Opinión
Esencialismo e heterodoxia no Día da Hispanidade
A celebración denominada Día de la Hispanidad (antes «Día de la Raza» ou «Fiesta de la Raza») naceu hai pouco máis de cen anos e perseguía unha finalidade pedagóxico-ideolóxico-política nunha época na que se consolidaban en toda Europa os sistemas escolares nacionais. Era, en definitiva un intento de consolidar un proceso de construción do Estado español auspiciado polo Centro de Estudios Históricos aproveitando a herdanza —España segue a ser un país de herdanzas e nostalxias— ideolóxica da Academia da Historia (AH). A herdanza esencialista e providencialista desta institución deixou as súas pegadas no denominado Hispanismo ou Hispanoamericanismo, un concepto que en versión da propia AH comeza a tomar forma en España cando se perden os últimos territorios en América (1898) e os seus ideólogos —Maeztu e os que van ser fundadores do Centro de Estudos Históricos, Menéndez Pidal e Américo Castro— coinciden en que hai tres cuestións que o conforman: raza, relixión e lingua, unha triloxía ideolóxica que funciona como herdanza permanente.
Tropecei frontalmente coa traxectoria patriótica da Academia da Historia con ocasión da polémica protagonizada por Murguía cando este pretendía, en 1857, arredar argumentalmente da realidade a figura vitoriosa do Cid Campeador para situala na mitografía histórica da época. Para valorar esta opinión «contracultural» do noso historiador cumpre non esquecer o clima de exaltación patriótica que se vivía en España impulsado polas guerras napoleónicas e pola independencia que estaban acadando os países de América do Sur, recoñecida tardiamente por España. Pretendíase, por parte dos «historiadores isabelinos», acubillados na AH, elaborar unha historia patriótica ao servizo das necesidades políticas do Estado. Desde a súa creación, a Academia da Historia (AH) tivo entre os seus obxectivos sempre resaltar o carácter único da historia de España e fomentar o orgullo de pertenza a ela. Un programa que debería servir para reflexionar e aprender a convivir, adoptou o que se pode chamar «formación do espírito nacional». A AH mantén unha absoluta fidelidade aos principios fundacionais do século XVIII que non son outros «purificar e limpar a historia de España das fábulas que a deslocen e ilustrala coas noticias que parezan máis proveitosas». Naturalmente que o franquismo concedeu un lugar importante á idea da hispanidade intimamente ligada á súa nostalxia restauradora dun imperio e a restablecer unhas relacións internacionais do réxime moi deterioradas. Foi tal o arraigo desta idea de espiritualidade baseado na lingua e na relixión que ata un sector cualificado do exilio republicano se sumou a ela sen comprender a imaxe retrógrada que proxectábamos como españoles en gran parte de Hispanoamérica.
Cumpre aclarar que o concepto de hispanidade non significou nunca o mesmo para todos: para os conservadores era unha ideoloxía enmarcada nos valores do catolicismo e da lingua común, tal como defendía Maeztu; para o liberalismo do Centro de Estudos Históricos a base estaba na lingua común ou, como para Alfonso Reyes, na reflexión sobre un conflito entre dúas razas. Como dicía Octavio Paz comentando o proxecto de estudo da tradición de Vasconcelos: «Hay dos Españas: la cerrada al mundo y la España abierta, la heterodoxa que rompe la cárcel por respirar el aire libre del espíritu. Esta última es la nuestra». (El laberinto de la soledad). Pero a AH segue inpertérrita, impasible. Aínda moi recentemente nun acto no que a súa directora acompañou ao Rei (venres, 4 de outubro pasado) nun acto oficial non resistiu a tentación de respostar a carta vergonzosamente silenciada do presidente de México: non hai culpables colectivos (na mellor tradición nacional-católica) e as fronteiras de España sempre foron inclusivas fronte das británicas que foron de exclusión (coma se non soupésemos que todas as fronteiras son separadoras e focos de «fecunda tensión»).
Suscríbete para seguir leyendo
- El juez instructor del caso Asunta reacciona a la novela de Alfonso Basterra: 'Es muy triste que haya usado a su hija
- La segunda salida de tono del conselleiro de Sanidade: cuestiona la importancia que se le da a la salud
- ¿Tienes mascotas en casa? Así podrás deducirte sus gastos de la declaración de la renta
- Un popular tiktoker catalán se rinde ante la afición del Celta: «Cada vez que vengo a Vigo...»
- El vigués que triunfó en el QIR: «Estudiaba de lunes a sábado y, el último mes, sin descanso»
- Detenido un hombre en Vigo tras desaparecer cuatro días con su bebé y agredir a su pareja
- Las primeras furgonetas camper en serie de Galicia se fabrican en Baiona
- La pareja de Feijóo pide una concesión hasta 2037 del acceso desde su casa a la playa de O Con