Opinión | SPUTNIK

Celebremos o nobel de literatura

Han Kang.

Han Kang. / EFE

O Premio Nobel de Literatura, que se fallou o xoves pasado en Estocolmo recoñecendo a figura da autora surcoreana Han Kang, está dotado con dez millóns de coroas suecas (arredor de novecentos setenta mil euros). A Academia Sueca destacou de Kang «a súa intensa prosa poética que confronta traumas históricos e expón a fraxilidade da vida humana». Han Kang recolle o facho do anterior galardonado, o noruego Jon Fosse.

A autora premiada naceu en Gwangju en 1970, a súa obra está traducida a máis de trinta linguas e entre a súa bibliografía están novelas coma La vegetariana, coa que gañou o Man Booker Internacional, sendo considerada a súa gran obra (foi levada ao cine) e tamén a que a catapultou para ser coñecida alén de Corea; Actos humanos, Premio Manhae de Literatura de Corea e premio Malaparte en Italia; Blanco, finalista del Booker International en 2018. Todas estas novelas foron publicadas en España por Literatura Random House.

Entre os nomes que se barallaban como posibles gañadores do Premio Nobel de Literatura, estaba o de Haruki Murakami, que se repite ano tras ano nas quinielas e empeza a ser considerado o portador da maldición do eterno finalista, a escritora chinesa Can Xue (pseudónimo de Deng Xiaohua) ou a escritora rusa Lyudmila Ulitskaya. Mais, ¿cal é a orixe deste galardón que cada edición consegue manter a todo o mundo pendente dun fío? O inventor e empresario sueco Alfred Nobel mandou redactar o seu testamento un ano antes do seu falecemento en 1895. Deixou por escrito que o 94% da súa fortuna fose destinada a premiar as máis importantes contribucións para a humanidade, en materia de física, química, medicina, literatura e paz. Cinco anos despois, o seu colega Ragnar Sohlman inauguraba a Fundación Nobel, que levou a cabo ese labor de conceder os Premios Nobel desde o 1901. No 1968, por iniciativa do Banco Central Sueco, sumouse o Premio Nobel de Economía ás cinco categorías existentes. Na disciplina de literatura, o premio concédese conforme á vontade de Alfred Nobel, a aquela persoa que producira no campo da literatura a obra máis destacada nunha dirección ideal, sendo a Academia de Estocolmo a institución responsable desta misión. Nos Estatutos da Fundación Nobel defínese a literatura «non só como as belas artes, senón tamén outros escritos que, en virtude da súa forma e estilo, posúen valor literario». De aí que a Academia Sueca puidese concederlle o galardón a un artista coma Bob Dylan en 2016, defendendo que Dylan creara unha nova expresión poética dentro da gran tradición da canción americana, decisión que non estivo exenta de polémica. O sector literario dividiuse con virulencia entre quen defendía o cantautor, e quen consideraba que existían escritores e escritoras con máis méritos para recibir o premio máis prestixioso do mundo. Dos 116 Premios Nobel de Literatura que se concederon desde 1901, tan só 18 foron para escritoras. A primeira delas foi Selma Ottilia Lovisa Lagerlöf, en 1909, e a última a flamante gañadora, Han Kang, reforzando a tendencia establecida desde o 2018 de alternar muller/home.

Malia todo, a balanza está desequilibrada e a cifra de autoras recoñecidas na historia do premio é ridícula. Kang, ademais de ser a décimo oitava muller en lograr este recoñecemento, fai historia ao converterse na primeira persoa de nacionalidade coreana que gaña o Nobel de Literatura, un premio onde impera o inglés coma a lingua máis recoñecida. Malia todas as fronteiras que quedan por derrubar, imposible non celebrar o premio de Han Kang.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents