Opinión | De bolina
Europa no diván
Cun total de 13.000 millóns de dólares da época por diante, constitúe un motivo de controversia entre os historiadores determinar cal foi a verdadeira incidencia do Plan Marshall (1948-1952) no proceso de rápida recuperación vivida polos estados da Europa Occidental logo da fin da II Guerra Mundial. En todo caso, e tal e como escribe Michael J. Hogan, os obxectivos dos Estados Unidos sempre estiveron claros: reconstuíren as rexións devastadas pola contenda; modernizar a industria e eliminar as barreiras comerciais; precaver a propagación do comunismo e mellorar ao cabo a prosperidade.
Pois ben; para alén do debate, do que si non cabe dúbida é de que a Europa Occidental foi acadar nas décadas que seguiron uns niveis de crecemento e de bonanza sen precedentes. Co “amigo americano” sempre en alerta e por se acaso —“L´Otan. C´est à dire, les États-Unis”, Michel Debré dixit—, os beneficios do “Welfare state”, do “estado do benestar” atinxiron a tutti quanti: así os franceses comeron e beberon como nunca; os británicos viñeron bañarse na Costa do Sol; a seguridade social alemá puido receitar, da súa parte, curas para as afeccións pulmonares ao sol das Canarias... Automóbiles, frigoríficos, lavadoras, televisores...,vacacións, sex, drugs and rock´n´roll, tal foi a consigna —“el que no esté colocado, que se coloque y al loro”, proclamou D. Enrique Tierno Galván—. No epicentro da euforia, Francia -e moi a pesar das leccións recibidas en Dien Biên Phu e en Alxeira- atreveuse a redifinir a súa área de influencia no norte de África; polo seu lado, e contando cos satélites norteamericanos a guiaren a Royal Navy, o Reino Unido renovou imperiais loureiros nas illas Malvinas (para eles, sempre Falkland).
"Esperemos que o psicanalista que vaian consultar non deveña arxentino e non atenda tampouco por Javier"
En novembro de 1989 caía o muro —de Berlín, claro é— e en decembro de 1991 a bandeira vermella deixaba de ondear sobre o Kremlin. Xulgando, acaso e con Francis Fukuyama, que a fin da historia si que chegara realmente, Europa Occidental non tivo ningún reparo, daquela, en espallarse cara ao leste e engulir —polas boas ou polas malas: velaí a fin de Iugoslavia— todo o engulible. De feito, pouco lles faltou aos políticos de Bruxelas para tentaren abrir unha sucursal na mesma Praza Vermella de Moscova.
A enerxía comprada/saqueada onde lle cadre. O téxtil para Tailandia, Indonesia ou Bangladesh. A construción naval, directa a Corea do Sur. Os ordenadores e mais a telefonía móbil made in India ou Taiwan. A agricultara arribada desde África do Norte ou desde a outra beira do Atlántico... En fin, coa clase obreira —seica— desaparecida (bye bye, Lenin!) e mais a reconversión industrial como un foguete, a folga xeral deu paso á dolce vita (igualmente xeral). Convencidísimos de que abondaba con manexar o diñeiro dos demais, vellos e novos, novos e vellos cadaquén foi gozar da súa particular bolsa Erasmus. Non só París; Roma, Berlín, Ámsterdam... Madrid: todas e cada unha das cidades foi dar nunha festa sen final.
Enxeñeiros/as, médicos/as, arquitectos/as, avogados/as... Para ocuparse de recoller o lixo; para traballar na construción dos novos edificios e infraestruturas; para servir na hostelería; para reparar a electricidade e mais a fontanería; para conducir camións; para recoller a froita e pasar calor nos invernadeiros... para todo iso xa estaba o resto do mundo: magrebís, subsaharianos, latinoamericanos... pero tamén romenos, serbios, ucraínos... aínda non incorporados ao paraíso.
Hedonismo, soberbia —os chineses, polo visto, tan só sabían copiar, ningún perigo de que nos puidesen adiantar tecnoloxicamente—, desdén... Nin tan sequera a crise do 2009 nin esoutra da Covid19 nos foi espertar dos fumes opiáceos. Quero dicir, até agora.
“Falan como Churchill pero actuaron como Chamberlain”: nestes pasados días Miguel-Anxo Murado resumía deste xeito o diagnóstico. Europa está, pois, no diván. Esperemos que o psicanalista que vaian consultar non deveña arxentino e non atenda tampouco por Javier.
Suscríbete para seguir leyendo
- Carmen quedó parapléjica en el hospital de Ourense a los dos días de una cirugía de rodilla: «No quiero vivir así»
- Parte de la millonaria indemnización por la caída de una losa salió del bolsillo de los dueños del edificio
- Expulsan de un colegio de Vigo a un niño de Infantil por su agresividad
- Bares de Vigo reclaman a los clientes que «no tomen solo café» para reservar mesas para ver fútbol
- Rescatan a dos tripulantes de un pesquero tras arder y hundirse en la costa de Muros
- Dueños de pisos protegidos de Vigo piden hasta 75.000 euros en negro a los compradores
- La justicia archiva la denuncia por el caso del perro arrastrado por el Corredor do Morrazo
- Se buscan vecinos para vivir en este pueblo cerca de Vigo: hay trabajo y casas en venta desde 50.000 euros