscrición se refire como “INDIGNO FAMULO FROILA”a un irmán de Rosendo que estaría enterrado nesa zona cemiterial.

No novo estudo, Reza explica a beleza desta edificación e, para iso, válese do número. Non se trata de pitagorismo esotérico pero si dunha forma de explicar a historia da nosa arte. E o libro continúa e féchase coa biografía resumida de San Rosendo, de quen se supón que mandou levantar a capela en memoria do seu irmán Froila. Este texto sobre a vida de Rosendo ten pouco de haxiográfico e moito de interpretación do reino de Galicia. Pola miña parte, eu coido que Rosendo, coa súa familia e achegados, ocupou o cumio do poder (político, económico, relixioso e militar) do feudalismo galego do século X. A imaxe dun frade armado de espada que pode aparecer na heráldica de San Rosendo simboliza a unidade do clero e da nobreza como clase biface e dominante no sistema feudal.

Existe, pois, unha Era Rudesíndica na historia do noso Reino que se inicia cando o avó de Rosendo, o conde Hermenexildo conquistara Coimbra, e puxera en contacto os galegos co arroz e coa cultura urbana de supremacía árabe. Ou sexa, que daquela os galegos intentaron establecer a fronteira do Sur no Mondego. Rosendo viviu entre os anos 907 e 977 unha vida plena como líder indiscutido do Reino de Galicia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents