Opinión | Voyager

Odiámoste porque estás gorda

Lalachús e Broncano, en "La revuelta".

Lalachús e Broncano, en "La revuelta". / Europa Press

Levaba días agardando a resposta de Lalachús tras a vaga de insultos gordófobos e machistas que recibiu en redes sociais ao anunciarse que vai presentar a Noite Vella en Televisión Española, xunto ao cómico David Broncano. Houbo moitos comentarios ferintes. Bertrand Ndongo, satélite de Vox: «Hay que felicitar a RTVE. Le pagará para que por fin coma algo de fruta. Espero que esas 12 uvas sean para ella el comienzo de una vida saludable. Es lo más productivo que han hecho hasta ahora con mis impuestos”. O que hai detrás desta frase é un disfrace perverso. En realidade, o que Ndongo e outra xente coma el non se atreven a escribir publicamente é: «detestámoste, Lalachús, porque estás gorda». Por que hai tanta xente que odia as persoas gordas é algo que descoñezo. Pero é moi sinxelo detectar que detrás desa hipócrita preocupación pola saúde física de Lalachús o que en realidade se agocha é tanto odio coma covardía e, evidentemente, ningunha consideración pola súa saúde mental. Isto último non lle preocupou nin a Ndongo nin a toda a xente que vomitou odio salpicándonos ao resto con ese sentimento tan feo e tan sucio. A mirada dos demais sobre os nosos propios corpos adoita pesar máis ca os quilos, cos que adoitamos ter unha relación complicada. Aguanto a respiración cada vez que alguén me di que estou guapa se perdín peso. Hai uns meses fun mercar unha peza de roupa a un centro comercial de Vigo. Nese momento, cunha perda de quilos radical como consecuencia da circunstancia que todo o mundo coñece, no medio do dó, eu non sabía que talla usaba. A dependenta, nun ton amable e intentando facerme un cumprido, díxome que eu era das poucas mulleres afortunadas que conseguía manterse delgada pasados os corenta. Traguei saliva e marchei. «Das poucas mulleres afortunadas, das poucas mulleres afortunadas, das poucas mulleres afortunadas...». Esa frase reproduciuse en loop na miña cabeza durante as semanas seguintes. Non entendo por que ese empeño en comentar os corpos das demais asociándoo á perda ou á recuperación de peso, nin para ben nin para mal. A que idade empezamos as mulleres a ser conscientes desa mirada inquisitiva que nos xulga en función do noso aspecto? Probablemente na preadolescencia, onde se cociñan todos os complexos que despois nos acompañan ao longo de toda a vida. Admiro as mulleres que conseguen liberarse desa carga, aquelas as que non lles importa que unha prenda de roupa marque un roliño de carne, que visten o que lles prace alén do que supostamente agarda delas a sociedade. Coma Lalachús, que despois dunha vaga de insultos públicos, co seu corpo exposto coma unha peza de carne deshumanizada, foi quen de poñerse diante dunha cámara e dicir con contundencia e alegría que non existe nada, absolutamente nada que poida dicir ninguén, que vaia estragar a ilusión que supón presentar a noite das badaladas en TVE. Mostrarse exultante nun momento así é unha lección. Non lembro insultos dese calibre dirixidos a Chicote, nin a Ibai. Pero claro, a vara de medir non é a mesma e Lalachús está ben para facernos rir uns minutos porque «mira que chica tan simpática», pero non para presentar a noite das uvas en TVE. Con isto non quero dicir que os homes gordos non reciban odio. Que o groso da sociedade é gordófoba, independentemente de se es home ou muller, é unha evidencia. Mágoa que non se poidan resetear os cerebros. O que si se pode é mostrar a nosa indignación con este tipo de ataques e sinalar bullys coma Bertrand Ndongo. Non sei que canle escollerá el para comer as uvas o 31 de decembro, pero agardo que soñe coa cara de satisfacción de Lalachús erguendo a copa de champaña desde a Porta do Sol e dicindo cun sorriso: Feliz 2025!

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents