Opinión | Segunda feira

Celanova e crime

O día 23 de marzo pasado tivo lugar en Celanova unha insólita recordación do horror. Durante a Guerra Civil, o antigo mosteiro fundado polo nobre feudal Rosendo Gutérrez (San Rosendo) foi usado polo franquismo como prisión política de exterminio. Os edificios conventuais convertidos en cadea, dotáronse de funcionarios de prisións do Estado e mais dunha unidade militar de «mouros» que se destinou ao servizo de garda e sentinela. No claustro chamado popularmente «O Poleiro» por ter albergado o noviciado dos frades bieitos, improvisáronse celas individuais e aglomeracións para os presos políticos. Estes eran de dúas clases: os normais e sometidos a procedemento militar, e os destinados a ser fusilados sen formación de causa. Estes crimes consumábanse en lugares arredados e discretos coma as ribeiras do Sorga, os muros do cemiterio municipal de San Breixo, a Retorta de Carfaxiño ou o Alto do Furriolo onde hoxe pode contemplarse un mural espléndido de Vizoso.

Conforme o feixismo avanzaba na Guerra Civil, íanse destinando presos militares republicanos a Celanova, lonxe do seu entorno familiar e amistoso. Alí, no mesmo refectorio do convento que fora cadea e sitio de tortura, houbo o citado 23 de marzo unha homenaxe en memoria das vítimas con presenza de familiares procedentes de diversos lugares de España e Galicia. Algún deles, como Luis Miguel Soto López tivo unha intervención conmovedora en lembranza do seu bisavó, Victoriano López, morto na prisión de Celanova, e de todo aquel padecemento colectivo. Baldomero Moreiras e Uqui Permui foron os artistas encargados da visualización plástica da homenaxe aos represaliados. E falaron o Reitor e o responsable do Centro da Memoria Democrática (ambos da USC). O alcalde de Celanova convocou a figura mítica do noso “aviador Dro” Elixio Rodríguez, de Bande. Porparte, fixo uso da palabra o secretario de cultura do goberno autónomico de Galicia, do PP.

Sincera e combativa resultou a comparecencia de Celia Inés Feixóo Soto, presidenta do Comité da Memoria Democrática de Celanova. Ela referiuse a súa familia, dentro da cal se sitúa a Lois Soto fundador da UPG, da revista Vieiros e outras iniciativas. A palabra de Hixinio Araúxo, esixiu a supresión da cruz dos caídos “por Dios y por España”que ocupa un lugar privilexiado a carón da vila de Celanova.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents