Opinión | Segunda feira

No pasamento do patriota

Quico Domínguez, na biblioteca da Fundación Penzol, en 2020.

Quico Domínguez, na biblioteca da Fundación Penzol, en 2020. / Alba Villar

Se a ausencia definitiva de Francisco Xavier (Quico) Domínguez fere hoxe a súa familia e amigos, tamén grava o ánimo de todos os militantes, progresistas, galeguistas e cristiáns de Galicia. En especial os de Vigo, porque el escolleu esta cidade como centro da súa práctica social igual ca outros nacionalistas. Como se recordará, todo o galeguismo resultou derrotado en xullo de 1936. A súa militancia foi perseguida ou asasinada ou forzada ao exilio. Durante moitos anos o Partido Galeguista tivo que seguir pagando a súa lealdade ao Frente Popular. Quico Domínguez mobilizouse por imperativo moral colaborando na creación de órganos e institucións que suplisen aquilo que fora destruído. El non viviu 1936, pero incorporouse ao labor militante tan axiña como se sentiu preparado para a acción. Sorprendeuno a morte cando contaba 80 anos de idade. E velaquí que un galeguista procedente das Asturias galegas, Fermín Penzol, chegara a reunir unha enorme biblioteca de temas galegos que acordou doarlle ao pobo. A Fundación Penzol situou a sede en Vigo, onde Rosalía asinara a dedicatoria de Cantares Gallegos en 1863 e onde se reagrupara un importante núcleo de galeguistas organizados. A biblioteca e arquivo Penzol, así coma a sede da Fundación en que se converteu, áchanse hoxe instaladas no vello concello que fora construído por Eduardo Chao, proudhoniano e patriota galego e ministro da I República Española. Todo cadra. Residente en Vigo, Quico Domínguez multiplicou os seus esforzos orgánicos. Uniuse a Alfonso Zulueta e ao grupo social-cristián que inspiraba Xaime Illa Couto. Así o vemos no aparato de SEPT, que editou a primeira Biblia traducida directamente ao galego desde os textos orixinais. Quico Domínguez foi designado, a proposta de Del Riego, director da Fundación Penzol. En 1974 participa na constitución do ilegal PGSD (Partido Galego Social Demócrata) que se uniu a outros que non participaron nas operacións da chamada Transición nun grupo que pedía unha vía galega á liberdade e que eran a UPG, PSG, MCG e outros. Finalmente, e dado que o barco do nacionalismo estaba metido nas pedras e isolado, apoiou a reconstrución do histórico Partido Galeguista, o que foi desautorizado abertamente por Ramón Piñeiro, que culminou daquela a súa carreira política como deputado autonómico do PSOE. Aínda podiamos falar máis de Quico Domínguez. Eu coñecino na Asociación Cultural de Vigo, a cuxos actos públicos el soía concorrer. Séxalle a terra leve ao amigo bo e xeneroso.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents