Opinión | Voyager

O ano Matute

Ana María Matute.

Ana María Matute.

Neste 2025 celébrase o centenario do nacemento de Ana María Matute, unha autora que desafiou as convencións a través da mirada infantil. Naceu nunha Barcelona marcada pola Guerra Civil. Con catro anos enferma e trasládana á un pobo de La Rioja, feito que condicionará non só a súa infancia, senón toda a súa vida. Algo semellante sucedeu con Mari Trini. Tamén foi unha nena que conviviu coa enfermidade. Ambas as dúas abrazaron a creación artística desde un lugar peculiar e único. «Escribo porque no estoy contenta. Porque no estoy conforme, ni dormida, ni ciega, ni muerta. En definitiva, porque el oficio de escribir es también una forma de protesta. Protesta contra todo lo que representa opresión, fariseísmo e injusticia», afirmou Matute nunha entrevista. Esa escrita literaria desde o inconformismo deu á luz obras coma o seu colosal Olvidado Rey Gudú, Paraíso inhabitado ou Solo un pie descalzo. «El cuento debe reunir tres condiciones indispensables: ser breve, redondo y jugoso como una naranja». Con esta filosofía, Matute trenzou unha obra literaria inmensa onde soubo recoller a hostilidade do mundo adulto da época e a incomprensión que isto provocaba nos pícaros, que acaban creando o seu propio universo para estar a salvo, como método instintivo de supervivencia. Hai na obra de Matute unha visión tráxica da infancia, un desamparo que resulta lacerante. Os adultos rexeitan todo o que ten que ver cos pequenos, que acaban illándose para sobrevivir. A nenez é un lugar cruel, triste e solitario, pero tamén é un espazo ateigado de achados brillantes porque a fantasía acaba converténdose nun refuxio infalible. Talvez, en gran medida, este xeito de retratar os adultos estea relacionado co feito de que precisamente eles son o obstáculo para preservar a infancia. E a de Matute e dos seus contemporáneos —a Xeración de Medio Século—, estivo marcada polo feito de ser nenas e nenos asombrados da guerra, coma Carmen Martín Gaite ou Elena Quiroga (a segunda muller en conseguir entrar na Real Academia Española despois de Carmen Conde) e cunha traxectoria literaria sometida ao ollo da censura. Unha das cuestións que me resultan máis conmovedoras da obra de Matute é que non só non subestima os nenos, é que, ademais, recoñece a súa sensación de tristura e soidade case inenarrables e que todas as persoas sentimos nalgún momento da nosa nenez, e consegue que a persoa lectora as recoñeza na súa propia pel. Coma se quen le estivese experimentando unha viaxe emocional ao pasado. Esas nenas e nenos atormentados que poboan a súa obra, abatidos polo desamparo, van desenvolver un mundo máxico insólito, emocionante e arrebatador. A vida non lle puxo as cousas fáciles a Ana María. A separación do seu marido nun momento en que as mulleres pagan cara esa decisión (1963) provocou que perdese os seus dereitos como nai e que non puidese ver o seu fillo. Logrou manter o contacto con el grazas á complicidade coa súa sogra. Matute sufriu unha depresión que a sumiu nun período de silencio. Estivo anos e anos sen poder escribir, engulida pola escuridade e desaparecida de todos os eventos literarios. No ano 2010 pechou o seu discurso ao recibir o Premio Cervantes coas seguintes palabras: «Si en algún momento topan con algunas de las historias que pueblan mis libros, por favor créanselas. Créanselas porque me las he inventado». A invención coma fonte inesgotable de verdade, a imaxinación coma templo. Matute foi una autora moderna e valente, e a súa escrita absolutamente engaiolante pero, sobre todo, chea de honestidade.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents