Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Xerardo Dasairas

Cangas / Moaña

A evolución do transporte de ría (I)

O historiador cangués inicia unha colaboración de cinco capítulos sobre os barcos e barqueiros da pasaxe de O Morrazo

Balandro agardando o abalo do mar para partir.

Balandro agardando o abalo do mar para partir. / Arquivo do autor.

Descoñecemos como foron os inicios da pasaxe na ria de Vigo, mais non cabe dúbida que esta é moi antiga, tal como acredita o petroglifo da Borna. O traballo dos pescadores tamén estableceu, sen dúbida, unha comunicación entre ambas beiras da ria, aproveitando estas viaxes para o transporte de persoas e bens. Porén, ata comezos do século XVIII non temos noticia documental de barcos a vela adicados exclusivamente a cruzar a Ria con mercadorías necesarias en ambas partes e xentes e animais con destino ás feiras.

A pasaxe na ria xa debeu existir desde que as xentes das ribeiras do mar contaron cos medios e modos que a fixeron posible, incrementándose esta pola necesidade de comunicación e de intercambio comercial a medida que ían crecendo as industrias e poboacións. Sabemos que esta conxuntura socioeconómica xa excitaba o poder político-militar no século XV pois nos anos 1477 e 1484 temos navegando cara a Cangas a Pedro Madruga para abastecerse e reclamarlle ao arcebispo este porto como seu. Nestas datas xa existía un comercio de peixe constante entre os portos da ria e incluso con outros núcleos marítimos de Portugal e do norte peninsular. Os rexos e pesados trincados (con casco ao trinque ou calime) foron sustituidos polas pinaças e pirlos, máis lixeiros e mariñeiros, construidos a tope e quizáis forrados con madeira de piñeiro de onde lles veu o nome. Os rexos e pesados trincados seguirían usándose na pesca nos cercos reais e as pinazas canguesas tamén adoitaban navegar cargadas de peixe cara a Redondela por ser este o punto mellor comunicado coa ruta terrestre cara a Meseta. E aproveitando estes periplos comerciais, tamén viaxaban as xentes por diversos motivos persoais e sobre todo para acudiren ás feiras da contorna a mercar e vender.

dd

Cruzando a Ria no galeón. Augarela de 1888. / Arquivo do autor

Cara a mediados do século XVIII sabemos que había 61 embarcacións na ria dedicadas ao transporte e entre estas menciónase en Cangas “un barquillo del tamaño de una dorna”, propiedade de Ysidro Fernández, dedicado á pasaxe. Porén, sabemos que este pequeno barco, xa viña facendo anteriormente, desde 1712, a pasaxe con Vigo, transportando xeralmente viño, existindo no Forte outro barco de pasaxe con Vigo e Bouzas, explotado por catro mariñeiros e tamén outros dous barcos máis que facían este servizo, propiedade cadanseu dun mariñeiro. Cando Frei Martín Sarmiento realiza a Viaxe por Galicia no 1745, xa menciona barcas de pasaxe entre O Con, Meira, Domaio e desde o Ulló (Vilaboa) con traxectos discrecionais a Redondela, Vigo e mesmo Baiona. Nestas datas sabemos que en Meira funcionaban dous barcos de transporte, un pertencente á sociedade de Cosme Garrido, Marcos García e Mariana do Pazo que tamén consorciaba esta outro barco con Domingo Nogueira e Joseph García.

dd

Balandro 1924 / Arquivo do autor

En San Martiño de Moaña traballaban na pasaxe os irmáns Francisco e Domingo Portela, explotando outro barco Bartolomé e Pascual Paz en sociedade con Santiago Currás. Matheo Vázquez de Vigo tiña outro barco, atendido por dous mariñeiros de Moaña e un de Coiro; Mateo e Manuel Lorenzo tamén se dedicaban á pasaxe e Antonio de Meira xunto con Francisco Vidal de Moaña atendían as pasaxes a Vigo e Redondela levando xentes, mercadorías e gando.

En referencia a Domaio recóllese que había catro “dornas barquillos” de pasaxe, compartidos a cuartas entre varios propietarios que eran Alonso González, Eulalia Paz, Vicenta da Rua e María Rioboo, o que anticipa a práctica de poñer unha parte do capital investido a nome das suas mulleres. Cara a 1772, o enxeñeiro Eustaquio Gianini, que andaba a proxectar os primeiros portos de Vigo e Cangas, non menciona os barcos de pasaxe a Cangas pero anota que hai cinco que operaban con Vigo desde O Con e Domaio e tres desde San Adrián.

dd

O galeón Elisa en 1950 / Arquivo do autor

A pasaxe na ria debía ter certa intensidade cara a 1809 pois as autoridades francesas de ocupación, por temor ao trasfego de homes, armas e pólvora, van impor nesta data, férreos controis sobre o paso da ría nos peiraos vigueses. Incluso o día quince de marzo deste ano van reter en Vigo ao patrón e á tripulación do barco que facía a pasaxe diaria desde Cangas para usalo como transporte de tropas cara o Morrazo, asunto que se frustrou ao fuxiren para Cangas o patrón e a máis a tripulación. Por datos de 1825 sabemos que en Cangas xa había tres barcos operando na pasaxe, en Moaña catro e en Tirán tres, habendo catro no Hio dedicados ao transporte de viño cara a Vigo e ao trasvase dos traballadores das fábricas de salga na ria de Aldán pois o único camiño existente obrigaba a ter que bordear por Vilariño.

Galeóns e balandros

En 1840, Taboada Leal tamén se refire ás innúmeras lanchas que chegan a Vigo desde a banda norte da ria e alude á continua pasaxe desde Cangas: Era a época dos balandros e galeóns de carga e pasaxe que habían perdurar ata os anos cincuenta do século pasado. Desde esta data comezaría a operar en Cangas o balandro Flor de María de Manuel García “Lamaza” (falecido en naufraxio en 1880) e o de Francisco Graña. Segundo o relato duns viaxeiros que retornan de Vigo cara a Coruña e co fin de evitar o rodeo polo escabroso camiño de Vigo a Redondela, estes collen unha barca na cidade olívica que os transportaría ata o Ulló de Vilaboa por un duro da época. A chegada do ferrocarril a Vigo en 1881 tería, a posteriori, gran repercusión no transporte de ría ao se incrementar o trasfego de mercadorías e materiais de todo tipo que as vilas do Morrazo demandaban e cuxo traslado por terra era longo e custoso.

dd

Balandros e galeóns en Moaña / Arquivo do autor

Cara a 1879 xa estaban exercendo a pasaxe de persoas e mercadorías en Moaña os barcos de Rosa Covas Rivas e Francisco Veiga Costa e en Cangas o de Francisco García. En 1883, na ruta Moaña-Vigo seguen operando as mesmas navieiras e na travesía Cangas-Vigo continúa Francisco García, sumándose agora os galeóns e balandros de Ángel Graña Martínez e Francisco Rodal. Cinco anos despois, os navieiros en Moaña son Manuel Martínez, Pascual Martínez, José Mª Pose e Juan Santomé sendo que xa, cara a 1893, son quince os operadores desde Moaña* (ver cadro).

Cara a finais deste século XIX e centrándonos nos barcos de pasaxe de Cangas a Vigo temos facendo esta ruta ao de Joaquín García, a Viúva de Joaquín Graña, Antonio García co Gonzalo, Agustín e David Monroy (Anacoreta 1903) cos San Francisco Javier, As de Vir, Invencible, Juanita, Dolores e tamén o balandro do ferrocarril (chamado anos despois da RENFE). Cara a 1906 operan no transporte Manuel A. Montes Graña co San Antón, Adolfo, José e Rafael Graña Montes con cadanseu barco e Joaquín Bermúdez e José Monroy cos seus. En 1909 son Remigio Carnero co Manolita (1909), Manuel Ojea Torres co Santa Liberata (1919) e Alejandro Bonet co Botina, os que figuran no transporte. Na altura de 1910 sabemos que eran cinco os balandros e tres os galeóns, adscritos ao porto de Cangas, seguindo co habitual abastecemento de sal, aceite e carbón ás fábricas e salgadeiras e o transporte do seu produto a Vigo pois a penas era posible facelo polos camiños terrestres. Esta xeira do transporte a vela tería continuidade nos anos seguintes co Anacoreta (naufragado na galerna de finais de xaneiro de 1930) e co Amelia y David, aparecendo outros armadores como Félix Bermúdez, Manuel García Iglesias, Pitorro, José Graña Montes (logo Joaquín Graña Luis, “Sebo”), o do “Choupas”, M. García Díaz co Lamasa e Antolín (Antonio Fernández González) que foi o último en realizar o transporte a vela na ruta de Cangas.

dd

Galeón de Antolín en Vigo en 1950. / Arquivo do autor

En Moaña, onde chegaron a operar ata catorce balandros, podemos mencionar a comezos do século XX e facendo a ruta de Meira a Vigo, ao Muiñeiro e máis ao Rosales e pouco máis adiante xa aparecen os da familia González (“Matacristos”) en Meira, F. González Trigo e Angelina Santomé Bermúdez, primeiro co Ángeles e logo co Angelina e o Porrum (1909). A estes sumaríanse Cortegoso, “Cepillos” (1913); “Pinocho” no Con; F. Gómez (1916); Nando en Domaio e Manuel Conde e Lino Santandrán (1916) en San Adrián. Nestas datas primiseculares tamén arribaban desde Vigo os barcos de Iglesias (1906) e Lorenzo (1918) que tiñan base no Areal a onde chegaban tamén os galeóns e balandros doutros puntos da ria, sobre todo de Domaio e dos Cobres. Nestas duas localidades tamén se construían os galeóns areeiros, destacando o asteleiro de Jesús Rios na primeira localidade, que chegou a facer trinta destes barcos e o de Fernández Portela “O Enano” na segunda, que gozaba de gran fama en Galicia como carpinteiro de ribeira. Mais adiante sería o de Ferradás en Domaio quen destacaría na construción destas embarcacións. Destes asteleiros sairían barcos destinados ao transporte e pasaxe como o Marisa, Lisa, Las Palmas, Berta... figurando o Rosal e máis o Muiñeiro como o últimos galeóns que operaron desde Moaña.

Competición de balandros

Nas regatas que se celebraban en Vigo nestas datas de comezos do século XX, coincidindo coas festas de agosto, incluíase unha competición chamada dos balandros de compra (traslado e venda de peixe) á que acudían barcos desde Baiona a Vilagarcía. Entre os da ria aparecen o Elisa de Francisco Mosquera de San Adrián; o Santa Cristina de Manuel García e os catro de Domaio: Carmen de Manuel Conde, o Argentina de M. Pastoriza, o Deseado de M. Pérez, o Flor de Mayo de Ángel Hernández ou o Castelar.

dd

Balandro de Cangas nos anos 40, no peirao do Comercio ou dos ladrillos. / Arquivo do autor

As viaxes a Vigo duraban case duas horas e a bordo convivían xentes, mercadorías e mesmo gando, camiño das feiras de Redondela, Vigo e Bouzas, nun ambiente antihixiénico que provocaba numerosas queixas ao comandante de Mariña. Este cúmulo de circunstancias agravábase nos traxectos ao coincidir co mal estado da ria, producíndose desastrosos naufraxios como o do barco de Fernando Núñez, ocorrido en 1838, e no que morreron quince persoas en cuxa lembranza se ergueu o cruceiro do Con en Moaña. Deste cruceiro, cremos que a penas queda hoxe a base coa inscrición que tén xerado algunha que outra disgresión. En Cangas, os primeiros puntos de arribada foron os areais (Ribeira do Señal, Rodeira), un curto tempo o peirao de madeira, logo o novo dique-peirao de pedra, coñecido como do Comercio, rematado en 1936 e que contaba cun alpendre cuberto. Nos anos vinte José Curbera contaba cun balandro para o transporte na fábrica do Hio e nos anos corenta ainda era frecuente ver na ria os balandros de Massó (Cosmopolite, Delfín...) trasfegando peixe cara o peirao da fábrica.

dd

Galeón de Antolín. / Arquivo do autor

Nos anos trinta, o colectivo cangués dos denominados barqueiros adoitaban facer públicas as suas reivindicacións e as tarifas de transporte con Vigo, detallando a clase de mercadorías segundo o vulto e peso: sacos, caixas, bocois, garrafóns, bidóns... Desde as canteiras de Meira e con destino aos recheos e portos de Bouzas, Vigo, ETEA, Pisba... funcionaron os chamados galeóns da area que tiñan as obras do porto de Vigo como destino. Na sua última etapa, durante o franquismo, podemos citar os motoveleiros Lojo, Artístico, Hidros, Elisa, Tritón, Los Ángeles, Peregrina, Ameixide, Massó, Torre, Charola, Inocencia... que tamén era frecuente velos descargando mercadorias, materiais de construción ou sal no centro de Cangas para o almacén de Manuel Lago en Montero Ríos. En 1939 ainda operan desde Cangas o Conchita de Manuel Ríos, o Dos Hermanas de Manuel Ribas e outros mencionados anteriormente como o de Sebo , Antolín... Aos poucos balandros sobrevivintes no peirao de Cangas, habería que engadirlle, ainda en 1948, o de RENFE, con despacho en Cangas, que facía os transportes exclusivos a Vigo para o ferrocarril.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents