Opinión | Sputnik

A vida flotante

Unha imaxe dos efectos da DANA en Valencia.

Unha imaxe dos efectos da DANA en Valencia. / Biel Aliño

O refraneiro popular di que «o verán de San Martiño o verán ou é grande ou pequeniño». Escribín sobre isto hai uns días, co termómetro acariñando os 22º na nosa cidade. Alguén me contou que en Salamanca estaban a 21º e que, nos anos oitenta, por esta mesma época, andaban polos catro graos chegando en decembro aos 7º baixo cero. Os veráns da nosa infancia eran eternos e calorosos. No outono empezaba a zoar o vento, como advertencia de que o seguinte en chegar sería o inverno. Agora mesmo, se un visitante do pasado chegase aquí cos ollos pechados e lle preguntasen en que estación estamos, nunca diría outono. As estacións hai tempo que cambiaron as súas normas. Velaí o cambio climático, unha emerxencia que, malia as evidencias incontestables, resulta negado unha e outra vez. Máis difícil é negalo en plena situación catastrófica, co país aberto ao medio mentres chegan imaxes de Valencia que resulta complicado ver sen angustiarse. Hai pobos e vilas que semellan un cemiterio de coches. Os mobles sobre auga e lama, avanzando pola riada coma se tivesen vida propia, fuxindo das súas casas para non volver nunca. A vida flotante. De súpeto, o mundo deixa de ser como o coñecías. A vida xa non volverá ser a mesma para todas esas persoas que choran os seus familiares, veciños, amigos. A DANA foi tan feroz que 2024 quedará marcado para sempre pola traxedia. E, mentres, a incompetencia, a desesperación, a rabia e a violencia. Non semella fácil conterse cando perdiches todo. Ver o presidente da Generalitat vestido con chaleco, o seu outfit oficial dos últimos días, é case un paradoxo. O mesmo día da DANA, mentres se desataba o horror, Mazón escollía un experto en «festexos taurinos» domo director xeral de Interior. Era 29 de outubro, a xornada da catástrofe. Mazón non chega ata as 19:30 á primeira xuntanza do Centro de Coordinación Operativa Integrada en l’Eliana, xa coa situación en estado de caos absoluto e centos de persoas atrapadas ou en paradoiro descoñecido. Nesa altura, a televisión autonómica xa informara dos salvaxes estragos que producira a DANA, con alerta polo risco de desbordamento da presa de Forata, coas alarmas vermellas do desastre lanzando avisos e a Conselleria de Sanitat sen saber que facer, tratando de contactar telefonicamente cun Mazón desaparecido. Evidentemente, o presidente da Generalitat non imaxinaba a que se aveciñaba. Mais a ousadía de desatender as advertencias págase moi caro. Iso sumada á dubidosa capacidade do equipo de emerxencias da Generalitat de Valencia, coa xestión en mans dun partido político que nega o cambio climático. O Director Xeral de Interior ten competencias trascendentais nas actuacións fronte a calquera tipo de emerxencia, con funcións delegadas en materias como Protección Civil ou Policía autonómica. Mazón escolleu o experto taurino Vicente Huet. É case poético que a designación deste cargo tivese lugar o mesmo día en que a DANA arrasou con todo. A partir de aquí, a incompetencia para xestionar a crise alcanzou unhas cotas tan salvaxes que o voluntariado volveu poñerse en marcha, como sucede sempre que unha catástrofe rompe este país. É durísimo ver as redes sociais estes días. É a retransmisión en directo do horror. Por momentos dubidas se estás vendo un lugar no medio dunha guerra. Tamén é emocionante ver a xente prestando a súa axuda en masa, coma a cadea branca que se formou cando o desastre do Prestige. Cando a incompetencia política é tan clamorosa, o pobo mobilízase. Mais, que sucederá mañá? Como van reconstruír esas persoas as súas casas, os seus negocios, as súas vidas? O das feridas pola perda xa é outro asunto. Un que os rompeu por dentro para sempre. E esas feridas tardarán moito en cicatrizar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents