Opinión | Voyager
A caza do lobo

Félix Rodríguez de la Fuente aloumiña un lobo. / FdV
«Hoy apenas si se escucha ya el canto del lobo». Esta frase lendaria de Félix Rodríguez de la Fuente expresaba a situación de emerxencia desta especie. Corría o principio dos anos setenta cando o noso naturalista máis internacional, aquel que cando se pronuncia o seu nome nos transporta automaticamente á infancia, alertaba de que o lobo estaba en España ao bordo da extinción. Daquela quedaban tan só entre catrocentos e cincocentos exemplares. Rodríguez de la Fuente emprendeu o labor de quebrar a imaxe negativa dos lobos que ao longo da historia impregnara o imaxinario colectivo. Detrás da idea dun animal sanguinario, cruel e implacable que se fora transmitindo entre xeracións, había oculta outra realidade. O lobo é un animal tímido, que evita achegarse a humanos, que mata non por diversión, senón para alimentarse, tanto de xeito individual coma pola supervivencia da manda, como consecuencia do seu comportamento solidario. O lobo ten dereito á liberdade e á vida no seu medio natural, ademais de ser unha peza imprescindible do ecosistema, ocupando o cumio da pirámide ecolóxica. Cando se elimina o lobo, as poboacións das que el se alimenta medran de xeito exponencial, provocando o desequilibrio. Os lobos devoran con rapidez e solvencia os cadáveres dos animais que atopan en montes e campos, desempeñando unha función de limpeza. Regulan as enfermidades reducindo a densidade de animais enfermos, coma cervos e xabarís afectados de tuberculose, evitan o sobrepastoreo, marcan límites a raposos e outros cazadores carnívoros, contribúen á regulación do ciclo dos nutrientes. Non devoran as súas presas de maneira sistemática. En ocasións, abandonan o cadáver. Esa carne non consumida é necesaria para outros grupos de animais, coma escaravellos preeiros ou aves rapaces, así coma por descompoñedores (bacterias e fungos) que farán a función de transformar ese alimento en materia inorgánica. É o peche do ciclo alimentario. Rodríguez de la Fuente impulsou a redacción da Lei de caza de 1970, que rematou coa caza do lobo en calquera época do ano, acción que se levaba a cabo con métodos non autorizados. O 90% da poboación de lobos en España concéntrase en Castela e León e Galicia. Recordo o terror que nos provocaba a advertencia que tantas veces escoitamos na nenez: «Coidado, que vén o lobo!». Tamén confeso que se a día de hoxe escoitase no medio do monte o canto dun lobo, entraría en pánico de maneira irremediable, aínda con toda a información que temos na actualidade, co traballo en prol deste animal que emprendeu Rodríguez de la Fuente e tamén toda a produción literaria infantil actual, onde os lobos mudaron de rol nos últimos anos. O pasado xoves, o Congreso aprobaba a caza do lobo ao norte do Douro, quedando excluído da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. Tan só tres anos atrás, en setembro de 2021, España prohibira (de novo) a caza do lobo en todo o territorio. Talvez o máis sorprendente sexa que o encaixe para a desprotección do lobo sexa a lei de desperdicio alimentario. O argumento é «controlar o impacto que está producindo (o lobo) nas explotacións gandeiras, o que leva aparellado un desperdicio alimentario». Teño serias dúbidas de que unha xestión responsable do lobo consista en eliminalo. Ecoloxistas en Acción considera improcedente esta decisión. Apelan á coexistencia entre o lobo e a gandería extensiva, e lembran que cunha financiación pública axeitada que axude as ganderías a convivir co lobo mediante melloras no manexo de gando e a implantación de indemnizacións para paliar os danos xerados, sería posible evitar tirar por terra o traballo que levou á inclusión do lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. A min gustaríame coñecer o respaldo científico que avala a aprobación desta emenda.
Suscríbete para seguir leyendo
- Última hora en Galicia: sin luz al menos hasta la noche en una jornada de caos total en la comunidad
- Galicia recupera poco a poco la normalidad tras el apagón: clases suspendidas y trenes parados
- Encerraron a sus tres hijos en un chalet de Oviedo hace 4 años: «Hemos desmantelado la casa de los horrores»
- Bamio, la parroquia que siempre tuvo luz
- Una camarera tras probar de la botella que abrasó al empresario Pablo González: «Esto no es agua»
- Un matrimonio y su hijo mueren en Taboadela por inhalar los gases de un generador durante el apagón
- Síntomas para descubrir a tiempo la enfermedad más mortífera y difícil de diagnosticar
- Más de 60 incidencias durante el apagón en Vigo: incendios, garajes anegados y comunicaciones por walkie