Opinión | Voyager
Arranca o Hematofesti

Cartel da primeira edición do HematoFesti. / FdV
A pasada semana, un ganso con raias de cebra, sombreiro vermello e patas de señor apareceu en distintos espazos publicitarios da cidade. É o cartel que o ilustrador e director de cine Alberto Vázquez deseñou para o HematoFesti, o festival de literatura infantil e humor que se desenvolverá en Vigo do 6 ao 10 de novembro. Unha iniciativa que nace para homenaxear a Miguel López, o gran Hematocrítico, cando está a piques de cumprirse un ano da súa morte. Un festival que se sustenta sobre os dous motores fundamentais da súa vida: a literatura infantil e a comedia, pensado para que chegue a un público diverso. Cunha programación con actividades para nenas e nenos, mais tamén cunha ampla oferta para público adulto, o HematoFesti repártese por distintos espazos da cidade. A presentación será o mércores día 6 ás 18:00h., nun acto con entrada libre que se celebrará no Auditorio Municipal, e que contará coa presenza de Alberto Vázquez e da queridísima escritora María Oruña. O colofón da presentación do HematoFesti será un concerto gratuíto do grupo Trilitrate, unha proposta fresca e orixinal que combina música coa realización de pezas visuais en directo. A partir de entón, Vigo estará nutrida de obradoiros de ilustración para nenas e nenos, propostas de xogos con crianzas e sesións de contos infantís en librarías como Cartabón, Librouro, Libros para Soñar ou o Espazo Lector Nobel do Calvario, na Galería Maraca, e tamén no local de Évame-Oroza e no Museo MARCO. Todas estas actividades son gratuítas, con reserva de prazas a través de www.hematofesti.com. O xoves, no Auditorio Mar de Vigo, terá lugar a gran gala homenaxe: a Hematogala. Un evento que fusiona comedia e música, con artistas de primeira liña de diferentes ámbitos. Conducida polo director de cine e actor Nacho Vigalondo e a poeta Lucía Aldao, polo escenario do Mar de Vigo pasarán artistas como Amaral, Noel Ceballos, Carolina Iglesias, Laura Márquez, La Ruina, Nus Cuevas o Joe Crepúsculo. Garantimos risas e quizais algunha sorpresa. É un soño cumprido reunir a todos os artistas que van visitar Vigo esta semana. Un soño froito de todo o que Hemato sementou ao seu redor. Para nós —as persoas que organizamos este festival— é un reto marabilloso converter esta cidade no foco do humor e da literatura infantil. Mais tamén haberá espazo para o xogo. Da man de Nintendo, haberá un espazo gaming no MARCO, para que as familias poidan gozar das novidades da compañía de videoxogos coa que medramos tantas xeracións. De feito, haberá unha charla con Pedro Mañas, o autor supervendas da icónica Anna Kadabra no MARCO, o xoves ás 17:30h, tamén con entrada libre. Ese mesmo día, o xenial Paco Roca dará unha charla na sede da Deputación de Pontevedra ás 19h. Videoxogos, literatura, ilustración, humor e tamén premios. Porque poucas cousas hai máis bonitas que premiar o traballo doutras persoas. O sábado, como lazo a unha xornada sobre literatura infantil que terá lugar na sede da Deputación Provincial en Vigo, fáremoslle a Manuel Bragado a entrega do Premio de Honra «Lenda do Recreo». Un recoñecemento a un home que se entregou en corpo e alma á literatura galega. Un editor honesto, leal, intelixente que sempre estivo do lado das autoras e autores, facendo un acompañamento desde o cariño e desde o respecto. O primeiro editor de Hemato en galego e de tantísimas autoras e autores que estamos desexando expresarlle de xeito público a nosa gratitude e todo o amor que lle temos. O HematoFesti vai ser un festival cargado emocionalmente, pero é que a vida, sen emoción, é unha casca baleira. Celebrémola!
Suscríbete para seguir leyendo
- Hacienda tumba en masa las reclamaciones de marineros por la exención de IRPF
- Un muerto y tres heridos en una colisión frontal en Redondela
- El Celta cae por aplastamiento
- Ordenan investigar la fuga de gases cancerígenos en el IEO de Vigo
- Revés para un desarrollo urbanístico clave en Vigo, al exigir la Xunta un examen ambiental más riguroso
- Portugal se engalana de Natal: diez ciudades de cuento por Navidad
- La nueva empresa estatal de vivienda elige Vigo para estrenarse: 67 pisos saldrán al mercado de manera inmediata a precio «asequible»
- Así crecerá el nuevo «gigante» en Bouzas: Puerto de Vigo, Stellantis y constructoras estudian levantar el nuevo silo en una fase
