Opinión | Segunda feira
Venancio das Pitas
Un bandido do século XIX
Releo un artigo de Antonio Piñeiro no que o autor resucita a figura de Venancio Rodríguez Veloso, que recibiu o alcume de Venancio das Pitas. Este foi un bandido que, senlleiro ou como capitán dunha gavilla, asaltou rectorais e casas grandes e matou xente nos anos cincuenta, sesenta e setenta do século XIX. Eu, de neno, escoitei os vellos de Vilanova dos Infantes falar moito do Venancio das Pitas. Seica era natural do Viso, onde foron as grandes feiras do ano, e serviu como criado en Xixín (lugar da freguesía celanovesa de Mourillós deitado sobre unha lomba do río Sorga). Cometeu Venancio algún crime, polo que se botou ao monte. Ouvín decer que, unha vez que entrou na cadea de Celanova, edificio de estilo isabelino que aínda ten uso oficial, pediu tantiña auga para a barriga, que seica lle doía. Leváronlla á cela, e el tiroulla á cara do gardián, o que facilitou a fuxida do preso por unha cloaca moi cumprida que leva as augas sucias por baixo da praza e se abre a unhas traseiras por onda a casa que foi de Maruxa Fernández. Dicían os vellos que o Venancio das Pitas era o querido dunha señora moi principal, que vivía no seu pazo da raia. Un fillo da señora fixo unha morte, e fuxiu para unirse á gavilla do Venancio das Pitas: matouno a Garda Civil nun encontro no Xen de Riba, onda Allariz. Polo artigo de Piñeiro cheguei a coñecer unha descrición do bandido. Aparece nun informe que asina o alcalde de Celanova José Benito Reza, antepasado do actual escritor galego co mesmo nome e primeiro apelido. Di así o Reza decimonónico: «...uno que había de jefe, Rodríguez Veloso, bien portado, con capa de embozo blanco y tapabocas oscuro, voz afeminada, con poca barba de color roja y resuelto en sus movimientos». Parece que o carlista (ou miguelista aínda máis) visconde de Torre, home do lexitimismo en Braga, recrutou Venancio das Pitas para a «faución». Beatriz López Morán, que estudou a fondo o bandoleirismo galego da primeira metade do século XIX, dinos que o Venancio das Pitas se integrou no carlismo español en Portugal desde onde facía incursións ás terras de Galicia e recaudaba para a Causa. Pouco despois, o Venancio das Pitas desaparece, entrando no mundo da fábula e da lenda de fronteira. Tamén me pasan pola cabeza, agora, aqueles outros grandes bandidos de Galicia: Tomé das Congostras, Pepa a Loba, Mamede Casanova. Únese a eles un pirata da Moureira, Benito Soto. Que xentiña!
Suscríbete para seguir leyendo
- Adiós a la antigua GEA de Camposancos
- Brutal accidente en Meaño, con cinco heridos
- Desgracia en el mar de Bueu: hoy se retoma la búsqueda del pescador que cayó de su dorna cuando regresaba a casa
- El «influencer» detenido por tráfico de Rivotril en 2023 declara que usaron su tarjeta sanitaria
- Los trabajadores gallegos que rechazan un empleo por su «insuficiente salario» se reducen a la mitad en dos años
- Un hombre que orinaba en la calle en Pontevedra permite localizar un foco de venta de droga en el centro histórico
- Dos gasolineras de Vigo tiran los precios y permiten un ahorro de más de 20 euros por depósito
- Los arqueólogos hallan un proyectil de piedra íntegro en la torre de Meira