Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

José Carneiro

José Carneiro

Subdirector de Faro de Vigo

Vigo, a mellor do mundo

Vista de la planta de Stellantis Vigo.

Vista de la planta de Stellantis Vigo. / EP

A calquera que siga a política municipal desde hai un tempo soaralle esta frase enchida de orgullo: «Sodes os mellores do mundo!». Ese «os mellores do mundo» está en todos os discursos do alcalde, Abel Caballero, xa sexa nunha visita a un colexio ou nunha conferencia ante industriais do metal. A mellor ría do mundo, as mellores empresas do mundo, o mellor Nadal do mundo —desta non me podía esquecer—, a mellor cidade do mundo, o mellor estadio de fútbol do mundo (o do noso Celtiña)... Esaxera, non digo que non. Pero deixando a un lado a estratexia de márketing, o show... e se non esaxera tanto?

No ámbito económico hai exemplos dabondo do que representa ser líderes mundiais en sectores moi competitivos. Stellantis Vigo, a Citroën de toda a vida, é a mellor planta do mundo do seu grupo, tanto en volume de produción coma en eficiencia, como ben recolleu esta semana o que máis sabe de automoción no FARO (o segundo son eu), Adrián Amoedo. Os nosos estaleiros constrúen navíos de última xeración para armadores dos cinco continentes e son a envexa doutros países: oceanográficos, iates de luxo, pesqueiros como o que acaba de asinar Profand... e imos estrearnos en buques de apoio para a eólica mariña.

Aquí ao lado temos o maior fabricante mundial de carragenina, unha molécula que se extrae das algas e se usa para darlle textura aos alimentos, por exemplo, aos iogures: Ceamsa. Tamén está o grupo líder en micobacterias, vacinas para animais e, máis pronto que tarde, tamén para humanos: Zendal. Na pesca non temos rivais, con firmas tan potentes e coñecidas como Nueva Pescanova, Profand, Wofco, Iberconsa, Pereira, Pescapuerta, Mascato... Incluso nunha derivada tecnolóxica, con Marine Instruments, o maior fabricante mundial de boias satelitais para a pesca do atún, e que tamén é referente en vehículos mariños non tripulados; ou Hermasa, líder en maquinaria para conserveiras.

Ata no ceo atopamos casos de éxito, algúns que veñen de lonxe, como Delta Vigo, a maior empresa do sector aeronáutico de Galicia, e outros de novo cuño, como Alén Space ou URX Space, que participa no primeiro proxecto de agricultura espacial e está na órbita —nunca mellor dito— da NASA. Máis exemplos de liderado mundial? GKN Vigo, BorgWarner, CITIC Censa, Setga, Recalvi... Tamén temos o primeiro porto de contedores do Arco Atlántico, o segundo de automoción de España e o primeiro de Europa —e atrévome a dicir que do mundo— en pesca.

E fóra da economía? Somos a cidade coa mellor calidade de vida do país segundo a OCU, a urbe máis feliz de España segundo o Institute of Quality of Life, a que ten o mellor nivel de inglés segundo o informe anual de Education First, un dos mellores destinos turísticos do mundo para The Telegraph... e xa non entro no tema das Cíes e as súas praias e riqueza natural nin, moito menos, no Nadal, porque non fai falta lembrarllo a ninguén.

E se ao final vai resultar que Caballero non esaxera tanto? Que Vigo é, efectivamente, a mellor do mundo en máis dun sentido? O show pode ser excesivo, a retórica hiperbólica, pero a realidade é teimuda: lideramos en sectores estratéxicos, innovamos, exportamos talento e seguimos apañando récords. Quizais, en vez de sorrir con escepticismo cada vez que o escoitamos dicilo, deberiamos empezar a crelo un pouco máis.

Tracking Pixel Contents