Opinión | Campo do Fragoso
Coa batería descargada
Tras a eliminación de copa no Bernabeu no serán do pasado xoves, tras 130 minutos de xogo ao máximo nivel de ansia e desempeño físico e emocional, o Celta quedou coa batería descargada e con tempo insuficiente para recargala ao cento por cento e contar coa capacidade suficiente para superar ao Athletic, o cuarto clasificado, tamén un dos equipos máis respectados (e acompañados) no coliseo do Fragoso.
Secasí, no mediodía chuvioso de onte, diante dun discreto equipo bilbaíno, tamén eliminado nesta rolda de oitavos, aos de Claudio faltoulles a enerxía suficiente para competir con ese extra de entusiasmo e motivación que deu en Balaídos tan excelente resultado na primeira volta. Como tamén é certo que o Celta se presentou cun inhabitual estado emocional aplanado, tras padecer unha penosa actuación arbitral no partido de Copa, tanto a cargo dos colexiados de campo como os da sala VOR, que sería decisiva para a clasificación do Real Madrid.
Condicións precarias para os celestes, ás que se non abondasen xa estas circunstancias, se engadiron as numerosas baixas fose polas lesións musculares de Aspas e Alfon, pezas claves no cadro de Giráldez; pola sanción de Marcos Alonso; polas tres saídas do mercado de inverno, incluída a de Bamba, un dos dianteiros habituais de Giráldez, autor dun gol decisivo en Chamartín, tras un dos seus partidos máis notables; como a incerteza na que viven outros xogadores, como Douvikas, Mingueza, Cervi ou Aidoo diante dunha eventual saída a última hora.
Diante de semellante panorama, ninguén pode negar a afouteza atrevida de Claudio Giráldez, a quen despois do roubo de copa coñecemos como mestre da retranca, revolucionando o once de gala cun elenco que máis parecía o do Celta Fortuna reforzado por Guaita, Beltrán, Cervi e Borja Iglesias, un equipo de canteira, ao xeito da Real ou (en menor medida) do propio Athletic, cunha idade media por baixo dos vinte e catro anos que se temos paciencia aventura un futuro máis que esperanzador.
O adestrador de Cans buscou, dentro das escasas posibilidades coas que contaba, con pernas frescas. Con ese criterio, mudou de esquerda a dereita a súa tripla de centrais, dándolle toda a responsabilidade de saída do balón a Carlos Domínguez, Xoel Lago e Javi Rodríguez, unha decisión que cando foi anunciada no estadio deixou xeados a moitos seareiros sabidichos que polo baixiño cualificaba de ghamado ao técnico celeste.
Nas bandas incorporou a Carreira e a Cervi, xogador que en cada mercado aparece entre as posibles saídas, mais a quen non se lle pode recriminar nunca o seu compromiso. O temón do xogo concedeullo ao xove capitán Beltrán e a Hugo Sotelo, que estreaba o 4 (de Borja Oubiña, entre outros), mentres que na tripla contaba con Durán e Williot, na que sería a súa enésima oportunidade (por desgraza, outra vez desaproveitada), e no sacrificio de Borja disposto a volver pelexar corpo a corpo cos centrais visitantes.
Por desventura, este novidoso once non deu o resultado previsto polo equipo técnico celeste. Dende o inicio, o Athletic concedeu ao Celta a posesión, mais controlou o xogo en ambas as dúas áreas, gañou a maior parte dos duelos decisivos, disparou até en quince en ocasións entre os tres paos (o Celta apenas en tres) e dispuxo de media ducia de claras oportunidades de gol. Os irmáns Williams, entrando dende as bandas como coitelas, foron un pesadelo para Guaita, que fixo tres paradas de moitísimo mérito; mentres Unai Simón non se estreou ao longo dos noventa e cinco minutos, algo incrible no que vai de tempada.
Porén, por estraño que pareza, os goles dos leóns chegaron tras perdas celestes de forza ou concentración (perfectamente evitables). O que sucedeu tamén no gol de Hugo Álvarez, que fixo soñar coa remontada, cando faltaba aínda un cuarto de hora e apareceu o arco da vella entre as cubertas de Balaídos, orixinado por un esvarón de Adama na área, aproveitado con serenidade polo dianteiro ourensán que tras o descanso substituíra a Williot.
A derrota do Celta foi xusta, no seu peor partido dos xogados en Balaídos no que vai de liga. Desempeño mellorable provocado pola decepción vivida no Bernabeu, que o celtismo non esquecerá en moito tempo, ao que non foi allea esa perda de enerxía, tamén de determinación, de intensidade, de concentración e mesmo dese entusiasmo preciso para unha remontada que onte non chegou nin se soñou. Tres derrotas recentes, a de copa e as de liga co Raio Vallecano e co Athletic, que obrigan a reflexionar sobre como organizar o xogo co cadro de xogadores dispoñible, tras o peche do mercado, así como pode recuperarse a chispa e o brillo un equipo hoxe exhausto no físico e triste no emocional. O Celta debe cargar a batería.
- Una profesora es expulsada de un instituto de Vigo por acoso al claustro
- Un vigués gana a su comunidad: le pagan íntegra una nueva galería aunque la deteriorada tenía 30 años
- Uno de los acusados por las coacciones a Jenni Hermoso reconoce que tuvo negocios con Rubiales
- Mediaset emite un comunicado sobre el futuro de 'Reacción en cadena' en Telecinco
- Descubren una fábrica clandestina y 142 kilos de tabaco de contrabando en Pontevedra
- Cinco santuarios de vértigo que quitan el hipo en el norte de Portugal
- Propuestas en donde más bate el mar en Bueu
- Cuatro años de cárcel para una mujer por abusar de un menor en Ourense: le pidió que mantuvieran la relación en secreto