Opinión | Voyager
¡Viva el mal, viva el capital!

Alaska e a Bruja Avería de «La bola de cristal».
En outubro de 1984 entraba por vez primeira nas nosas casas ‘Abracadabra’, o tema composto por José María Cano para o grupo Mecano, pero que finalmente acabou sendo a cabeceira que interpretaba Alaska para La bola de cristal. Unha Olvido Gara de 21 anos debutaba coma presentadora, seducíndonos co seu pelo cardado, a maquillaxe extrema, a súa mestura de estilos —do punk ao gótico/vintage— e unhas unllas quilométricas que, catro décadas despois, tamén acabarían sendo a marca de estilo da artista musical Rosalía. É un verdadeiro fito que un programa infantil ( é importante lembrar o público ao que estaba dirixido La bola de cristal) marcase dunha maneira tan profunda a varias xeracións. O programa, dirixido pola xenial Lolo Rico, captou a esencia dos cambios sociais da época e transformouse en referente, rompendo os marcos da Transición. A transgresión feita entretemento nun momento en que España estaba vivindo un proceso de modernización, despois da morte do ditador. Lolo Rico xogaba no equipo das nenas e dos nenos. Autora de varias obras destinadas a público infantil, nai de sete criaturas e dotada desa sensibilidade imprescindible para comprender aos máis pequenos, ela tiña o que hai que ter para lograr un programa desta envergadura, con varias capas de profundidade, do que poidan gozar pequenas e maiores coa mesma intensidade. Exactamente igual que sucede cos bos libros infantís. Lolo Rico revolucionou a televisión cun proxecto que emocionaba, divertía, incomodaba, convidaba a reflexionar. Por vez primeira se combinaba na televisión infantil o entretemento coa crítica social, a política, o humor, o surrealismo, a psicodelia, a música, a cultura pop. La bola de cristal rompe coa narrativa convencional dos programas infantís, historias sinxelas de corte didáctico que funcionaban case coma unha extensión da escola. La bola de cristal abordaba temas de calado desde o lúdico, con humor, retranca e unha chea de chiscadelas para as persoas adultas.
Ademais do elenco de artistas que cantaban, bailaban e nos interpelaban desde o programa (Santiago Auserón, Kiko Veneno, Anabel Alonso, Javier Gurruchaga ou a propia Olvido Gara), houbo un personaxe, subversivo e malvado, que se erixiu nunha icona da televisión española. La Bruja Avería, interpretada pola actriz de dobraxe Matilde Conesa, acabou converténdose no personaxe máis emblemático do programa. Imperfecta, caótica, irreverente, absolutamente malvada, mais tamén entrañable, acabou por gañarnos a todas as persoas espectadoras. Talvez porque debaixo de todo aquel envoltorio latexaba unha dose importante de humanidade. Raíña do capitalismo e presidenta da República Electrovoltáica de Tetrodia. Unha bruxa convidándonos a cuestionar a autoridade. Que marabilla: «Manejo cifras y datos y engaño a los humanoides gilivatios». Adorabamos o seu xeito de interactuar cos monicreques representados polos outros catro electroduendes (danme ganas de poñer unha ringleira de corazóns). «¡Se me erizan los baudios!», «¡me tiemblan los émbolos!». Eran os habitantes do televisor: Bruja Truca, Hada Vídeo, Maese Sonoro e Maese Cámara. Gozamos durante catro anos de La bola de cristal cada sábado pola mañá, ata o seu peche. Desde entón, non deixamos nunca de botar de menos o programa. Anos despois, cando chegou á TVG o Xabarín Club, tiven a sensación de que había certa intención de facer vibrar ao público infantil galego dunha maneira semellante a como sucedera con La bola de cristal. Porque no Xabarín tamén había música (Siniestro Total, Aerolíneas Federales, Killer Barbies, Nación Reixa…), había humor, había un intento de transgredir coa lingua galega no centro. Da mesma maneira que me declaro inimiga da nostalxia, declárome inconformista. E por iso digo que hai un nicho, un oco baleiro, un espazo pedindo a berros ser ocupado por un programa infantil, pero escrito así: INFANTIL. E, de paso, talvez poidamos recuperar a esencia daquela filosofía creada por Lolo Rico e repetir cun sorriso cómplice: «Desenseña a desaprender cómo se hacen las cosas».
Suscríbete para seguir leyendo
- Última hora en Galicia: sin luz al menos hasta la noche en una jornada de caos total en la comunidad
- Una camarera tras probar de la botella que abrasó al empresario Pablo González: «Esto no es agua»
- La Xunta suspende las clases y Galicia eleva a 3 el nivel de emergencia: cede al gobierno estatal la gestión de la crisis energética
- España, paralizada por un insólito apagón de luz de origen todavía desconocido
- Belleza perruna: estas son las 10 razas de perro más bonitas que existen
- ¿Qué había en la consumición de Pablo?
- Síntomas para descubrir a tiempo la enfermedad más mortífera y difícil de diagnosticar
- En directo | El Gobierno pide limitar desplazamientos y un uso responsable de las comunicaciones