Opinión | De bolina

Normalizar o galego: «Beguin the Beguine?»

Como han de coñecer dabondo todos os lectores/as destas crónicas, velaí que vai dar inicio un proceso participativo para renovar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. E levarase a cabo semellante actuación logo de que os resultados da enquisa efectuada recentemente polo IGE veñan amosar que o castelán resulta ser agora mesmo o idioma máis utilizado —un 53,77%— polo conxunto social no noso país mentres que o uso do galego se veu reducido a un 46,23%. Traducido: que, malia que o Plan do 2004 fose aprobado por unanimidade no Parlamento autonómico e a pesar de que se deseñasen naquela data até un total de 470 estratexias para impulsala, o resultado final vén ser, si ou si, o dun rotundo fracaso na normalización da lingua.

Habitamos onde habitamos. É dicir, no país de países das comisións ad hoc. Xa que logo, como non artellar non só unha senón incluso dez comisións de traballo cuxo fin, e nun prazo de doce meses, ha de estar en “facer un documento que sexa tecnicamente solvente” e, desde aí, deseñar outras 470,740... medidas “realmente efectivas”? Non; en ningún caso pretende o cronista discutir a integridade, solvencia, boas intencións... dos diversos responsables das diferentes comisións —alén diso, ningún deles dispón dunha vara máxica aos efectos—. Pero a cousa si que soa, de certo, a un déjà vu. Mesmo a aqueloutro título, composto por Cole Porter e popularizado entre nós polo moi inefable Julio Iglesias: “Beguin the Beguine”, “Volver a empezar".

“Bilingüismo cordial”, “bilingüismo harmónico”: eis a proposta gubernamental. A proposta de antes do 2004, do 2004 ao 2024 e aínda do 2024. “Bilingüismo cordial” e... “sentidiño!” Asimilada a acougada fórmula, que puido e que pode fallar, en consecuencia? No entanto: de que falamos ao cabo cando falamos de bilingüismo (cordial)? Trátase de considerar, simplemente, que a cousa xa está ben como está? Ou, máis malévolo: vai, se cadra, de facer... de facer que facemos? See non é tal, como se axeita, como se artella..., como se “come”. Cales son, ao cabo, os obxectivos reais de semellante perspectiva?

“Galiza en (só) en galego”. Eis, da súa banda, o lema, eslogan..., palabra de orde da oposición nacionalista. Sen dúbida, toda unha rotunda consigna. Agora ben; a pouco que un bote unha ollada panorámica, poderá comprobar que algo non parece concordar: en Vigo e sen ir máis lonxe, nas eleccións autonómicas celebradas en febreiro de 2024, o BNG foi a primeira forza electoral: 56.820 votos (o 37,02%). Así as cousas, interpretan Dna. Ana Pontón e cia que todos eses votantes se veñen expresar en idioma galego no día tras día? De novo: cal é o verdadeiro horizonte a atinxir?

Non son máis que filólogo —agora xubilado de deberes docentes— e un simple cronista do que acontece. Secasí, nos anos 80 do pasado século participei de forma activa nas controversias arredor da normativización do idioma. Non me retracto das miñas opinións ortográfico-gramaticais daquela. Porén, si que me arrepinto de algo moito máis importante: todos, ou case todos, os que fomos participar no debate, desconsideramos aquilo para o que en verdade eramos chamados. Porque o que a sociedade galega, os usuarios do idioma pedían de certo é que, para alén dos persoais pruritos filolóxicos, lles fósemos presentar unha codificación, un vademecum..., unha guía práctica e efectiva de como escribir de forma doada a súa linguaxe, iso era todo. Axeitándonos a nós mesmos, polo contrario, algo así como os hierofantes do culto dun Eleusis filolóxico, esquecemos, entón, o noso verdadeiro deber: sabermos utilizar a filoloxía para o ben da sociedade.

Que obxectivos pretende atinxir en verdade o novo proceso que agora se inicia? Coido que antes de propoñer calquera nova estratexia, o labor esencial de calquera comisión aos efectos ha de estar en investigar, indagar..., en coñecer con verdadeira certeza que é aquilo que, ao termo, busca e desexa a sociedade de noso —e tanto os que se expresan dun xeito como os que departen noutro— arredor dos usos e dos ámbitos do galego. Irmos realmente máis alá do Beguin the Beguine.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents