Opinión | Campo do Fragoso

Editor e profesor
Oficio de Gol
O Celta de Claudio Giráldez abriu na noite do pasado venres o fachinelo dos soños cunha vitoria axustada e merecida diante dun Osasuna de Vicente Moreno superior durante case toda a primeira parte. Tres puntos –sete de nove nos tres últimos encontros–, que confirman a saída dos celestes do baixón na clasificación –quizais menos no xogo– coa que comezaron o ano 2025 e que con trece datas por diante –seis na casa con rivais accesibles– permite antes do entroido enxergar a cifra da corentena, onde está o obxectivo da tempada, a da permanencia, ampliando a trece as continuadas en Primeira, un fito na historia do club e do fútbol galego. Horizonte desexable para unha afección experimentada en mil padeceres na tolería da tómbola das cinco últimas xornadas, que reclama gozar (por fin!) dun final de liga tranquilo. Obxectivo realista para o propio proxecto de canteira dun club con proxección global, que precisa consolidar resultados e acumular experiencia para un cadro moi novo que da man do valente adestrador porriñés perdeu calquera asomo de inocencia.
Vitoria que coincidiu coa saudade da despedida da grada de Gol, cuberta pola viseira de formigón dende comezos dos setenta. Bancada construída sobre o espazo do primixenio fondo sur aberto, que permitía mirar os partidos a aqueles chaíñas capaces de gabear polas altísimas abeleiras que bordeaban as extremas do campo de fútbol da Florida como testemuñan para a historia do celtismo máis acrobático e arriscado as fotografías de Magar. Grada onde xermolou en 1987 a peña Celtarras e na que se viviron días heroicos de celtismo acuático, anegada polas enchentes do Lagares, que nin respectaban a historia do túnel e escaleira de saída dos vestiarios. Grada do celtismo popular, protagonizou xornadas inesquecibles como a do debut de Iago Aspas en 2009, que marcou na portaría de Gol os dous goles salvadores ao Deportivo Alavés, iniciando as incribles estatísticas do Merlín de Moaña que nesta despedida tivo tamén o seu gol para a historia.
Sempre leal ao seu libro de novidades, Giráldez non repetiu once: mantivo a súa defensa habitual, que funcionou a un gran nivel; recuperou a Moriba como acompañante de Sotelo no centro, os dous cunha actuación correcta; mantivo nas bandas a Mingueza, moi discreto na primeira parte, e a Carreira, outra vez un dos mellores; sendo novidade na dianteira, xunto a Borja e Williot, a presenza de Fer López, unha luz que escintilea cada vez que toca a pelota, mellorando a xogada e convocando até tres rivais, substituído de forma prematura, tras ser amoestado. Como, por desgraza, os de Giráldez repetiron o que comeza ser un desagradable costume, o de entregar aos seus opoñentes, canto menos, a primeira media hora de xogo. Sucedeu co Betis e repetiuse co Osasuna, que asoballou ao Celta meténdoo na súa propia área durante o primeiro cuarto, obrigado a defender de forma angustiosa en bloque baixo coma se do derradeiro cuarto do partido se tratase. No segundo, a estratexia de Moreno non ofrecía dúbidas: lanzado polos medios que apagaron a Sotelo e Moriba, Bryan Zaragoza estiraba aos iruñeses que tiñan como referencia a Budimir, un dianteirazo que librou unha dura batalla con Starfelt, gañada polo celeste aos puntos. Por fortuna, nos minutos finais da primeira parte, os celestes conseguiron despregarse pola banda de Mingueza e Williot e xutar entre os tres paos nun par de ocasións, con todo, un pobre balance para aspirar a levar o partido.
Como acostuma, Giráldez no vestiario simplificou a súa pizarra e cargou as pilas aos seus cun plan de partido máis nítido. E como acontecera co Betis, coa continuación ofreceu outra enerxía que fluía polos corredores de Mingueza e Carreira. Foi un remate soberbio do carrileiro vigués e outra chegada de Williot, as que anunciaron que o Celta ía a polo partido. Giráldez entendeu que a sintaxe do xogo obrigaba a introducir verbos transitivos. Fixo reaparecer a Aspas que en apenas tres minutos sacou da chistera un pase na liña de fondo sobre Borja que provocou que Torró o trabase. Penalti claro, transformado con solvencia polo capitán, que mirou sobre a grada de Gol, como fixera dezaseis anos antes, un exercicio que lembra o que se di en Mantelas «de quen de novo foi bailador, de vello dálle un xeitiño». Con vinte minutos por diante, Giráldez tirou do libro do oficio, confiando toda a responsabilidade a súa defensa, liña que modifica só en caso de continxencia. Marcos Alonso, Starfelt e Javi Rodríguez, os tres inmensos, souberon resistir as acometidas dos vermellóns e o perigo do seu balón parado. O adestrador de Cans amosaba outra vez a validez da súa estratexia de xogo paciente e creativo. Agradeceuno a bancada cunha despedida emocionada á grada de Gol, con foto para a historia incluída. Puro celtismo!
https://bretemas.gal/
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- Un vigués pide el indulto para su hermana, condenada en A Lama a seis años de prisión y diagnosticada de TEA tras los hechos
- La Comisión Europea denuncia a España por no depurar las aguas residuales: en Galicia pone el foco en seis localidades
- Luz verde al inicio de la revolución para la Praza de España de Vigo: el Concello aprueba la primera licencia del ámbito
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»
- Muere un joven de Soutomaior en una salida de vía en Ponte Caldelas
- Un juez de Vigo da la razón a una vecina y anula una sanción por cambio de uso de trastero a vivienda sin licencia
- El emotivo homenaje de la hija de Toño Castro a su padre, el central del Compos que sigue vivo en la memoria