Opinión | De bolina

De que falamos cando falamos de cine (e II)

Timothée Chalamet, en «A complete unknown».

Timothée Chalamet, en «A complete unknown». / FdV

Póñense en contacto, por escrito e aínda «en vivo e en directo», co autor das mesmas algúns/algunhas de entre os, sempre moi amables, lectores/as destas crónicas semanais. E o motivo de tal non vén ser outro, precisamente, que o contido da columna publicada neste mesmo lugar o pasado sábado, día 15 do mes no que estamos. En todo caso, comentabamos nela arredor do film —Anora, dirixido por Sean Baker— que vén de resultar vencedor, premio á mellor película e premio así mesmo ao mellor director, na recente edición dos Óscar.

Pois ben; non falta quen concorde co exposto polo cronista e tampouco falta quen concorde máis/menos. En fin, mesmo están aqueles/as que, decididamente, non concordan para nada. A todos e a todas, concordantes/discordantes, moitas grazas, meus/miñas, polas súas apreciacións. Iso si: simplemente recordarlles que o autor destas liñas, e con licenza sempre de Celso Emilio, non pasa de ser apenas «un peatón con opinión» que, iso tamén, ten a oportunidade de poder vertela publicamente cada semana nas páxinas deste moi venerable roativo.

«E se non, daquela, Anora —interpélame aínda unha amable comunicante— que outra película si que lle parece a Vde. merecedora do Óscar?». Cónclave, The Brutalist, Emilia Pérez, Nickel Boys... Debo recoñecer que non vin todos e cada un dos films nominados. De todos os xeitos, si que lles quixera falar, sequera brevemente, dun deles. Estaba nominado para oito galardóns —incluídos os de mellor película e mellor director, James Mangold—; non obtivo ningún. O motivo, entón, da miña escolla? Pois apenas ese mesmo de que, logo de visionar a fita, si que sei de que falo cando falamos de cine. Estoume a referir a A Complete Unknown. Non obstante, e antes de continuar adiante e toda vez que aquí navegamos de bolina, vaia un aviso previo.

Recoñecendo, desde logo, a Bob Dylan como un dos máis grandes, debo consignar asemade que non conta, con todo, entre os meus «santos» preferidos no eido musical —aínda que ‘Like a Rolling Stone’ si que figure nos altares do meu santuario; pero, a ser posible, na versión das Súas Satánicas Maxestades—. En segunda instancia, hei de detallar que tampouco son moi afeccionado que digamos aos biopics. E, xa finalmente, tampouco é que me poidan invadiren a nostalxia e mais a saudade: por volta de 1965 eu estaba nos inicios da miña adolescencia e aínda faltaban uns seis/sete aniños para ter noticia de quen viña resultar ser en verdade o tal Dylan. Se a memoria non me falla, coido que foi na pantalla do Cine Avenida —daquela, residía na Coruña— onde souben del mediante os fotogramas de The Concert for Bangladesh.

Verosimilitude interna, insistiamos na crónica do pasado 15. Pois ben; se non se tratase —como é o caso— dun biopic, a historia que relata A Complete Unknown devén crible, secasí, desde o primeiro até o derradeiro anaco do film. En efecto, James Mangold sabe narrar realmente unha historia: unha historia coherente, ben axeitada e que pode ser perfectamente visionada e entendida polo menos coñecedor de quen viñan ser os tales Dylan, Joan Báez e etc. que se moven no film.

Unha factura impecable. De novo, efectivamente, o retrato da Nova York da época, a ambientación, os personaxes secundarios, os figurantes... todo está perfectamente encadrado e no territorio que lle corresponde. As cuidadas iluminación e fotografía danlle, ademais, unha pátina singular que lle permite ao espectador asistir en verdade ao relato, participar del a pesar de todas as distancias cronolóxicas e/ou sentimentais.

Excelente interpretación. Desde logo, a levada a cabo por Timothée Chalamet, como Dylan —Chalamet demostra, ademais, as súas excelentes cualidades musicais— pero así mesmo esoutras de Edward Norton —espléndido como Pete Seeger— ou Mónica Barbaro, moi convicente Joan Báez (tamén vén ser ela a que canta realmente na película).

En fin, podería expresarlles a Vdes. máis cousas, pero estas liñas chegan á súa fin. «How does it feel/To be on your own./With no direction home./Like a complete unknown./Like a rolling stone.» Para faceren boca, vaian re-escoitando, mellor, a cantiga.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents