Opinión

ariadna fernández

As peaxes de xénero

Só aquelas que vivimos e vemos a realidade dende a perspectiva de ter dous cromosomas xe nas nosas células, sabemos o que a antepenúltima letra do abecedario repetida trae consigo, cando codifica o ADN.

Trae a repetición do esforzo, que ten que ser duplo para que o mundo confíe en ti, para que unha veterinaria sexa valorada coma un veterinario, unha labrega coma un labrego e unha directora de empresa coma un director. Trae a duplicidade dos medos, aínda non sendo medrosa, porque os temores incúlcanse segundo as túas cadeas de nucleótidos; trae a duplicidade dos esforzos para chegar a ese lugar a onde queres ir, aínda que sexas rápida e eficaz; trae a multiplicación por dous das explicacións, das xustificacións, dos motivos para cada decisión, dos motivos dos sis e dos nons, facendo que as dúbidas te asolaguen en cada cruce de carreiros ou de autoestradas, ou para que a ausencia de dúbidas te deixen ver que as peaxes existen, hai que pagar .

E é que as peaxes, amigas, mulleres, tías, nais, mestras, doutoras, enxeñeiras, costureiras e cociñeiras, as peaxes do A final, do cromosoma X repetido, da presenza entre as nosas vísceras dun útero e uns ovarios, úselos ou non para reproducirte, ten factura e comeza o día que naces e che furan as orellas por ser ti, si, por ser ti. Non falo de cartos amigas, custa insistencia, sensatez, sensibilidade e resiliencia, custa moito máis do que nalgúns momentos podemos dar e temos que fabricar dentro, a toda máquina, porque nós temos que ter todo, de todo o que calquera precise para considerarnos boas ou malas mulleres, boas nais, amigas, compañeiras na casa e fóra dela, boas traballadoras, boas, á fin.

Máis ás veces, moitas veces, eu quizais soamente quero ser muller, así, sen máis, erguerme e ser muller, vós non? Quero ser eu, sen pensar no meu xénero, eu non podo e ti tampouco, non podes querida XX e sábelo, non podes porque vas saír á batalla diaria, a batalla de todas, na que ti tes que manter posicións, non por ti unicamente, que tamén, por min, por túa filla, por túa nai, e túa neta ou por aquela veciña que non da sido máis porque peta coa cabeza contra o cristal.

Es muller, coma min, e acouga nena, vella ou moza, o futuro é para as XX, queiran ou non.

Tracking Pixel Contents