Opinión | A protección das rías galegas fronte a ataques inimigos . Unha costa permanentemente ameazada
Xerardo Dasairas
Vixías, alarmas e milicias (II)
A defensa da costa galega

Fachos do sur da ria de Vigo 1765. / Arquivo do autor
En 1668, ao rematar a guerra con Portugal e baixo o reinado de Carlos II, Galicia vai sufrir unha mobilización de tropas para Flandes, sen parangón ao longo da sua historia, ao seren mandados aos Países Baixos unha boa parte do exército que defendía a fronteira portuguesa, totalizando perto de 6.000 homes. Segundo algunhas fontes “se embarcaron a punta de pistola dos mil padres y esposos de la región de La Coruña”, operación que se repetiría sucesivamente con importantes recrutamentos en Galicia durante as duas décadas seguintes, chegando a 16.000 os soldados galegos enviados a Flandes, que supuñan a metade dos recrutados no resto de España. Unha curiosidade destas levas forzosas atopámola na recruta de mozos xóvenes galegos que andaban na sega en diversos municipios das Castelas e que supuxeron o 21% dos “levados” nestas terras.
O 4 de abril de 1677 toma posesión como capitán xeneral de Galicia, Diego Antonio Félix de Croy Peralta y Velasco, marqués de Falces e Mondéjar e conde de San Esteban. A primeira medida que tomou foi reorganizar o sistema de vixilancia da costa pois, segundo el, “en estas costas estamos todos con las armas en la mano por bordear en ellas muchas velas de moros y por el rezelo de que no executen los acostumbrados robos. El descuido que ha havido en las guardias y centinelas de estas marinas, ha permitido las frecuentes invasiones”. Para evitar esta ousadía dos “bárbaros” dispuxo que se aumentasen os corpos de garda e as atalaias, observándose nas mesmas “la mas puntual y vigilante disciplina militar, de suerte que a la primera señal de que aparezcan embarcaciones enemigas, estén prontas en todos los puestos para observarlas y oponerse a sus intentos, socorriéndose unos a otros con facilidad y brevedad”. Aos tres meses, confirmaríanse estas melloras, ao atacaren as milicias, que se desprazaran en barcos, a un bergantín berberisco nas Cíes que facía augada, deixándolle varias baixas e facéndoo fuxir. En anos seguintes, a premura na vixía e control da costa permitiría anteciparse ás intencións dos inimigos, sendo que nas vixías principais un cabo facía as velas con catro homes, vai ser sustituido por un piloto, home de mar, capacitado para coñecer o tipo de barco, armamento e rumbo que levaba.

Fume de día e lume de noite eran os sinais de alarma, ainda que tamén se usaban bandeiras, buguinas e campás nos máis próxim.o / Arquivo do autor
Nestas datas, o cargo de capitán das milicias do Morrazo seguía recaendo na linaxe dos Romay, que xa entrocados cos Saavedra, moraban na casa matriz deste apelido, o pazo do Cadro en San Tomé do Piñeiro. Este cargo ostentábao agora Antonio Jacinto Saavedra Romay a quen sucedeu logo José Antonio Saavedra, capitán de cabalería que se intitularía como comandante da Península do Morrazo xa a comezos do século XVIII.
En 1690, o gobernador e capitán xeral de Galicia, conde de Puñonrostro, vai comunicar que el Gobierno de los Puertos y Plazas maritimas de el Rey no toca unicamente a los Sargentos Mayores y Plazas maritimas (encargado do porto) y se proveen de sujetos en servicio o que han militado, los quales han de cuydar y rondar las fortificaciones, guardias, y centinelas de sus distritos. Que el nombrar los Milicianos para dichas guardias, toca al Cabo y Capitanes, los quales embiarán relación de ellos por tandas, al Sargento mayor, o Plaza marítima, para que se sepa quienes son y los que faltaren, remitiéndola cada quatro meses. Que se guarde y observe la costumbre que ay tocante al numero de gente conque guarnecen los Fachos, Garitas, y Centinelas, que cubren la costa del mar, ansi en tiempo de verano, como de imbierno, sin que para la guardia ordinaria de ellos se pueda añadir especial orden mía. Ordena tamén que, cada certo tempo, realicen alardes (simulacros) e que as ausencias a estes ou aos turnos de vixilancia só podían ser sancionadas por el mesmo, prohibíndolles aos xefes que eximisen aos paisanos destes servizos en troques dun ferrado de gran como se tiña denunciado.

Iinforme espia portugués 1762 / Arquivo do autor
Os Sarxentos Maiores (xefes de distrito) e os xefes de prazas marítimas (portos) eran os encargados de controlar as visitas dos navíos e embarcacións, acompañados dos Ministros da Inquisición e do Contrabando, xunto co Escribán de Guerra. Nestas visitas, o mestre do navío debía declarar de que nación era, o porte e artillería que montaba e que número e clase de viaxeiros levaba. Asemade, os capitáns dos barcos debían mostrar os despachos cos que navegaban e indicar o seu rumbo con indicación do inicio e final do traxecto. Os Sarxentos Maiores e os xefes de prazas marítimas tamén debían coidar que non se embarcasen grans nin outros frutos da terra, agás que contasen coa debida licenza, sempre baixo supervisión do Escribán de Guerra.

Vixía garita. / Arquivo do autor
Despois da batalla de Rande en 1702, as fortificacións de Vigo (Castelos do Castro e San Sebastián e as murallas) ficarían moi danadas e poucos anos despois, as autoridades reclamarían que o distrito do Morrazo enviase homes para axudar a reconstruilas. Descoñecemos cal foi a aportación desta banda da ría e se a houbo, mais sabemos que os veciños do Hio conseguen en xullo de 1705 que os eximan de tal contribución pois están implicados nas constantes gardas que teñen que facer no facho de Ponxoeiro. Neste mesmo ano, sendo capitán xeneral de Galicia o duque de Hijar, dividiuse a costa en Divisións (sectores) e estas. á sua vez, en Partidos ou Sargentías (ao mando dun sarxento Maior) que se subdividían en Trozos ou Caudillatos. En cada un destes, organizáronse unhas milicias formadas por veciños de entre 18 e 50 anos, dos lugares comprendidos no distrito en duas leguas adentro da costa (No Morrazo todos os pobos), co fin de preservarlos de calquera insulto ou saqueo por parte dos piratas ou inimigos da Coroa e de velar nos fachos e vixías da costa turnándose durante vintecatro horas. Estes milicianos, vestidos cada un ao seu xeito e armados con trabucos, mosquetes, pistolas de chispa, chuzos, picas, forcadas, gadañas..., non contaban con fuero militar nin distintivos do seu grao, mais tiñan a obriga de recoñecer aos seus xefes ou caudillos e de aí o nome. O xefe principal adoitaba ser un sarxento Maior, auxiliado por un segundo e terceiro no mando, todos de carácter nobre, ainda que de non haber na zona xente deste rango social, elixíase un fidalgo ou persoa destacada que no caso da xurisdición do Morrazo (caudillato) seguía a ser un membro dos Saavedra Romay do pazo do Cadro en San Tomé de Piñeiro.

Vixías e garitas Cangas. / Arquivo do autor
No ano 1726, sendo capitan xeneral de Galicia o marqués de Caylus, o Goberno central nomea ao Ferrol como capital dun dos tres Departamentos Marítimos en que se tiña dividido o litoral peninsular, pasando a Mariña a deseñar os plans de defensa da costa no que se integran os fachos e vixías, comezando tamén o sistema de levas forzosas. Agora, aos componentes das compañías de milicias que non posuían ou podían mercar un arma, era o Almacén Real da Armada quen llas suministraba, sendo que todos, incluso os que tiñan arma e munición propia, tiñan a obriga de presentárense con elas sempre limpas e en boas condicións de uso. En 1734, un informe recolle que os postos de vixilancia de Vigo e do Morrazo se atalaia la mar con zentinelas diarias y además de ellos todas las noches en tiempo de verano (época propicia para a navegación) cada feligresía contribuie reforzándolas con un bezino y a veces con quatro, dando conta de calquera novidade ao caudillo de milicias da zona quen lla comunicaría aos mandos de Vigo, Marín ou Pontevedra segundo o lugar e as circunstancias. En 1739, sendo gobernador e capitán xeneral de Galicia o conde de Itre, volve a ditar novas normas sobre os fachos e vixías, que consideraba un tanto descoidados (ver anexo).

Alarmas 1809. / Arquivo do autor
En 1762, con motivo de declarse a guera con Inglaterra e Portugal, o marqués de Croix, novo capitán xeneral, ordena que as milicias dos trozos teñan un mínimo de 100 homes, subdividíndose estes en 5 escuadras de 20 milicianos. As gardas dos fachos e garitas tamén se reforzaron e en agosto deste mesmo ano os veciños da Xurisdición de Cangas (actuais concellos de Bueu, Cangas, Moaña e alguns parroquias de Marín) comunicaban que con motivo desta guerra, na península do Morrazo, aislada de mar, eran máis de catrocentos os veciños que se ocupaban día e noite nas garitas e centinelas do seu litoral. Durante todos este anos, os parroquianos próximos ás vixías principais tiñan que se encargar dos turnos de garda, catro homes as 24 horas do día e da noite, ademáis da roza e carrexo de toxo para as fumaredas diurnas e de leña para as lumeiradas nocturnas. Estas obrigas, sobre todo nas parroquias pequenas eran moi onerosas para os poucos habitantes, que tiñan que desatender moitas veces o traballo no mar e durante as colleitas.

Casetas vixías 1797. / Arquivo do autor
Na altura de 1780, para evitar as levas forzosas para servir na Real Armada, os veciños do Hio, encabezados polo pedáneo, diríxense en abril ao caudillo de milicias deste trozo xurisdicional, Antonio Saavedra y Romay, para evitar esta circunstancia. Para isto, alegan o seu servizo continuo nas seis vixías da parroquia durante anos, estando por iso eximidos de integrarse nas milicias como agora pretenden. Dinlle que recorrerán ao Capitan Xeneral deste Reino para que “no se nos vuelva a molestar en razón de las guardias que se hacen en el Facho, tan necesario para la vigilancia de la costa.” Este asunto non tería moito percorrido pois sabemos que igualmente houbo levas de mozos da parroquia para a Mariña.
Desde 1796 e ata 1809 as vixías reactivaríanse ao entrar en guerra España con Inglaterra ao apoiar á Francia borbónica primeiro e á napoleónica despois. A presenza inglesa na ría de Vigo manifestaríase en 1797 ao fondear a flota de Samuel Hood por frente de Cangas, fóra do alcance das baterías viguesas, nun alarde de forza sen maiores consecuencias. En 1800, outra flota inglesa arribaría ás Cíes facendo fuxir aos colonos e permanecendo nas mesmas durante dez días, facendo aguada e descansando, sen seren molestados, agás a estreita vixilancia que deles se mantiña desde o Facho. Con motivo deste episodio, o capitán xeneral do departamento do Ferrol, a instancias do capitán do porto de Vigo, vai obrigar aos mariñeiros de Cangas a facer quendas de vixilancia nocturna pola ria. O Gremio do Mar cangués vai protestar enerxicamente contra esta medida alegando que na ría non había ningún buque da Mariña Real ni se teme en ella consisderable insulto hostil, sinó es alguno que se dirija contra los muchos barcos corsarios de particulares y sus presas, fondeados en Vigo, considerando máis lóxico e xusto que fosen os armadores do corso quen se encargasen destes servizos. Alegaban, ademáis, que os fachos e atalaias do Morrazo non eran auxiliados polos da parte viguesa da ría a causa de la distancia que promedia y la falta de tierra firme para el tránsito de la ayuda.

Piloto na vixia da Herbeira na Capelada en Cedeira. / Arquivo do autor
No ano 1803, no interregno desta guerra vanse crear as Comandancias de Mariña e as vixías costeiras principais van estar mandadas por un piloto naval militar, capacitado para coñecer o tipo de barco, armamento e rumbo que levaba. Ao invadiren España as tropas napoleónicas, o escenario bélico vaise centrar nas contendas no territorio interior, perdendo certo protagonismo os fachos e vixías costeiras ao non chegar moito movemento de tropas invasoras polo mar e o sistema de guerrillas (Alarmas) actuante en Galicia utilizaría outros sinais que non fosen o lume ou o fume, para non seren localizados. Despois desta guerra, os fachos e garitas comezarían a ser abandonados, extinguíndose en 1820. Contodo, ao caer Cuba na man dos ianquis en 1898 e temerse unha invasión dos mesmos polas costas galegas, algunhas vixías da costa como o Facho e sobre todo a Garita do Castelo en Darbo serían activadas por un tempo, atendidas por un piloto da Armada. Ao final non houbo nada e abandonouse a construción da batería (o Forte) de Balea, esborrallándose o posto de vixilancia ubicado no monte da Garita.
- «Cosas que no tienen sentido en Vigo»: la retranca de este creador de contenidos que conquista las redes
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Dos vecinos de Redondela encuentran una bolsa con 300 euros y se la devuelven a una peregrina: «No lo dudaron ni un segundo»
- Crecen en Vigo las demandas de padres divorciados que van a la vía judicial para liberarse de pagar la pensión a sus hijos
- El mercado de la compraventa de vivienda en Vigo confirma su frenazo: las transacciones siguen en caída libre ante unos precios disparados
- La apicultura encadena cuatro años de mala cosecha y prevé recolectar un 30% menos en esta campaña
- Argentina multa a un pesquero gallego con un millón de euros por supuesta pesca ilegal
- Volotea cancela la venta de 32 rutas para este invierno