Opinión | De bolina

Fragmentos filolóxicos ( e II)

«Como debemos escribir en galego —e en castelán—: Xulio Verne (Julio Verne), o/el príncipe Heduardo/Eduardo de Inglaterra… ou debemos manter, polo contrario, o nome en francés, inglés… (Jules, Edward…)?» «É, xa de paso, que lle parece a Vde. iso, que fai a TVG, de poñer “Alxeciras” , “Xirona” en lugar das formas orixinais?» Velaí a segunda parte da consulta filolóxica —á primeira, cuestións ortográficas, tentei dar xa solución hai dúas semanas— que me viñeron facer recentemente algúns de entre Vdes. Nin que dicir ten, paso xa a detallar resposta nas liñas que seguen.

Foi costume entre nós, en épocas pasadas, someter os antropónimos estranxeiros a un proceso de tradución, equivalencia ou adaptación. Deste xeito (e en castelán): “Juana de Arco”, en vez de Jeanne d´Arc; “Carlos Marx” por Karl Marx; “Miguel Ángel” por Michelangelo; “Alejandro Dumas” por Alexandre Dumas, etc. Porén, en calquera de ambos os idiomas, a preferencia actual consiste en utilizarmos a forma que presentan en orixe: William Shakespeare, James Joyce, Stefania Sandrelli, Simone de Beauvoir, Annie Ernaux. August Macke… Tan só, daquela, os nomes dos papas (Paulo VI/Pablo VI), dos membros das casas reais (Henrique de Sussex/Enrique de Sussex), de santos, personaxes bíblicos e históricos aparecen versionados: San Xoán Bautista, María Madalena, Xulio César… Trátase, polo demais, dunha querenza que, en maior ou menor medida, tamén afecta outros idiomas: Carlos II de España/Charles II of Spain/Charles II roi d’Espagne/Carlo II di Spagna); se ben que Felipe VI se escriba tal cal en inglés e francés, pero non en italiano: Filippo VI, ou en portugués: Filipe VI.

Co «obxectivo básico de atinxir un uso uniforme da toponimia que facilite a comunicación a nivel mundial», véñense facendo esforzos desde 1967 nas «Conferencias das Nacións Unidas sobre a Normalización dos Nomes Xeográficos». Non obstante, e logo de diversos debates, os conferenciantes chegaron á conclusión de que os exónimos —isto é, o nome co cal é denominado un lugar nun idioma diferente do vernáculo— xa consolidados nunha lingua forman parte do seu patrimonio cultural. Xa que logo, decidiron aprobar a súa utilización a fin de facilitar o intercambio de datos.

Monaco (Principato di Monaco) e Monaco (Monaco di Baviera): en italiano cómpre clarificar (“Principato di” ou “Di Baviera”), a fin de sabermos a cal das dúas cidades nos estamos a referir -hai que dicir que tamén en castelán o nome tradicional da capital bávara era “Mónaco de Baviera”, por máis que resulte inusual desde xa hai moito tempo. E é que a toponomía, as súas traducións, adaptacións… nin sequera se fan sempre de forma directa: así, o “ch” da forma española “Múnich” procede dos exónimos en inglés e francés (así mesmo, “Munich”) e non do alemán “München”; en galego escribimos “Munic” mentres os portugueses prefiren “Munique”. Por outro lado, as adaptacións fonéticas tamén poden inducir a equívocos: tal é o caso das formas en castelán e galego –“Brujas”; “Bruxas”- da fermosa cidade belga. En realidade, o nome orixinal da cidade é Brugge. Porén, esa palabra nada ten que ver con “brujas” nin con “meigas”. Antes ben, “brugge” é o plural de “brug”: isto é, de “ponte”, en neerlandés. En fin, malia que teñan ambas urbes como símbolo un león, nin o topónimo León (España) nin tampouco esoutro Lyon (Francia) teñen nada que ver coa palabra latina “leo” senón, polo contrario e respectivamente, con “legionem” e facendo referencia á “Legio VII Gemina” e “Lugdunum”: esta segunda en relación xa con “dunos” (“fortaleza” en galo), xeira con “lug” (“pantano”) .

“Alxeciras”, “Xirona”? Evidentemente, trátase de puras adaptacións fonéticas ao galego dos termos castelán, o primeiro, e catalán, o segundo. A título persoal, a miña preferencia —de acordo co detallado máis arriba— está a favor de manter as formas no idioma orixinal: “Las Palmas de Gran Canaria” antes que “As Palmas de Gran Canaria” —do mesmo xeito que “Los Ángeles”, “New Jersey”, “Perpignan” e non “Os Ánxeles”, “Nova Jersey”, “Perpiñán”—. Con todo, e como así mesmo queda expresado liñas atrás, trátase ás veces dun proceso pouco doado: Londres (e non London) ou Estocolmo (e non Stockholm).

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents