Opinión | Campo de Granada

Editor e profesor
Gol en Balaídos
Agardo que cando se complete a nova e fermosa catedral do Fragoso, conviden a Tangana, Keltoi e A Roda a inaugurala
O 14 de agosto de 2023 pasará á historia do Celta pola estrea de «Oliveira dos cen anos», himno que Antón Alfaro compuxo para celebrar o seu centenario. Tema musical recoñecido con moitos premios, con case 5 millóns de reproducións en Youtube, convertido en insignia do actual celtismo de canteira espallado por todo o mundo. Expresión emocional musical afortunada tanto do proxecto deportivo e empresarial da presidenta Marian Mouriño, como do sentimento da mocidade celeste, que asume con orgullo o celtismo galeguista como unha suma de ledicia e padeceres, renovado en cada partido nunha cerimonia de canto coral que fai tremer á abarrotada catedral da terra das abeleiras.
Himno de C. Tangana que substitúe ao tradicional de melodía rústica que acuñou o lema heroico (e afortunado) daquel Celta do ascensor de sube e baixa: «Nobre xogo, afouteza e corazón». Tema creado en castelán, traducido con agarimo pola inesquecible lingüista e xestora deportiva Marta Souto, iniciando así o emprego modélico do galego como lingua vehicular de Balaídos, medida promovida polo alcalde Manuel Soto, ao abeiro da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1989.
Ademais do incrible precedente que supuxeron as pancartas en galego da peña Jaburú nos derbis co Coruña dos sesenta, fotografadas, probablemente, por Siorty e Magar, foi pioneira para a galeguización do Celta a achega d’ A Roda, grupo de canción tabernaria do que celebramos este ano o cincuenta aniversario da súa primeira actuación nun escenario no Iº Festival dos Xesuítas. Formado primeiro por Fito, Luis Vaamonde, Luis Domínguez, os irmáns Abalde, Piña e Queno, A Roda creou a mítica «Foliada do Celta», incluída en Falemos galego (1979), segundo elepé do grupo. Nacida do celme popular, obreiro, vigués e galeguista, que caracteriza o repertorio do grupo, a foliada celtista, coñecida tamén como «Díxolle ao sobriño o tío», converteuse no himno non oficial do sentimento da inquebrantable paciencia celtista («e chega outro ano e pasa tamén») durante as décadas difíciles de 1960 a 1990. Máis aínda, cando o grupo nacido nos bares do Vigo vello interpretou a foliada no estadio de Balaídos en xuño de 1982 para celebrar o ascenso memorable a Primeira de Milorad Pavic, adestrador serbio que, dúas temporadas antes, collera ao Celta en Segunda B.
Na bancada de Río (Alto) adquirín parte da miña formación emocional
Convertéronse en himnos non oficiais tamén os temas de Keltoi, «1923 (2010)» e «Unhas cores e un sentimento (2016)». A banda viguesa de punk, liderada por Sime, actuou en Balaídos en 2012 para celebrar o último ascenso a Primeira (toquemos madeira!), tras un lustro en Segunda, daquel Celta de Sergio, Mallo, Lago, Oubiña, Alex López, Bermejo e Iago Aspas, entre outros. Repetidos na festa do centenario, os himnos de Keltoi representan o celtismo da afouteza orgullosa dun equipo para un país que nunca vai camiñar só.
Nas últimas seis décadas de celtismo entusiasta vividas na bancada de Río (Alto), onde adquirín parte da miña formación emocional, é a foliada d’A Roda o tema que máis pegada me deixou. Quizais pola acerto dos autores de exaltar a diversidade do celtismo, como emoción compartida dos seareiros de cada grada do vello Balaídos, anterior á reforma do mundial de 1982, cando aínda existía a pista de cinza que no descanso percorría Toniño. Identificación afortunada, xa que sabiamos que eran os señoritos de Tribuna os que sacaban o pano para dicirlle ao presidente que «a temporada que vén temos que cambiar de xente». Como eran os de Marcador –que non tivo cuberta até 1970, onde estaba instalado o marcador simultáneo «Dardo», no que seguiamos os resultados de Primeira cos seus anuncios– os algareiros que «máis se cabreaban e pedían a cabeza do señor adestrador». Ou que os de Río, un pouco señoritos, pero entendidos, eramos os que montabamos o lío, para intimidar ao equipo arbitral, que almorzara como deus manda no Mosquito.
Non esquezo que a foliada rodariana, lamentaba que os de Xeneral/e (Fondo, debaixo de Marcador) e os de Gol «como están tan separados non se decatan de nada», razón pola que «nunca protestan». Anomalía á que se pon remedio, tras o derradeiro partido de Gol do pasado venres, grada na que militaron o meu avó e o meu tío Suso dos que mamei o celtismo máis popular do Val do Fragoso, de Freixeiro a Mantelas. Gol onde colocaban as bandeiras sobre o perfil da viseira na orde clasificatoria de cada xornada, como lembro a imaxe do porteiro Fenoy marcando de penalti ou os dous goles salvadores do debut de Aspas co Alavés en 2009. Reducida, por fin, a distancia entre Gol e Marcador, agardo que cando se inaugure, previsiblemente, en 2027, a bancada pegada á lameira, completando así a nova e fermosa catedral do Fragoso, conviden a Tangana, Keltoi e A Roda a inaugurala. «Gol en Balaídos, marca Fer López, tras outra asistencia de Aspas...»
https://bretemas.gal/
Suscríbete para seguir leyendo
- El antiguo concesionario Opel de la Avenida de Madrid será un hotel de 3 estrellas y 132 habitaciones
- La afición del Friburgo se rinde al «aura» de Balaídos y Vigo: «Estuve en muchos estadios y esto es una experiencia 10/10 »
- Aceleran los proyectos más esperados: centro de mayores de Amancio Ortega, O Posío y el gran parque y piscinas de Ponte Canedo
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- «Éxito» en la huelga del sector textil en Galicia para impedir el avance de un posible convenio estatal
- Renfe lanza su «Plan Galicia 2026» con los Avril: será la primera vez que añada trenes en el Eje Atlántico entre Vigo y A Coruña desde 2015
- La Xunta acomete el mayor movimiento de personal de su historia: 3.200 empleados públicos cambian de puesto, el 12 por ciento de toda la plantilla