Opinión | De bolina
O (novo) día máis longo
Dirixida conxuntamente por Ken Annakin, Andrew Martin e Bernhard Wicki. Contando, entre outros, coa presenza no reparto de John Wayne, Henry Fonda, Robert Mitchum, Curd Jürgens, Sean Connery ou Rod Steiger, «O día máis longo» (‘The Longest Day’, 1962) vén narrar cinematogaficamente o Día D; isto é, o desembarco aliado nas praias de Normandía o 6 de xuño de 1944, no transcurso da Segunda Guerra Mundial. A película acadou dous premios da Academia: pola mellor fotografía en branco e negro e polos mellores efectos especiais.
Con Michael Moore á fronte —e protagonizada por Alan Alda, John Candy, Rhea Perlman e Jin Belushi—, «Operación Canadá» (‘Canadian Bacon’, 1995) apenas atinxiu, do seu lado, ser declarada “demasiado vulgar para os intelectuais e demasiado intelectual para os vulgares”. Digamos, non obstante, que o film de Moore presenta os intentos dun presidente dos EE.UU —en horas baixas canto á súa popularidade— por inicitar o pobo norteamericano cara a unha belicosa actitude anti-canadense que culmina coa “invasión” do país do norte por parte dun pequeno grupo de exaltados, dirixidos polo sheriff do condado de Niágara, Bud B. Boomer. Nun determinado momento, os “invasores” arrebolan, entón, un cubo de lixo asemade que escriben pintadas ofensivas contra Canadá nunha parede. Detidos, por causa de tal, pola Policía Montada, e toda vez que se atopan na provincia de Quebec, o castigo imposto consiste en reescribiren esas mesmas pintadas ofensivas... mais en idioma francés, lingua oficial naquel territorio.
Groenlandia —e Dinamarca, claro—; Panamá, Gaza... pero tamén o propio Canadá: velaí a listaxe, de certo que incompleta, dos diversos territorios aos cales veu alcumar, denigrar... ofender e ameazar recentemente esoutro ocupante —máis ben okupa— do Despacho Oval, que atende por Donald Trump. Pois ben; unha vez que estamos na xeira dos Oscar, permitan os, sempre moi amables lectores, que tamén este, seu, cronista veña aportar daquela a súa pequena contribución á causa. Iso si: antes que unha ficción, o meu obxectivo está en que se trate dun documental -ou dunha serie de documentais- moi dignos de figuraren, en consecuencia, nas canles de historia da tv. Canto o título, velaí o tal: “O (outro) día máis longo".
«Haberemos de desembarcar, entón e nun novo Día D, nesoutros areais de Virxinia e Delaware»
En abril de 1917, co káiser Guillerme II buscando facerse dono de Europa —e, desde aí, remodelar o colonialismo/imperialismo en todo o mundo—, os Estados Unidos optaron finalmente por participar na Primeira Guerra Mundial. “La Fayette, we are here!”, seica foi pronunciar o xeneral John J. Pershing. Como é ben coñecido, os Aliados acabaron triunfando na contenda e o Imperio Alemán pasou a mellor vida.
En xuño de 1944 —en realidade e como é ben coñecido, os norteamericanos entraran en combate logo do ataque xaponés a Pearl Harbor o 7 de decembro de 1941— tivo lugar, como quedou anotado, o desembarco de Normandía. “Utah” e “Omaha”, tales viñeron denominarse, en clave, os lugares que lles corresponderon ocupar aos “boys”. Na segunda delas, os rapaces chegados desde Indiana, Nevada, Texas, New Jersey... abofé que non o tiveron nada doado. Con todo, o 8 de maio de 1945, a Alemaña nazi víase obrigada a asinar a rendición.
Corren tempos confusos, desde logo, na outra beira do Atlántico. Coido, pois, que é hora xa de devolverlles aos noso amigos yankees os favores recibidos e, en consecuencia, liberalos do pesadelo que están a padecer.
Contando coa amizade e parabéns do goberno do Canadá, franceses, neerlandeses, belgas, noruegueses... e tamén os británicos... —e aínda aqueloutros que non participaran na grande guerra: é dicir, nós mesmos— haberemos de desembarcar, daquela e nun novo Día D glorioso, nesoutros areais de Virxinia e Delaware para avanzarmos logo e axiña en dirección a Washington D.F. e libertar os USA do “matón” —Richard Gere dixir— que os está a (mal) dirixir. Claro que desta vez farémolo bombardeando apenas con “bo rollo” e disparando flores e caramelos desde os blindados e mais os carros de combate. E é que a Unión Europea, señores e señoras, ela é así.
En fin; trátase, como Vdes. comprenderán, dunha proposta inocente. Esperemos, emporiso, que Mr. Trump —e logo do aceiro e do aluminio— non lle queira poñer igualmente aranceis ao humor.
Suscríbete para seguir leyendo
- Ryanair cambia de repente su norma de equipaje de mano: estas son las novedades
- Un policía de Vigo se disfraza de cartero para pillar a una mujer que compró hachís por internet en Estados Unidos
- Hacienda lanza un aviso: queda prohibido seguir pagando en efectivo estas cantidades a partir de ahora, aunque sea fraccionado
- Salvador Macip, investigador: 'Ya ha nacido la primera persona que tomará un fármaco contra el envejecimiento
- El líder de Desokupa: «El de Vigo no fue un operativo conjunto, la Policía no trabaja para nosotros»
- Un carguero atraca de urgencia en Vigo tras perder decenas de contenedores en el mar
- Empleados de mantenimiento de Vialia denuncian «amenazas»: «Pasaron de pagarnos 25 euros por los domingos a 3 euros»
- Más de 200 migrantes residen desde hace seis meses en Mondariz-Balneario: «Nos queremos quedar en Galicia»