Opinión | Segunda feira
Aínda torres almeadas
Os nomes que os señores feudais galegos lles deron ás súas fortalezas e vilas eran con frecuencia de orixe exótica e preferentemente francesa. Disto xa tratamos aquí e algún lector decatouse da ausencia de Monforte no meu comentario onomástico. Naquela acrópole conviven as ruínas dunha torre de menaxe en boa veciñanza co mosteiro de san Vicente do Pino e un pazo no que se refrescou a pluma de Góngora. Aínda circula pola memoria algún Conde de Lemos que mantivo unha sorte de independentismo na Galicia do seu tempo. O nome de Monforte quere parecer francés por vaidade dos seus señores. Reparen na apócope do primeiro elemento do nome composto: mon, mont. Casos de nomes non apocopados deste tipo foron o do castelo de Monterreal (ou Monte do Boi) naquela nosa vila marítima que foi dotada cos nomes estranxeiros e raros de Baiona e Erizana. O castelo de Monterrei estóupanos nas orellas coma un disparo da artillería innovada por Alfonso X. Monterrei está, sempre ao mando, sobre o val do río Támega ou Terra de Baronceli e ampara a vila de Verín. Á respecto de Monforte, como non nos lembrar de Simon de Montfort, que mandou o exército xenocida francés na cruzada dos albixenses (1150-1218) contra as cidades e campos de Occitania, para afrancesalos lingüística e politicamente? Ao papa Inocencio III, por parte, proíalle nas nefras unha literatura en provenzal e furiosamente erótica e laica. Descendente de Simon de Montfort foi o Amaury que andou por certas cárceres do mundo. E entrando neste tema, tirámoslle a pucha, outra vez, por riba do tempo, a Benito Vicetto pola súa encantadora novela Los hidalgos de Monforte. En Monforte houbo revolución industrial ligada ao ferrocarril, progresismo, republicanismo, socialismo e masonería feminista. Alén de Monforte, outros topónimos feudais afrancesados levaban tamén apócope. Monfeiro, co que se ten xogado nun falso Monfero. Monfadal, con suxerencias de fatalidades e damas máxicas en Mondoñedo. En canto á fortaleza de Vilanova dos Infantes, ou Castro de Vilanova das Infantes, é o castelo que mellor coñezo de Galicia, pois nel pasei horas felices da infancia e nada hai de estranxeiro na súa historia, nas súas lendas e no seu nome.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un policía de Vigo se disfraza de cartero para pillar a una mujer que compró hachís por internet en Estados Unidos
- Ryanair cambia de repente su norma de equipaje de mano: estas son las novedades
- En directo | El temporal Martinho sacude ya Galicia
- Salvador Macip, investigador: 'Ya ha nacido la primera persona que tomará un fármaco contra el envejecimiento
- El parque natural y gratuito lleno de animales, tirolinas y paseos para desconectar con toda la familia a media hora de Vigo
- Más de 200 migrantes residen desde hace seis meses en Mondariz-Balneario: «Nos queremos quedar en Galicia»
- El líder de Desokupa: «El de Vigo no fue un operativo conjunto, la Policía no trabaja para nosotros»
- Vuelan los tejados de los Institutos Rodeira y María Soliño en Cangas