Opinión

«Aquaman» na ría de Vigo

Representación heráldica del escudo de los Mariño, imagen tomada de Diego Hernández de Mendoza, Memoriales de linajes.

Representación heráldica del escudo de los Mariño, imagen tomada de Diego Hernández de Mendoza, Memoriales de linajes. / Fondos de la Biblioteca Nacional de España.

Lin fascinado hai unhas semanas unha reportaxe neste xornal sobre un tritón na ría de Vigo. Non me refiro á escultura de Francisco Leiro na entrada da Porta do Sol, senón ao achado dun manuscrito do ano 1559 no que se relata a captura dun ser medio home e medio peixe. Segundo o texto, foi recollido accidentalmente polas redes duns pescadores de sardiñas, que o trouxeron a terra e o meteron nun bocoi con auga salgada para mantelo vivo e presentalo ao arcebispo de Santiago. Este fascinante relato foi desvelado polo investigador redondelán Abel de Lorenzo, quen está a indagar nas orixes do apelido Mariño, asociado á lenda dun matrimonio entre un home e unha serea (será mellor que non investigue o meu, non vaia ser o demo).

Sen dúbida, trátase dun mito semellante a outros que existen por todo o mundo, historias que inspiraron novelas e películas. Pero, quizais precisamente por iso, non deixa de resultar abraiante. Máis alá das lendas, se hai un lugar no planeta onde o vínculo entre o mar e a terra é tan forte como para alimentar historias de sereas e tritóns, ese lugar é Galicia, e moi especialmente a ría de Vigo (e aquí, evidentemente, barro para casa).

Os galegos levamos salitre nas veas. Pódese ver claramente cando voltamos ao fogar logo de semanas ou meses no interior: é coma se nos faltase o osíxeno, coma se algo esencial para a nosa vida estivese ausente. Ver o mar, respirar a súa brisa, ten un efecto reparador no corpo e na alma. Somos mar. Quizais por iso os mitos teñen algo de verdade, ou quizais se basean nesa necesidade instintiva de volver á auga cada pouco tempo.

Porén, máis alá do romanticismo, aquí na nosa terra sabemos que o mar tamén é sustento. Acaso non son sereas as lexións de mariscadoras que cada día escavan na area das praias? Ou tritóns os percebeiros que arriscan a súa existencia entre ondas descomunais e rochas cortantes coma coitelos? Ou os mariñeiros que faenan no Gran Sol, Terranova, Arxentina ou Namibia? Ou os tripulantes dos atuneiros que teñen que escapar dos piratas no Índico?

En Galicia, máis de 50.000 persoas dependen da pesca, o marisqueo, a acuicultura e a industria transformadora de produtos do mar. Isto representa máis do 50% do emprego marítimo-pesqueiro de España e un 10% do da Unión Europea. Na nosa comarca, este sector xera máis de 32.000 empregos directos e indirectos, cunha facturación anual que supera os 1.000 millóns de euros.

Agora ben, tendo en conta os retos que afronta o sector —recorte de flota, diminución de caladoiros, competencia desleal das armadoras asiáticas, especialmente das chinesas; afundimento do consumo de peixe, falla de relevo xeracional, etc.—, os nosos mariñeiros e mariscadoras, máis que tritóns e sereas, son uns auténticos «Aquaman» e «Aquawoman».

Tracking Pixel Contents