Opinión | Campo de Granada

O Vigo de Domingo Villar

Un pioneiro indiscutible do chamado «Vigo Noir»

Escultura de bronce do escritor Domingo Villar na Alameda de Vigo, obra do escultor Pedro Dobao.

Escultura de bronce do escritor Domingo Villar na Alameda de Vigo, obra do escultor Pedro Dobao. / Alba Villar

Baixei a Praza de Compostela coa intención de coñecer a estatua do escritor Domingo Villar, instalada nun banco da alameda, na proximidade da rúa García Olloqui, protexida pola excelsa araucaria centenaria, que alí chantou raíces desde 1890. Custeado polo Concello de Vigo con 115.000 euros, o bronce creado polo artista ourensán Pedro Dobao está acompañado dun aparatoso monólito pétreo onde se colocou unha placa, datada en decembro de 2024, cando imaxinamos estaba previsto inauguralo, cun texto en letra maiúscula que reza: «O Concello de Vigo, sendo alcalde Abel Caballero na honra de Domingo Villar artesán da palabra, contador de historias e creador de emocións». O monumento ao autor d’ Ollos de auga (Galaxia 2006) e A praia dos afogados (Galaxia 2009) acompaña ás esculturas do noso primeiro xardín centenario, estudadas por Mercedes Bangueses, no Catálogo. Bustos, monumentos conmemorativos, placas de Vigo (IEV 2023).

Pezas, na súa maior parte ocultas, durante os tres meses de estrés ao que o mercado natalicio e a súa feira cervexeira somete a estes xardíns protexidos, entre as que os vigueses e viguesas da miña xeración recoñecemos iconas da nosa infancia, como testemuñan as fotos a carón delas dos días de estrea da palma, tomadas polas fotógrafas do minuto. Velaí as esculturas de animais de José Luis Medina, co «Caracol» xigante a fronte, ou a «Alborada», a «Despedida» ou o «Mariñeiro» do escultor Camilo Nogueira, que por certo, permanece aforcado polo cableado da iluminación do pasado Nadal. Como pertencen ao patrimonio vigués as dúas grandes pezas da praza, a impoñente escultura do almirante vigués Casto Méndez Núñez de Agustín Querol (1890), e o busto do poeta Manuel Curros Enríquez de Lorenzo Coullat (1911), instalado en 1911, na proximidade do palco da música, recolocado hai unha década na proximidade da praza, nos xardíns da Aduana, despois de ser agochado polas autoridades franquistas nun recuncho do Castro. Pezas pétreas, de diversa filiación, que conforman o primeiro espazo escultórico público do ensanche, enriquecido agora coa homenaxe ao novelista vigués.

E méritos sóbranlle a Domingo Villar para presidir unha das cabeceiras da alameda viguesa. Creador dos personaxes literarios do inspector Leo Caldas e o seu axudante Rafael Estévez, protagonistas da súa memorable triloxía policial localizada no Vigo metropolitano, Mincho, como o chamaban os seus achegados, quixo que o seu oficio de escritor e guionista imitase ao do artesán, discreto e teimoso, procurando a sonoridade do texto e a súa capacidade para emocionar ao lectorado. Mais tamén foi Villar un creador afouto e destemido, comprometido co carácter fortemente inclusivo dos seus textos, consciente de que coa súa esixencia e humildade contribuía a modernizar na literatura galega o xénero negro. Tranquilo, tolerante, un pesimista alegre, ademais de entreter ao seu lectorado coas súas tramas e localizacións, non renunciou a propoñerlle preguntas con respostas ás veces perturbadoras arredor da soidade e da morte, obxecto sempre das investigacións de Leo Caldas, un personaxe que pasará á historia literaria e á da propia cidade de Vigo. Villar fixo da literatura o seu espazo de resistencia, razón pola que as súas novelas tiñan que doer, como provocar o sorriso e o sarcasmo, como mellor estratexia para achegarse ao celme da condición humana.

Quen foi o seu concienciudo editor galego, Carlos Lema, nun traballo en Grial nº 221 (2019), considera que a novela policial ou negra de Villar é apenas o contexto no que o vigués insire a súa novela social como unha representación democrática. Intención que acada o seu esplendor n’O último barco (Galaxia 2019), localizada en boa medida na Escola de Artes e Oficios, en pleno centro de Vigo, como institución democratizadora e aberta á cidadanía. Coma fixera Camilleri con Vigata, Montalbán con Barcelona ou Lehane con Boston, Domingo fixo de Vigo unha cidade literaria, sendo o pioneiro indiscutible do chamado «Vigo Noir». Deseñou a paisaxe dunha xeografía literaria con paradas na Taberna de Elixio, no Bar Puerto do Areal, no Pirulí (o vello hospital xeral), na lonxa do Berbés, no quiosco das Almas Perdidas, na EMAO ou no xardín histórico da Alameda, agora vivificado coa presenza da súa memoria. Como Mincho exaltou nas tres novelas o coidado artesanal das vides, o traballo heroico dos mariñeiros ou as mellores receitas da nosa culinaria popular como outras expresións emocionais. Mais tamén, e quizais sexa o máis relevante, destilou o espírito máis xenuíno de Vigo como cidade metropolitana, portuaria e mariñeira, estendida sobre a ría, posuidora dun elixir propio presente no recendo do salitre. Domingo fixo de Vigo un espazo emocional, unha cidade de fronteira e unha comunidade de afectos.

https://bretemas.gal/

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents