Opinión | Voyager
Vémonos en Bluesky
Creo firmemente que a única nostalxia que debemos permitirnos é a dos días felices, pero sen perder nunca a esperanza de poder fabricar novos recordos fermosos. Como sementes de futuro. Iso foi o que construímos a pasada semana en Vigo, no marco do HematoFesti: un sementeiro de lembranzas. Foi precioso ver a resposta da cidade e os espazos que acubillaban o festival cheos de público. O espazo Nintendo foi un fervedoiro de familias que, ademais de probar os videoxogos que a compañía puxo ao dispor dos visitantes, aproveitaban para sacar fotos con algún dos personaxes máis icónicos, con Mario como indiscutible protagonista. A gala celebrada o xoves no Auditorio Mar de Vigo reuniu máis de mil duascentas persoas que riron coa alma salvaxe de Nacho Vigalondo, aplaudiron con entusiasmo a Lucía Aldao, e vibraron coa actuación entregadísima de Eva Amaral, entre outros artistas que tivemos a fortuna de acoller nesta cidade. O peche de Joe Crepúsculo coa súa «Fábrica de baile» puxo en pé a todo o auditorio. Un final que foi un auténtico broche dourado. Co gallo da celebración do HematoFesti, publicáronse numerosos artigos na prensa nacional. Houbo un titular especialmente significativo: «El HematoFesti celebra en Vigo al agitador sin el que Twitter empezó a morir». Recordo unha reportaxe publicada no FARO DE VIGO hai algo máis dun ano, onde se nos preguntaba a varias persoas usuarias de Twitter como viamos o futuro desta rede social. O ton das respostas era, en xeral, pesimista. Había quen pensaba que a rede aguantaría un par de meses. Mais o tempo, tanto nas redes sociais como na vida, ten unha consistencia estraña. Hai uns días, as persoas que temos conta en Bluesky demos a benvida a centos de usuarios que chegaron en avalancha. Un feito que simboliza o abandono de Twitter ou, o que é o mesmo, a súa morte. Unha migración que coincide co triunfo de Donald Trump en EE UU. A proliferación de bots e trolls dos últimos meses converteu a rede social do home máis rico do mundo nun lugar máis irrespirable aínda do que xa era desde hai máis dun ano. Se ata hai semanas viviamos a deriva da rede de Elon Musk coma habitar unha selva con superpoboación de depredadores, agora mesmo asistimos á súa deforestación. Interesoume o comentario compartido a este respecto por Thehardmenpath: «Estar en Twitter es esculpir tu cerebro hacia un modo de comportarte con los demás muy perjudicial. Actualmente, la única alternativa real a que Twitter sea una basura es que siga siendo una basura pero sin que nos demos cuenta». O anuncio do peche de contas con grande influencia en España coma «The Guardian» foi talvez a estocada definitiva. Hai xa pouca xente que queira estar nun lugar tan tóxico, onde a visibilidade da que gozabamos hai anos desapareceu, onde estabamos para establecer debates desde o respecto, rir cos memes máis ocorrentes e descubrir cousas que chegaban aí antes que a ningunha outra parte. Este Twitter xa non existe. O Twitter actual é o da monetización, a asfixia e tamén un niño de ultras. A rede está dirixida cara a un lugar onde resulta imposible estar. Dígoo sen pena. Talvez resulte estraño este concepto, mais Twitter é un lugar onde fomos felices, mais xa non podemos selo. Por iso só podo pechar estas liñas dicindo: vémonos en Bluesky.
Suscríbete para seguir leyendo
- Adiós al hijo de Carmen Borrego en 'GH DÚO' tras solo unos días en la casa: «Demandando»
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Un terremoto con epicentro en Barro se siente en media Galicia
- Los tres trucos de los economistas para ahorrar en el Mercadona: 'Se ahorra un montón de dinero
- Vigo y A Coruña, incomunicadas por carretera después del atardecer
- Adiós a pasar la ITV a las motos en 2025: el Gobierno aprueba la medida
- Hallan el cuerpo sin vida de una joven detrás del ayuntamiento de Vigo
- Oporto estrena un destino español inédito para los aeropuertos gallegos