Opinión
Non queremos esquecer nin perdoar
En ocasións, despois de facer unha simple análise da situación política en relación á escravitude das mulleres e digo ben, escravitude posto que estou a falar da violencia máis extrema que é a das mulleres prostituídas; unha e outra vez pregúntome se algún día este país será abolicionista. Moitos anos de loita contra proxenetas e puteiros sen acadar nada.
O pasado día 13, este xornal recollía unha iniciativa que indica un certo progreso na cultura dos Dereitos Humanos. Refírome á proposta do PSOE provincial de Pontevedra encamiñada a que os militantes e cargos públicos perdan a súa condición de afiliados se son demandantes de escravas sexuais. O PSOE de Vigo avanza un pouco máis contra a cousificacion e mercantilización da muller ao propór nesta enmenda para o vindeiro 41º Congreso Federal de Sevilla que tamén sexa motivo de expulsión a merca de ventres de aluguer.
Galiza, en concreto Vigo, chegou a ser pioneira na loita contra o proxenetismo pois conqueríuse meter a coñecidos proxenetas na cadea, só hai que ir á hemeroteca.
Unha época, non tan lonxana na que por experiencias vividas, deixamos de confiar na Garda Civil debido as súas complicidades cos maiores proxenetas de España. E digo ben cando falo de complicidades.
Nunca esqueceremos o día en que a maior asociación de proxenetas, autodenominada «Asociación Nacional de Clubs de Alterne», coñecida como ANELA, premiou á Unidade Central Operativa da Garda Civil cun galardón, como agradecemento a súa «colaboración», disque. Hai 20 anos disto.
Sabiamos historias e vivimos algunha, pero este escándalo fora a guinda da nosa desconfianza que axiña manifestamos e denunciamos diante dos medios de comunicación toda vez confirmado o feito. O resultado inmediato foi a manifestación por parte da Garda Civil de non saber de tal recoñecemento non aparecendo na festa de entrega.
Non pasou moito tempo cando estes proxenetas solicitaron cita co Presidente Fraga Iribarne. Sabedoras da data en que ían ser recebidos, ao dereito fixemos un pedimento de entrevista co Presidente e, concedida esta, rexeitámola posto que era moi posterior á deles, transmitíndolle á secretaria que lle preguntase ao Presidente se estaba tolo ou era cómplice, ademáis de que pensabamos denunciar públicamente este encontro. Ao día seguinte, unha coñecida política (abolicionista) do PP transladounos que a cita estaba anulada. Agora ben , aos poucos días tiñamos unha demanda de ANELA no Xulgado, foi desestimada.
Que España é o país con máis puteiros da Europa, non hai a menor dúbida e así o reflicten diferentes estudos. Naturalmente non atoparemos un só puteiro que o recoñeza.
Isto é parte da nosa historia recente e nunca deberiamos esquecer que o puteiro descarga nas mulleres todo o seu odio, un odio visceral; para iso paga. Algún día hei contar como as anulan e como as coaccionan.
Podemos observar como nos últimos anos o proxenetismo está a mudar a súa táctica coas escravas sexuais. En moi pouco tempo os clubes de alterne están a desaparecer, sendo substituidos por pisos; o obxectivo é pasar máis desapercebidos para o control. Non embargante, os métodos son os mesmos: translados dun lugar a outro do «produto» aos 15 ou 20 días pois os puteiros esixen carne nova.
Hai algúns anos as vellas feministas que traballabamos con estas escravas e que sabiamos por elas o que estaba a acontecer, estudamos a posibilidade de visualizarmos a proxenetas e puteiros, fotografándoos para espallar as súas facianas pola cidade pero non puidemos levalo a remate. Isto queda para contar outro día.
Non estaría de máis que as novas feministas abolicionistas valorasen iniciativas semellantes.
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse
- «Sin calefacción estamos todo el año a 21 ºC»
- La Navidad llega a Vigo con ilusión impermeable
- Descarrila un tren de mercancías cargado de toneladas de acero en As Neves
- El encendido de las luces de Navidad de Vigo en primera línea: aforo limitado y solo cuatro accesos a Porta do Sol
- El Paseo de Alfonso luce su nueva plaza-mirador
- Detenido un vecino de Vigo que estaba lanzando botellas de cristal desde una planta de Vialia hacia la plaza de los cines
