Opinión | De bolina

De equidistancias e censuras

Como queira que estas columnas semanais obedecen ao título común de «De bolina» e como acontece, así mesmo, que o rótulo da presente entrega contén o vocábulo ‘equidistancia’, permitan os, sempre moi amables, lectores/as que, antes de máis nada, precise o cronista un aviso para toda clase de navegación.

A ver: se resulta que estou sentado —tomando un café, unha cervexa...— cun amigo/a de pel negra, magrebí, latino, membro do colectivo LGTBIQ+... e, de socato, entran no local un grupo de persoas ataviadas con camisetas, gorras... gadgets varios nos que figuran a fouce e mais o martelo e/ou outros símbolos que aluden ao pensamento comunista e etc., sei que podo continuar tranquilamente na nosa xeira: nada estraño vai suceder. Porén se aqueles que xorden amosan na súa vestimenta e/ou complementos símbolos nazis, a imaxe de Francisco Franco..., mesmo —ás veces, e por desgraza, dado que esas cores nos pertencen a todos, obxectos en vermello e amarelo—, nin que dicir ten que me poño en garda porque para nada podo estar certo de que a conxuntura rematará de forma pacífica. E non, precisamente, por causa miña e/dos meus acompañantes. Fin do aviso.

Non son, pois, equidistante nin pretendo selo. Agora ben; si que acredito en que apenas a xustiza pode responder á xustiza. Como me detallou nunha ocasión Julio J. Strassera, a diferenza entre a legalidade —hai quen a alcume de «burguesa», alá eles— e mais a súa ausencia pode resultar esa mesma que entre a vida e a morte. E é que, tal e como reza o dito anglosaxón, manners maketh man. «Só o pobo salva o pobo!». Non; só a democracia salva a democracia.

Mais vén todo o anterior ao conto por un caso moito menos importante na súa dimensión social, aínda que si que o é —canto menos, na miña perspectiva— no ámbito simbólico e cultural. Paso a relatárllelo de inmediato.

«A organización resérvase o dereito de exclusión das obras nos seguintes casos: (...) Cando utilicen a imaxe da muller como reclamo e con connotacións de tipo sexual ou a denigración da súa imaxe, así como calquera outros que atenten contra a dignidade das persoas. Os traballos deberán evitar calquera tipo de propaganda subliminar que poida inducir ao consumo de alcohol ou calquera outro tipo de drogas, segundo a lexislación vixente».

De que se trata? Pois, nin máis nin menos, que dun dos apartados da XXVII edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole 2025 que organiza a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, dirixida pola concelleira Dna. Teresa Antía Ferreiro Tallón.

E pregúntome —e pregúntolles aos lectores/as, daquela—: Que acontecería se, na vez de formar parte do BNG —como é o caso—, a Sra. Ferreiro Tallón viñese formar parte de Vox e, no lugar da cláusula que vimos de transcribir, incluíse algunha como estoutra: «La organización se reserva el derecho de exclusión de las obras en los siguientes casos (...). Cuando utilicen la imagen de la Virgen María como reclamo publicitario y con connotaciones vejatorias en relación a la Iglesia católica así como cualquier otras que atenten contra la dignidad de los creyentes. Los trabajos deberán evitar cualquier tipo de propaganda subliminal que pueda inducir al desprecio por la caza, el toreo, las heroicidades patrias o la música de «Bandereita tú eres roja, bandereita tú eres gualda?». Aínda máis: tan difícil resultaba —postos xa na tarefa— redactar en positivo e determinar, en todo caso, algo así como que se «terán especialmente en conta aqueles traballos que inclúan valores como... etc., etc.?». Pois está visto que non; a cara descuberta, Dona Censura loce en todo o seu esplendor na convocatoria dun certame que, para maior escarnio, leva o ilustre nome de Ánxel Fole. Máis unha vez, manca finezza, calquera clase dela.

Escribiu Terry Eagleton que será un día feliz aquel no que as xentes de ben deixen de entender as obras de Shakespeare polo mor de que as traizóns, envexas... crimes diversos que nelas se relatan teñan desaparecido definitivamente da face da terra. Non obstante, e mentres tal non sucede, proclama o gran crítico inglés que resulta absolutamente necesario lelas e relelas outra volta. Porque a beleza da palabra, a súa capacidade transmisora devén, ao cabo, unha arma poderosa e formidable, o obxectivo —democrático e progresista— non pode ser outro máis que poñela á disposición do pobo, da xente do común. Sempre e arreo para alén de calquera censura.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents