Opinión | De bolina

O profesor e a incongruencia dos sectarios

Saiban disimular os, sempre moi amables, lectores a irrupción. Pero é o caso de que si coido que o feito de que estas liñas semanais se teñan que ocupar hoxe da temática que segue, constitúe, sen lugar para as dúbidas, unha mostra ben pouco feliz de que —parafraseando aquela canción dos Golpes Bajos— non só corren malos tempos para a lírica senón aínda para a elegancia intelectual e, ao cabo, para o conxunto social do país que habitamos.

Desde logo, estou certo de que han de coñecer Vdes. a noticia: velaí, daquela, que os concelleiros do BNG en Lugo veñen de opoñerse a que o profesor Xesús Alonso Montero —quen exerceu a docencia na capital miñota entre 1960-1976 e nas aulas do Instituto «Lucus Agusti»— sexa recoñecido como «fillo adoptivo» da urbe. «E que ten de estraño?» —obxectaron e obxectarán aínda algúns/algunhas—. «Sabido é que nin el resulta simpático para os nacionalistas, nin os nacionalistas deveñen precisamente modélicos para el. Xa que logo, trátase de pura coherencia e máis nada.»

En efecto, e de acordo sempre cos, referidos, concelleiros da coalición nacionalista na cidade das murallas, acontece que o autor do Informe —dramático— sobre la lengua gallega, vén conformar «unha figura que non crea consenso entre os lucenses despois dos seus posicionamentos polémicos en diferentes temas». É dicir, estamos a falar de alguén, polo tanto, cuxas opinións, ditames, xuízos e criterios son motivo de debate e de controversia. Traducido e se me é permitida agora a brincadeira: que Xesús Alonso Montero non se parece para nada a aquel Pangloss, tutor de Cándido, a considerar arreo que, de chegar a concretarse realmente a Galiza que eles describen, viríamos habitar entón no mellor de todos os mundos posibles.

Mais se é o caso de que non podemos obrigar os señores concelleiros do BNG lugués a que lean a Voltaire, si que lles podemos pedir, mesmo esixir, non obstante, que si deveñan consecuentes, fieis e precisos no seu sectarismo. Emilia Pardo Bazán, Ramón María del Valle-Inclán, Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Camilo José Cela, María Xosé Queizán, Francisco Rodríguez Sánchez, Xosé Luís Méndez Ferrín... Por máis voltas e reviravoltas que lle deamos..., en verdade que se trata de personalidades nas que veña concorrer, xustamente, esa calidade de homes/mulleres a suscitaren consenso no tocante aos pareceres, estimas..., momentos e actuacións no transcorrer das súas traxectorias? Que sucedería —pregunto— se, por un acaso, o concello de Santiago de Compostela decidise rotular unha praza, rúa..., un centro docente co nome e apelidos de Xosé Manuel Beiras e os representantes socialistas e populares declararen o seu rexeitamento por vir axeitar Beiras, asemade, un «personaxe cuxos posicionamentos non crean consenso entre os composteláns?». En fin, que cousa estamos verdadeiramente a xulgar cando xulgamos?

«Manca finezza», sentencian os italianos en casos como o que nos ocupa. Falta finura e falta elegancia, pois. Como faltan aínda a intelixencia e mais a xenerosidade intelectual cando hai quen non comprende —ou non quere comprender!— que o mérito do autor de títulos como Os cen mellores mellores poemas da lingua galega, Obra completa de Rosalía de Castro, O que cómpre saber da lingua galega, As palabras no exilio, Curros Enríquez no franquismo, Castelao na Unión Soviética en 1938 e tantos outros está moi por enriba de calquera continxencia ruín.

Pero falta, sobre todo —e iso é aínda o máis grave—, sentido da democracia e sentido dun país. Un país, unha nación que, polo visto, algúns queren construír afastando, arredando..., talvez incluso desterrando a aqueles que, simplemente, foron cometer o «delito» da discrepancia, a «falta» de pensaren diferente. E iso si que non. Obrando tal, nunca espertará do seu sono o fogar de Breogán.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents