Opinión | Que din as rumorosas?

Manexar con emoción

Persoas nunha nora de Nadal.

Persoas nunha nora de Nadal. / Matías Chiofalo (Europa Press)

As luces de Nadal chegan cada vez máis cedo ás rúas e os turróns ás mesas, e así e todo o espírito das festas séntese cada vez máis lene. Cando na infancia aprendemos a división, adoitabamos repartir entre estraños dos que só coñeciamos o nome, pero que imaxinabamos coma nós, mazás, globos ou mesmo moedas, nunha profecía anunciada do capitalismo que viría. Non pensabamos que podiamos aplicar as propiedades desa operación aritmética, que tanto fala de comunidade e de distribución a quen queira escoitala, a conceptos máis abstractos coma o entusiasmo. Esa feliz sensación condénsase nun estado de enerxía finita e, de repartila entre máis tempo, é ata razoábel que toquemos a menos entusiasmo cada día.

A exposición continua ás emocións fortes convérteas en febles, desgástaas, condénaas a esvaecerse, coma as cores brillantes que expostas decote ao sol lle entregan en homenaxe unha parte do seu esplendor e rematan tan apagadas coma a cinza, ou coma as mulleres decimonónicas obrigadas a apreixar os pulmóns en corsés por teren menos dereito ao ar.

Os sentimentos humanos son fráxiles e efémeros, coma as ás das bolboretas, os ollos de vidro, os ceos despexados e os castelos de naipes. “Manexar con precaución”, debería dicir un cartel ben grande á entrada das nosas almas, aínda que se cadra moitos non farían caso, como se ignora a quen suxire, con prevención, apertar o acelerador con mesura, inxerir menos graxas saturadas ou gozar máis da vida.

Os sentimentos e as emocións deseguida cansan. Todo lles sabe a pouco. Como acontece coas vítimas de hábitos cuestionábeis, cada vez precisan unha dose maior para ficaren satisfeitas. As emocións idolatran a intensidade e a novidade, e adoitan renxer e rosmar cando a repetición devén norma.

Ás persoas que senten, en xeral, sen dividilas xa por partes, acontécelles o mesmo: a novidade percíbese especial. Non importa que o sexa, porque xa todo se inventou antes, abonda con que o pareza. Pero o interese é igual de fuxidío ca o entusiasmo ou ca a atención.

Esas palabras maiores deixan ao se desgastaren cascas baleiras de momentos que ocupan tempo e espazo, coma se fosen reais, aínda que apenas sobrevivan empurrados pola inercia.

Sendo seres nos que todo caduca, aspiramos á eternidade. Así de contradición somos. E se algunha vez o Nadal volvese encoller a quince días, aínda habería quen tería “mono” de cando o turrón, as luces e as panxoliñas duraban tanto.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents