Opinión | De bolina
De que falamos cando falamos de cine
Sen dúbida, han de coñecer todos Vdes. o título do exitoso volume de contos «De que falamos cando falamos de amor (1981)», orixinal de Raymond Carver. Pois ben; prafraseando o rótulo, velaí a pregunta que (me) fago despois de visionar o film «Anora», dirixida por Sean Baker, vencedor —primeiro— do Festival de Cannes (2024) e, sobre todo, e hai aínda nada, dos Premios Óscar na categoría de «mellor película».
Comedia dramática/comedia ‘screwball’, «un drama romántico ao límite», «a deconstrución indie de Cincenta (ou de ‘Pretty Woman’)...», velaí algunhas consideracións por parte de determinada crítica Se lles parece, imos repasar brevemente o argumento da fita.
Anora «Ani» Mikheeva é (algo máis que) unha stripper que entra en relación, por mor do seu traballo, cun rapazolo ruso chamado Ivan «Vanya» Zakharov, fillo dun riquísimo oligarca e que, só en teoría, veu estudar aos Estados Unidos. Moi axiña, «Vayna» decide que está namorado de «Ani» e proponlle casaren os dous, cousa que levan a cabo de inmediato (en Las Vegas). A noticia da voda chega a Rusia e os pais de «Vayna» parten rumbo a Nova York ao tempo que lle ordenan ao seu padriño, Toros, que arranxe —e para xa!— a anulación do matrimonio.
Este cronista ten a idade que ten. Quero dicir que hai xa tempo máis que dabondo que tiven que aturar xentes —e películas— que, coa escusa de que o cine ten de reflectir iso ou aquilo, propiciar determinados xeitos..., tentaban converter brodios búlgaros, motos avariadas nórdicas, epígonos infumables da Nouvelle Vague en cultísimas obras de adoración. Xa que logo, deixemos claro o seguinte: unha fita de cinema —cando menos, na opinión do autor destas liñas e tal e como lle acontece a outros eidos, eis a literatura ou a música— ha de conformar, antes de nada e por enriba de todo, un artefacto artístico solidamente artellado. O que equivale a que un espectador ten todo o dereito do mundo mundial a que lle relaten unha historia ben construída e que responda, desde logo, aos criterios de verosimilitude —de verosimilitude interna, desde logo; non a esoutros no plano real—, boa interpretación, ritmo adecuado e factura impecable. Daquela, discutir se ‘Anora’ «romantiza» ou non a temática da prostitución, iso será de interese para a guerra cultural trumpismo/woke e/ou así mesmo para propiciar debates arredor da abolición/non abolición. Pero non afecta á calidade/non calidade cinematográfica.
Que unha (algo máis que) stripper neiorquina vaia namorar dun pimpín máis novo ca ela e que pasa todo o día en clubes de alterne e xogando con videoxogos na súa mansión é algo que, con elasticidade de pensamento (cinematográfico), un pode aceptar: «l’amour c’est fou», sentencian os franceses. Agora ben; que, ademais, vaia casar con el e, sobre todo, que acredite en que a familia do farfallas miñaxoia a vaia aceptar como se tal cousa, tal si que rompe con calquera lóxica. E reitero: non coa lóxica do mundo real, senón coa propia lóxica interna do film («Vayna» é alcumado en diversas ocasións como «un niñato», «inmaduro», «vago y engreído»).
O relato podería derivar no drama social. Porén —e está no seu dereito—, Sean Baker preferiu transitar pola comedia. É dicir: pola suposta comedia. Porque é o caso que aquilo que acontece na pantalla vén resultar unha sucesión de escenas estrepitosas, números estridentes con personaxes sobrecaricaturescos —e desde unha metraxe absolutamente desbordada— que fan merecentes do Oscar ao mellor actor de reparto a calquera desoutros que Santiago Segura inclúe nas secuelas, re-secuelas e re-re-secuelas do seu interminable Torrente. En fin; cun final absolutamente previsible, isto é o que hai.
De non optaren pola droga dura —«Pretty Woman» si que tiña verosimilitude interna, que non real: responsable da mesma o tratado de física-química axeitado por Roberts/Gere— mellor procuren, entón, os lectores e lectoras nun canal da tv a reposición de «Irma a doce». Claro que, ademais duns extraordinarios Shirley MacLaine e Jack Lemmon, conta na dirección con Billy Wilder —vaia: con Deus; Fernando Trueba ‘dixit’. E aquí si que estamos a falar de cine.
Suscríbete para seguir leyendo
- Carmen quedó parapléjica en el hospital de Ourense a los dos días de una cirugía de rodilla: «No quiero vivir así»
- Parte de la millonaria indemnización por la caída de una losa salió del bolsillo de los dueños del edificio
- Ratifican la condena a un fisioterapeuta que perforó los pulmones a una paciente por una «evidente» mala praxis en la punción con agujas
- Expulsan de un colegio de Vigo a un niño de Infantil por su agresividad
- Se buscan vecinos para vivir en este pueblo cerca de Vigo: hay trabajo y casas en venta desde 50.000 euros
- Bares de Vigo reclaman a los clientes que «no tomen solo café» para reservar mesas para ver fútbol
- Rescatan a dos tripulantes de un pesquero tras arder y hundirse en la costa de Muros
- Comienza la tala para la construcción del supermercado Familia