Opinión

Sobre o divorcio entre ciencia e política

Parto da constatación de que o Mundo humano tende a complicarse e o coñecemento científico a avanzar. Hoxe é máis difícil gobernar que hai vinte anos, pero sabemos máis. Porén, o divorcio entre toma de decisións e a reflexión previa estase a ampliar.

Teño para min que a comunicación instantánea que brindan as redes sociais son responsables principais deste proceso. A rapidez lévase moi mal coa reflexión. Na rapidez teñen as de gañar as ocorrencias, os chistes, os bulos e os falabaratos. Na rapidez todo é doado, a causalidade e os efectos non intencionados saen do foco e pode despregarse o que se adoita chamar sentido común, pero que en non poucas ocasións son medias verdades ou eslóganes sen fundamento. Trump é exemplo de manual e demostración de que é posible que nos goberne o disparate. Pero en España tamén temos bos exemplos.

Ollo con preocupación como os debates de fondo son deixados a un lado, ou tentan ser resoltos sen ningún tipo de rigor analítico ou contraste cos datos. E non o digo dende a defensa dos enfoques tecnocráticos da política. As decisións políticas non son só un asunto técnico na meirande parte das ocasións; porque están obrigadas a ter en conta dimensións distributivas e escenarios de apoio ou rexeitamento. Mais esas decisións políticas non deberan ir contra do que sabemos ou non poden renunciar a saber antes de actuar.

Necesitamos máis xornais e menos redes sociais; máis debates e informativos en radio e televisión e menos tele-lixo; unhas universidades aínda máis envorcadas en analizar e falar do Mundo que nos rodea; e uns responsables políticos que sexan quen de ver as vantaxes de gobernar e opositar sabendo o terreo que pisan. En definitiva, colectivamente necesitamos máis actividade intelectual.

Tracking Pixel Contents