Opinión | Segunda feira

Irmán Bernardino Graña

Acaba de morrer un dos grandes escritores galegos contemporáneos, Bernardino Graña, que viñera ao mundo en Cangas do Morrazo no ano 1932. De familia mariñeira e fillo dun pai mestre, galeguista, sancionado e coñecedor da Historia e das Letras Universais, o seu entorno infantil e xuvenil condicionoulle a dedicación literaria.

No curso 1953-1954, Bernardino matricúlase na facultade compostelá de Letras. Naquel ano foron restauradas as Festas Minervais. En cursos seguintes, a maioría dos poetas galegos nados na década de 1930-1940 habían de participar neste certame. O xove Bernardino, inquedo e inconformista, incomodouse co ambiente compostelán por escurantista, e pasouse á Universidade de Salamanca e, logo, á de Madrid.

Bernardino, naquela capital formou parte moi influínte do grupo Brais Pinto. Como poeta pleno, el comparece fronte ao mundo lector cun libro titulado Poema do home que quixo vivir (1959) e non cesaría no seu discurso poético ata ser silenciado pola doenza, finalmente, pola morte.

O primeiro libro de Bernardino espertou entusiasmos e rexeitamentos radicais. Logo el, sen perder o aceiro incisivo e o anceio totalizador, incorporará o mundo nunca literaturizado dos mariñeiros do Morrazo, insuflándolle unha especie de dimensión profética e atea. Ao mesmo tempo, a Natureza, a Materia e o Cosmos entran no seu verso coma unha necesidade.

E velaquí Profecía do mar (1965), un dos esteos sobre os que descansa a nosa poesía do século XX. En libros seguintes, o verso robustécese, amplíase, devece, acompásase aos ritmos sociais, históricos. Confésase próximo a Reimundo Patiño e á pintura expresionista abstracta, digamos Pollock. Vemos un Bernardino lonxe do negativismo e do pesimismo que puido entretelo en días xuvenís.

Bernardino foi leal, humilde, filólogo, patriota. O seu galego rompeu nunha vaga que deu alterada a lingua literaria do País. Gran narrador, incluso para nenos, el foi sempre conversador único capaz de construír e reconstruír o mundo nun humorismo oral de apariencia inocente pero radical e vangardista nas resultas. Algunhas das cales aínda non foron avaliadas desde a historia e crítica literaria. Bernardino deulle á súa patria unha nova dimensión estilística e cosmovisiva. E nós, desde o propio curruncho particular, estámoslle infinitamente agradecidos. Séxalle a terra leve ao amigo e Mestre.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents