Opinión
Nunca máis invisibles: Que a vergoña mude de bando!
É a violencia contra as mulleres invisible? Ás veces teño a sensación de que, malia todo o pulo das feministas por converter o terrorismo machista nun problema social de primeira orde, seguimos sen importar o suficiente. Non falo de manifestos, declaracións, chíos ou carteis bonitos, falo de importar de verdade. Falo de que se nos encolla o corazón e non poidamos evitar pensar niso polo menos un momento ao día. Nunha sociedade que presume de avances en igualdade, a violencia contra as mulleres segue tan presente como sempre, pero eu nótoa máis invisible ca nunca. Esta invisibilidade non é casual: é un produto deliberado dun sistema que precisa manter as mulleres en subordinación para perpetuar os seus privilexios.
A normalización da violencia estrutural maniféstase de moitas formas. Nos espazos laborais, as mulleres son ninguneadas cando se cuestiona a súa capacidade, se ignoran as súas achegas ou se lles impón unha carga mental desproporcionada. Nas rúas, o acoso que sufrimos, mesmo desde nenas, é reducido a «piropos», minimizando a súa gravidade. Nas relacións de parella, a violencia machista é trivializada: «quérea moito, pero é celoso», «son cousas de parella», ou «o problema tamén é que elas se deixan». Estes comentarios perpetúan os ciclos de abuso. Pero, ao parecer, resulta máis nutritivo para o debate público seguir falando das denuncias falsas, esas que, polo visto, só existen na violencia machista, malia as cifras oficiais que cuestionan esta suposta pandemia de mulleres mentireiras.
A invisibilidade tamén se reforza coa creación de discursos culturais que lexitiman o control e a opresión. A prostitución, por exemplo, preséntase como unha elección persoal, obviando que é un reflexo dunha sociedade que mercantiliza os corpos das mulleres máis vulnerables. Non sacar rendemento ao noso «capital sexual» parece de parvas. E, nun xiro inesperado, defender o dereito a non ser mercantilizadas ata pode ser tachado de puritano. Isto tamén se escoita cando sinalamos a normalización da violencia sexual a través da pornografía, que educa xeracións enteiras na idea de que o desexo masculino xustifica calquera abuso. Estas son manifestacións extremas dun sistema que coloca as mulleres como obxectos ao servizo do poder masculino.
Outra ferramenta eficaz é a ridiculización. As activistas somo etiquetadas de «histéricas», as nosas demandas sociais de «esaxeracións», e os avances logrados son vistos como excesos ou ameazas. Esta estratexia busca desmobilizar, sementando a dúbida entre as propias mulleres e desacreditando a loita antes de que poida consolidarse.
E agora, que facemos? Hai saída para a invisibilidade e o silenciamento? Comecemos por poñer nome ás violencias. A linguaxe é poder, e nomear o que vivimos é o primeiro paso para visibilizalo. É necesario esixir políticas públicas contundentes que afronten a violencia contra as mulleres en todas as súas formas, incluíndo a prostitución e a pornografía. E, por riba de todo, cómpre apostar pola educación para a igualdade, non só nas escolas, senón en todos os ámbitos da sociedade.
A resistencia feminista demostrou unha e outra vez que é posible rachar co silencio. Mais non debemos esquecer que o patriarcado non cederá os seus privilexios sen loita. Por iso, precisamos redes de apoio, sororidade e manter viva a nosa indignación.
Gisèle Pelicot, superviviente da violencia sexual, amosounos con valentía que os agresores son os que deberían avergoñarse, non as vítimas. Ao amosar a súa cara e enfrontarse aos seus agresores, deixou claro que o peso da vergoña non nos pertence. Sigamos o seu exemplo, rachando co pacto de silencio e facendo visibles todas as violencias contra as mulleres.
Ocupemos as rúas, obriguemos a que nos vexan, porque ao facelo desvelamos o sistema patriarcal que tanto se esforzan en ocultar. A invisibilidade non só borra ás vítimas, senón que protexe aos agresores. É tempo de rachar cos pactos de silencio e, dunha vez por todas, que a vergoña mude de bando.
- Rueda, sobre la manifestación de hoy en Vigo en defensa de la Sanidade Pública: «Van por otro lado de lo que siente la mayoría»
- Una prórroga al sistema y a Televisión Española
- Vuelve a cambiar el precio de la bombona: esto es lo que costará a partir del martes
- El Celta lleva al límite al Madrid, pero contra 12 no puede
- Última llamada de auxilio de la protectora: «Los perros no salen a pasear desde octubre»
- Una mujer divorciada recurre al Constitucional para evitar que ella y su hijo sean desahuciados
- Fallece en plena calle de un infarto en Oviedo después de que la ambulancia que iba a socorrerle se accidentase
- Iago Aspas incendia las redes con el penalti no pitado al Celta