Opinión

Brindar polo 2025

As doce baladas de fin de ano deben levar consigo un efecto dopante e máxico ás nosas mentes polo cal os males desaparecen e o futuro é ilusionante. É un engano, si, porque coa chegada do primeiro de xaneiro nada muda. Ao contrario. Tras desas horas iniciais xorden as primeiras nubes: soben os alugueiros e a peaxe da AP-9. É máis, eses problemas endémicos (e sen resolver) que arrastra Galicia desde fai décadas parecen estar de actualidade unha e outra vez, sen desaparecer por moitos “aninovos” que pasen: sanidade, medio ambiente, educación, desenvolvemento industrial, infraestruturas, vivenda, autogoberno... É coma se estivéramos nos oitenta de maneira perpetua.

Durante a transición á democracia había un feixe de tarefas por facer. Aquí en especial, a diferencia co resto de España era enorme. Sen dúbida foi moito o demandado pola cidadanía e o logrado porque hoxe en día contamos con máis hospitais e maior concienciación medio ambiental; o número de mestres e o aumento da escolarización, formación profesional e cifras de universitarios son mostra da mudanza lograda no ensino, a modernización da pesca e do agro son patentes, e no campo da industria evidénciase que seguimos a estela dunha economía avanzada. Só que esta ollada optimista derrúbase cando cruzamos o Padornelo e nos decatamos do nivel educativo de outras comunidades, das estradas e ferrocarrís dos que desfrutan, da atención sanitaria ou de como a sua modernización está ollando ao S.XXI entanto nós seguimos atrapados no motor Diesel, que nen unha mísera planta de baterías eléctricas conseguimos apañar... Si, este país está irrecoñecible se o contemplamos desde 1984 pero seguimos sendo en moitos aspectos a esquina Noroeste folclórica, chea de marisco, fariña e terceira idade, cando nos miran —os de fora— desde 2024. Ese famoso “Galicia Cumpre”, o que cumpre son anos.

Por iso non é de estrañar, nestes días de festa, cando os “cuñaos” —chegados de alén do Telón de Grelos— toman o ritmo da conversa acaben botando pestes. Queixándose das listas de espera do Sergas, da falla de médicos de familia, de pediatras, de que pechen plantas dos hospitais para logo derivarte a clínicas privadas; da desvertebración entre a Galicia Occidental (desconectada e subdesenvolvida) fronte á Galicia Oriental (urbana e diversificada), do mísero presuposto para a educación pública (se cadra deberíase fiscalizar o destinado á concertada), de como nen somos capaces xa de traer peixe ao Berbés nin ao Muro cos nosos barcos, de que a capacidade industrial parece somnolenta e a maior preocupación da consellería é plantar (ou non) máis eólicos. Daquela, visto que a realidade é preocupante, confiemos nas máxicas badaladas. Oxalá a situación sexa outra no vintecinco e teñamos milagre este vindeiro ano. Feliz 2025!

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents